Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Tempos de Imperio

Galicia na xeira dos Austrias

Canóns no baluarte de San Carlos (A Coruña).

Fronte á idea de decadencia que se asocia polo xeral a este período da historia de Galicia, o certo é que durante os séculos XVI e XVII Galicia atravesou momentos de prosperidade e mesmo esplendor, que se alternaron, tamén é certo, con momentos de crise e estancamento.

Efectivamente, coincidindo cun período de crises políticas que provocaron que o territorio galego se vise afectado pola presenza dos piratas nas nosas costas (Drake, os berberiscos...) e pola guerra contra Portugal (1640-1668), detéctanse, no ámbito da evolución da actividade económica, dúas fases principais: unha de crecemento (1480-1610/20), en relación coa súa integración nas rutas comerciais atlánticas, que favoreceron a expansión das actividades comerciais e artesanais; esta fase, que entra en retroceso despois de 1570, como consecuencia da política exterior da monarquía hispánica, dá paso a unha nova fase (1610/20-1720/30) de agrarización e ruralización que coincide coa introdución en Galicia do millo no ano 1630, que apenas provocou cambios nas estruturas agrarias tradicionais.

Neste sentido, a estrutura da sociedade galega nos séculos XVI e XVII xiraba arredor da terra, polo que, dunha parte estaban os perceptores de rendas señoriais, tanto eclesiásticos como pacegos; doutra parte, en situación de subordinación, estaban os labregos, que traballaban as terras baixo diferentes formas de cesión, aínda que dende o século XVI a máis estendida foi o foro. Este sistema de explotación, que dividía ao conxunto da sociedade galega entre pagadores e perceptores de rendas de orixe agraria, determinou que a sociedade galega baixo os Austrias se configurase como unha sociedade de rendistas na que as clases dominantes, entre as que salientaba polo seu número a fidalguía rural, lonxe de investir as súas rendas nas terras das que obtiñan a súa riqueza, dedicaban as súas rendas á construción de igrexas e pazos e ao pagamento dos estudos universitarios aos fillos segundóns para que realizasen unha carreira universitaria. Non obstante, á marxe desta división social de base foral, existían outros grupos sociais non privilexiados: os mariñeiros, agrupados en gremios e confrarías; os artesáns urbanos, tamén organizados de xeito gremial; e, en terceiro lugar, os comerciantes, instalados nas principais vilas e portos de Galicia.

Precisamente o dinamismo económico de Galicia foi unha das razóns polas que, dende 1480, data na que os Reis Católicos nomearon a Fernando de Acuña Xustiza Maior do Reino de Galicia e ao licenciado García López de Chinchilla Alcalde Maior coa misión de pacificar o reino e restaurar a xustiza real sometendo aos señores locais -entre eles ao mariscal Pardo de Cela, axustizado no ano 1483-, os Austrias promoveron unha serie de institucións de carácter político que promoveron a integración de Galicia na monarquía hispánica: a Audiencia de Galicia, as Xuntas do Reino de Galicia e o gobernador capitán xeneral, quen presidía a audiencia e as xuntas e era o delegado do monarca no Reino de Galicia.

Finalmente, Galicia na época dos Austrias asistiu á fundación en 1495 da Universidade de Santiago de Compostela, creada por Lope Gómez de Marzoa como unha escola de gramática, na que se podían estudar tres disciplinas: gramática, teoloxía e artes, que logo se ampliarían coa inclusión de medicina e leis na oferta educativa.

Así mesmo, da man do desenvolvemento económico e da estrutura social, que facía recaer os excedentes de produción na fidalguía e no clero, nesta época introdúcense o estilo renacentista e acada o seu máximo esplendor o barroco galego da man de arquitectos como Domingo de Andrade, Fernando de Casas Novoa, autor da fachada do Obradoiro, e Clemente Fernández Sarela.

Os Séculos Escuros

  • Temos ben fixada no noso imaxinario colectivo a etiqueta 'Séculos Escuros'para referirnos aos séculos XVI, XVII e XVIII, considerados como unha etapa gris do noso pasado histórico fronte a outros períodos máis atractivos, como o medieval; de feito, estes séculos asócianse ao momento en que Galicia perdeu definitivamente a súa identidade política fronte a Castela, dando comezo ao seu sometemento histórico, simbolizado coa famosa sentencia referida á 'doma e castración' de Galicia iniciada polos Reis Católicos.Obviamente, a esta caracterización negativa contribúe a situación da lingua galega, que neses séculos comezaba a ser desprazada polo castelán, o que deu orixe a unha situación diglósica que provocou a exclusión do galego da administración, da cultura e doutros ámbitos de poder. Por suposto, esta perda de prestixio, que faría posible a castelanización do galego e imposibilitaría a formación dun patrón lingüístico de referencia para a lingua, levou aparellada, por outra banda, a decadencia da literatura galega, apenas cultivada.Non obstante, o que pode ser válido para a literatura non o é para o proceso histórico, xa que ese momento coincide cun momento de forte desenvolvemento económico e social de Galicia, cada vez máis integrada na estrutura política da monarquía hispánica.

Compartir el artículo

stats