Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Axitar conciencias

A xustiza feita novela

Axitar conciencias

A narrativa de María Reimóndez hai que lela sempre en clave de denuncia das situación de inxustiza que as mulleres vivimos en diferentes contextos sociais, mais sobre todo nas distintas vivencias cotiás que, podendo parecer mínimas, se revolven e se revoltan contra nosoutras, en ocasións sen sermos conscientes delas. A Deli, a protagonista de A dúbida, pásalle algo semellante. Leva unha vida aparentemente tranquila ata que o seu marido se ve envolto nun caso de pederastia e a partir de aí, a súa existencia se ve dinamitada e aparecen todos os interrogantes. Non unicamente a gran pregunta, ese "puido facelo?" inquientante, que corta a respiración, senón tamén esas pequenas cuestións que no día a día se van relaxando porque á vez se van agochando nos baixos: por medo a coñecer realmente as verdades, por monotonía -ese non remexer no que se dá por feito, por desinterese, quizais -polo "vou enfrontarme a isto se, ao mellor, é algo cativo, nimio, insignificante". Velaquí, un dos primeiros acertos da novela: saber somerxerse con mestría na profundidade psicolóxica da protagonista, nesa desesperación mesturada de raiba que acepta na intimidade e á que se enfronta, exposta, con afouteza pública, saíndo victoriosa. Cada ferida, resilente, convértese nunha aprendizaxe. Se alguén loita por desenmascarar o acontecido é ela, se alguén se levanta logo de ver exposta a súa intimidade é ela, converténdose quizais na heroína máis auténtica de toda a produción narrativa da autora.

A tensión conseguida, case inherente ao propio formato da novela (que foi vencedora no último premio de novela por entregas convocado por La Voz de Galicia), favorece unha trama que se nutre da brevidade porque non precisa máis. Teno case que todo: intriga (moi favorecida polas acaídas elipses presentes ao longo do texto), personaxes conseguidos e sumamente interesantes (políticos que parecen prototípicos sen selo, inspectores que acaban por ser un descubrimento), denuncia da situación de desamparo das nenas e nenos que sofren abusos sexuais e ansias de saber. Porque esa ansiedade da protagonista por querer coñecer se a súa vida anterior foi ou non un engano vaise trasladando ao lectorado e a única estratexia para superalo é seguir alimentando ese avance de páxinas que, a pesar da dureza das cuestións abordadas, deixan un bo padal, porque a sociedade está cansa de lle conten as cousas a medias e esta novela (eis a maxia da ficción!), permítenos sabelas enteiras.

A afouteza no tratamento do tema da pederastia, moi escasamente abordado na literatura galega (se ben tocado tamén n'O corazón de Xúpiter de Ledicia Costas), cunha incidencia especial no pasado do presunto delincuente, mais tamén na aguda reacción do contorno -e esa actitude de exculpación dos delincuentes, case de benevolencia con eles- resulta especialmente reveladora hogano. Nun panorama político-social en que é máis importante tentar gañar unha Eurocopa que cuestionar as implicacións de certos futbolistas nun caso de prostitución e abuso a menores, o texto de María Reimóndez é un axitador de conciencias. Se ademais se ten en conta que a outra temática da que bebe a obra é a das intrigas e a da corrupción política, A dúbida é unha metáfora do que acontece no estado hoxe e lela é unha sorte de catarse que reconcilia en certa maneira co mundo. Aquí si, acabamos por sabelo todo; aquí si, cada culpable (raramente hai un só) ten o seu merecido. A xustiza feita novela. Para moitas chegou o tempo en que as xustizas non só ocorran nos mundos ficcionais, así que esperemos que ese carácter actual que ten a creación na súa temática se traslade tamén á súa materialización final na realidade.

REIMÓNDEZ, Maria, A dúbida, Ed. Xerais, Vigo, 2016, PVP. 16, 65 ?

Compartir el artículo

stats