Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Filosofía e Literatura

Unha historia de filias e fobias

A filósofa e escritora francesa Judith Schlanger vén de publicar Trop dire ou trop peu, unha obra onde aborda o tema da densidade literaria, explorando as súas variacións en función da intensidade do texto e mais do efecto provocado nos lectores. "Dicir demasiado", nunha obra densa e difícil?ou "demasiado pouco" nunha escrita máis lixeira; como entender o fracaso dunha lectura por causa do aburrimento; ou como lograr manter a atención ante un texto, son algúns dos temas tocados na obra e ante os cales Schlanger proporciona a súa visión das letras, das artes e da filosofía.

E se falamos do dicir "por escrito", de densidades, intensidades, realidade ou fantasía, verdade ou beleza, poderiamos achegarnos ás relacións entre Filosofía e Literatura ao longo da historia, un compendio de filias e fobias declaradas, amores e necesidades mútuas ás veces e discusións e exclusións recíprocas, outras. Un camiño que transcorre entre a Filosofía como literatura do coñecemento dalgúns ata a visión dunha Literatura que crea e recrea artísticamente mundos posibles fronte a unha filosofía que se move no ámbito do Ser.

A filosofía occidental, que adoita voltar sempre aos gregos como punto de partida das súas discusións, afirma que todo comeza co problema entre o ser e o parecer; a Filosofía como aletheia, desvelamento do Ser e expresión da verdade fronte ás artes -entre elas as literarias- que se basean na imitación do ser, e por causa da cal Platón prefire desbotalas da súa República. É duro este autor coa literatura en xeral e cos poetas en particular. Esta imaxe de mímese aparece tamén en Aristóteles, quen fala na Poética da literatura como saber aínda sen nome e que se refire a ela como a arte que imita só coa linguaxe. É precisamente o problema sobre as posibilidades de representar o real o que enfronta as dúas disciplinas: e para estes autores, a Filosofía ten mellor posición, xa que é coñecemento racional da realidade tal como esta é. Mais?paradoxalmente os Diálogos platónicos son mosta do bo quefacer coas letras. E, como negar a presenza literaria no poema de Parménides? Ou a reflexión filosófica das traxedias de Esquilo?

Imaxe de Platón

A pesare dos momentos de exclusión recíproca ao longo da historia houbo momentos dun maior entendemento. En realidade, non podía ser doutro modo pois xa desde uns momentos moi iniciais a Filosofía se encarna na escrita. Certo é que os xéneros usados habitualmente polos filósofos -tratado, ensaio, aforismo?- teñen obxectivos claramente diferentes aos da literatura de fición. Mais, nin toda a filosofía é expositiva nin toda a literatura é fantástica. En determinadas épocas, as relacións foron especialmente estreitas no tocante a poesía. Heidegger consideraba a esta como a fundación do Ser pola palabra. Moitos autores considerarona o lugar privilexiado para a expresión do ser pola súa capacidade de amosar o máis intimo e inaccesible deste. Filosofía e poesía coincidirían así na súa búsqueda do Ser, por diferentes camiños, pero cun único fin: o coñecemento da verdade. E neste punto, como non citar a Hölderlin que, consciente dos problemas entre ambalas dúas disciplinas e ao mesmo tempo sabedor da súa verdade común escribía: xuntos están, os máis amados, nas máis separadas montañas?

Difícil é separar Filosofía e Literatura nas obras de innumerables autores. Absurdo marcar unha liña diferencial nos escritos de Dante, Thomas Mann, Kierkeegard, Borges, Unamuno, Goethe, Beckett, Calderón, e moitos outros. Que dicir de Nietzche? Filósofo clave e cunha influencia innegable na literatura alemana e europea desde a súa época ata a actualidade. Sartre? O autor francés que viu na literatura -especialmente no teatro- o mellor medio para expresar a súa reflexión filosófica e achegala ao grande público co fin de difundir o seu compromiso social. E Camus? Filósofo do absurdo e Nobel de Literatura. Representantes dunhas disciplinas que, aínda que sinalando as súas difenzas e particularidades parecen estar condenadas a entendérense.

Imaxe de Aristóteles

Compartir el artículo

stats