Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Imaxinación sen cancelas

Cando a extrañeza dá en admiración

Imaxinación sen cancelas

Carlos López, xa coñecido por obras como A peripecia de Roi, tamén publicada en Tambre, dá ao prelo un novo título que sorprende pola desbordante imaxinación que exhibe e que preside cada unha das páxinas, das esceas ou das liñas do volume.

A invención de seres ou acontecementos que non son reais, unido á capacidade de elaborar imaxes ou conceptos novos ten na fantasía de O lume de contador de historias un referente extraordinario, capaz de atravesar a fronteira da realidade e buscar acubillo nos lindes da extravagancia ou do disparate. O impacto que produce no lector mozo supera a liña do convencional e, por iso, a extrañeza convértese en sorpresa, admiración, curiosidade se falamos en termos de emoción que se xera cando hai algo que resulta fóra do habitual ben sexa por asociación de ideas inusuais, pola inclusión de elementos ou por comportamentos pouco lóxicos.

O volume, que consta de dezanove capítulos, reparte o seu contido en dúas partes. Unha primeira na que coñecemos a orixe do lume contador de historias -un raio que caeu sobre unha póla da pamarandá- e na que o protagonista vaise unindo a distintos personaxes para coñecer o mundo e unha segunda parte na que o percorrido se centra na procura da árbore de pamarandá por unha simple cuestión de supervivencia.

No camiño, e case de forma natural, o lume contador de historias vai enlazando relatos e contos, anécdotas e narracións que suponen un xiro na consideración que ata o momento temos desa realidade. Un carreteiro que comerciaba con raios de sol que gardaba en latas e vendía nos países fríos e escuros, un dono de circo que levaba na maleta os seus actores: o malabarista escaravello peloteiro, a funánbula araña ou a forzuda pulga eran os que causaban a admiración dos espectadores ou o pescador Ambalur que construía barcos de pesca son algún dos personaxes que xunto ao protagonista van cosendo días e momentos a unha liña do tempo que se converte en vital e que amosa que a natureza pode non ser tan natural e que a complicación das cousas, ás veces, chega da forma máis absurda.

É certo tamén que a imaxinación non ten cancelas e que xogar coa ficción pode chegar a ser un exercicio literario moi substancioso para quen escribe e para quen le.

LÓPEZ GÓMEZ, C., O lume contador de historias (Ilstr. Carole Henaff), Ed. Tambre, Vigo, 2016, PVP. 10 -

Compartir el artículo

stats