Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Novela epistolar

A fugacidade da historia

Novela epistolar

Volvemos nesta semana comentar unha nova publicación da santiaguesa Editorial Huguin e Munin. Nesta ocasión trátase das Últimas cartas de Jacopo Ortis, da autoría de Ugo Foscolo (en realidade Niccolò, que adoptaría máis adiante o nome literario de Ugo), en tradución do italiano de Isabel Soto. E novamente temos que dar os parabens á publicación da obra, pois é de agradecer dispormos da lectura en galego deste ou calquera libro de calidade, desexando, e oxalá así sexa, que os ventos que sopran en contra non fagan naufragar estes esforzos que asentan o presente e preparan o futuro.

Naceu o autor o 6 de febreiro de 1778 en Zante, illa xónica daquela dominada pola próspera Venecia, que xa aos 19 anos escribiu unha traxedia, Trieste, coa que se adentrou no xénero dramático, sen que logo deixase de dedicarse tamén á novela, á poesía e á tradución. Foi asimesmo soldado, combatendo os austríacos durante a guerra napoleónica, pola que se cedeu Venecia a Austria. Despois da guerra publicou a súa obra poética máis representativa, Os Sepulcros. As Últimas cartas de Jacopo Ortis foron todo un proceso, considerándose a primeira edición íntegra a de 1815. No 17 trasladouse a Londres, levando unha vida desordenada de perdas, débedas e desamores. Alí morreu o 10 de setembro de 1827, e en 1871 o seu corpo foi trasladado a Italia, á cidade de Florenza, e sepultado na igrexa da Santa Croce.

As Últimas cartas, inspiradas n´Os sufrimentos do mozo Werther, de Goethe, están consideradas pola historia da literatura como a primeira novela epistolar da literatura italiana. Certamente, e como se ten sinalado, están cheas de connotacións autobiográficas que destilan constantemente a desilusión do autor polo fracaso do soño duna Italia unificada baixo Napoleón Bonaparte. Aínda que este prometera combater a desunión italiana, finalmente asinou o Tratado de Campoformio (1797), cedéndolle Venecia a Austria. Foscolo sentiuse afundido, e ademais perseguido. Tivo que deixar a cidade e refuxiarse nos arredores de Padua, comezando alí as Cartas, que dirixe ao seu amigo Alderani, dando libre expresión á súa desesperación, á nostalxia dun futuro que non chegará, e á tristura dun pasado heroico que non se repetirá, deixando páxinas ferintes e amarguexas.

Nese mesmo exilio de Padua coñece a Teresa, da que se namora apaixonadamente. Pero o destino amoroso tampouco lle foi propicio; tanto que, afogado polas débedas, o pai de Teresa casouna cun Marqués. Vaise, e viaxa por Italia, reflectindo nas súas cartas a súa visión da natureza, da historia, do seu carácter fuxidío, da súa precariedade? dunha vida que non consegue apreixar e sempre se lle escapa.

Recomendable para uns días de verán, inmunes á depresión.

FOSCOLO, Ugo, Últimas cartas de Jacopo Ortis, Ed. Hugin e Munin, Santiago, 1016, PVP. 15, 50 ?

Compartir el artículo

stats