Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Relatos con tempero

Entre a retranca e o acedume

Relatos con tempero

Cun brazado de trinta e un relatos faise visible na narrativa galega Alex Alonso, logo de ter publicado outras narracións breves como Entremonías e Xénero imperfecto. En Tempos de bebidas isotónicas e fast-food agasállanos con historias mínimas, pero que superan o formato do microrrelato, se ben a súa sustancia érguese na mesma arquitectura compositiva: intensidade creadora, manexo da arte da compresión, da recompensa inmediata, e dominio das técnicas narrativas pertinentes coa ficción de formato breve. Alex Alonso compila neste volume varios relatos de temáticas e tonalidades diferentes, atravesados, porén, por un similar aire de familia: breves cadros, pequenas historias de carácter urbano, con diversidade de voces, tirados na súa meirande parte de noticias dos xornais e que abalan entre o humor e a denuncia, entre a parodia e a retranca. Unha novela de historias que, no seu conxunto, espellan con realismo e fidelidade as "glorias" e infernos das sociedades actuais. Protagonizadas case que todas elas por persoas do común, que se moven todos os días polas rúas, ao noso lado.

No caleidocopio que forman estes relatos, son máis abondosas as eivas e as denuncias que as bondades e compracencias porque Alex Alonso non sublima as realidades dos nosos días, ateigada de estafas, trampas e enganos: a parella que se quere instalar no benestar da clase media e compra un piso novo e de súpeto todo entra en barrena. Unha dura alegación contra os desafiuzamentos, un signo dos tempos. A desesperación dos preferentistas, reflectida nas palabras e medos do director da sucursal bancaria, vítima tamén do engano dos xefazos; as consecuencias dun divorcio nun fillo que proxecta a súa furia contra a nai; o desespero de estar no paro que converte as persoas nunha especie de planta; os subornos na administración, no día de hoxe "o verdadeiro xogo de democracia", ou a contabilidade en A, B ou C, en directo ou en diferido, dun partido político, camuflada nun brinquedo de palabras inintelixibles.

Noutros relatos agroma a violencia larvada ou claramente operante de certos comportamentos sociais: a nai indignada que se vinga con carraxe do violador da súa filla; o cura pederasta que se excita coa confesión do rapaz; as posturas hipócritas diante do aborto practicado pola moza pobre; o escándalo de ter unha nena adoptada por unha parella de lesbianas, porque viven fóra do sistema. As reflexións dun torturador arxentino, especializado en martirizar mulleres, que se considera un necesario profesional da dor. Ou as humillacións e aldraxes dun funcionario que esixe unha tarde de sexo coa moza venezolana por terlle buscado un traballo de catro meses. Tampouco faltan relatos nos que se pon o acento no papel absorbente das novas tecnoloxías. Algúns deles describindo con humor as trampas de internet para dúas mulleres aprendices, de sesenta anos.Outros convidándonos a tomar conciencia das conversas parvas e intranscendentes das redes sociais e o conseguinte empobrecemento da linguaxe. Mais tamén advertindo do perigo inconsciente para moitos adolescentes das citas á cegas, xestionadas nun chat. O whatsapp que está a converter os seres humanos en robots idiotizados, ata o punto de que un relato ateigado de duro humor lémbranos que hoxe non whatsappear é unha actitude subversiva, antisistema para a policía.. Non falta algún relato escrito en castelán porque a voz narradora defende unha Galicia bilingüe e marca para o hábitat do galego, esa lingua tan "riquiña", o campo, a vida rural. Relatos, xa que logo, escritos con tempero e que realizan unha ben lograda radiografía do signo dos tempos.

ALONSO, Alex, Tempos de bebidas isotónicas e fast-food, Edicións Xerais, Vigo, 2016, PVP. 16,65 ?

Compartir el artículo

stats