Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Desprazamento e vida cotiá

Maider López no MARCO

Exposición Desprazamento no MARCO (Vigo). // ELI REGUEIRA

A cultura, desde os momentos iniciais da súa definición por parte da humanidade, maniféstase, en boa medida, na construción e elaboración ligada ao ámbito territorial, ao xeográfico. Caracterízase pola súa íntima fusión coa nosa cotidianeidade e polo seu carácter utilitario, xa que a ocupación do territorio, e a súa alteración, está ligada ao pensamento racional que a posibilita e que fundamenta a nosa condición humana desde o comezo da nosa existencia. Esta ocupación e modificación espacial, un dos produtos do desenvolvemento das nosas sociedades nos últimos séculos, non fixo máis que acentuar ese sentido do territorial ligado á funcionalidade máis plena, ao seu valor utilitario.

A exposición que presenta o MARCO, Museo de Arte Contemporánea de Vigo, até o 18 de setembro, Desprazamento, coproducida pola institución viguesa en colaboración co centro vasco Koldo Mitxelena Kulturunea, ofrece ao espectador unha ollada singular, a da artista Maider López (San Sebastián, 1975) que realiza unha intervención específica na planta baixa do MARCO que xera un duplicado de medio metro de altura das paredes do museo que, ao seren desprazadas, nos permiten repensar o lugar, ofrecendo perspectivas, itinerarios e circulacións non habituais. Alén da intervención que dá título á mostra, o percorrido polos espazos da planta baixa do museo abrangue toda unha serie de proxectos específicos conectados conceptualmente coa peza central da exposición.

Por medio deles, a mostra revisa o traballo dos dez últimos anos da artista, un labor centrado en accións cotiás e realidades comúns que son cuestionadas por medio de intervencións moi reflexivas mais con moito de paradoxais. No seu traballo o espazo urbano e a paisaxe natural dislócanse mediante estratexias que alteran hábitos e relacións, xerando novos espazos ou situacións, novas regras do xogo, convidándonos a repensar intensamente a nosa contorna.

A ollada da artista, chea de sutil ironía, tórnase sintomática da nosa realidade cultural -no sentido máis amplo da acepción- porque nos presenta certas tendencias -levadas moitas veces ao absurdo- no uso do espazo público no mundo actual e tamén porque permite a reflexión sobre o sentido profundo, sobre o valor plural, mesmo desde a perspectiva puramente lingüístico-conceptual, da ocupación do territorio na sociedade contemporánea, na que non hai practicamente ningunha tenza da nosa realidade en que non estea presente. De feito a mostra preséntase como unha revisión, e un pór en cuestión, a habitual relación entre os seres humanos e espazo ou canto menos sinalar a súa esencial debilidade. A procurada ambigüidade das intervencións e a actitude conceptual que presentan os diferentes proxectos é, de seu, todo un síntoma da multiplicidade de lecturas que o ámbito espacial e social nos ofrece. En boa medida semella unha superación, que non negación da vella relación espazo natural-espazo social que presidía unha parte da construción da modernidade desde hai máis dun século, en especial desde as prácticas da vangarda histórica. Desprazar é "mover ou sacar a alguén ou algo do lugar no que está", definición coa que a artista nos dá as chaves necesarias para enfrontármonos a estes traballos. Non só porque Maider López utiliza o desprazamento como recurso para crear situacións de estrañamento, senón pola súa vontade de xerar un novo lugar mental no que confrontar as nosas ideas preestablecidas.

Título: Desprazamento

Artista: Maider López

Comisario: Iñaki Martínez Antelo

Produción: MARCO e Koldo Mitxelena Kulturunea

Local: MARCO, Vigo

Até o 18 de setembro

Reformular o espazo

  • O descritivo do título, "desprazar", axústase moi ben á visión que podemos proxectar sobre os espazos en que nos recoñecemos e que nos rodean, mais tamén á posibilidade de reformulación, de revisión, de intensa flexibilidade, que a súa modificación permite, posibilitando novas lecturas, en que calquera alteración é filla de unha idea ligada a estratexias artísticas contemporáneas. A artista utiliza a ambigüidade, a distorsión, a ironía ou a espectacularización do ámbito xeográfico ou espacial como alicerces do discurso estético. Estes aspectos pódense percibir á perfección na mostra viguesa; nela podemos ver desde un duplicado modificado do espazo museístico na planta baixa do museo até gravacións en vídeo e fotografías de intervencións no territorio natural e social. Esta variedade de tamaños e amplitudes favorece a espectacularidade da montaxe e, xa que logo, resaltan esta faceta dos proxectos, con toda a súa riqueza de matices e complexidade.Finalmente, cómpre destacar que a mostra permite novamente percibir as posibilidades espaciais do MARCO, xa que as salas do museo, polo tamaño das salas, que en boa medida se converten en algo máis que simple espazo, pasan a ser parte esencial do diálogo plural que a paradoxal realidade presente na mostra nos permite percibir.

Compartir el artículo

stats