Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Fantasía de rei

Sobre o Roman de Ponthus

Fantasía de rei

O Roman de Ponthus apareceu en prosa aproximadamente entre 1390 e 1420 como unha reinterpretación dunha obra en verso, escrita en anglonormando, no século XII, co título de Roman de Horm e de Rimenhild. A obra espállase con éxito entre a nobreza -a propia raíña de Francia, Charlotte de Savoie, esposa de Luís XVI, terá un exemplar na súa biblioteca-. e acada numerosas traducións.

O relato conta a historia de Ponto, fillo do rei de Galiza, que tras a invasión sarracena da Coruña, e a conseguinte morte do rei Tíber, consegue fuxir nun barco con outros rapaces. Un naufraxio fronte a costa bretoa acabará cun final feliz e os rapaces serán acollidos polo rei de Bretaña e polos nobres da corte. Ponto e Sidonia, filla do rei, namóranse e deberán superar numerosos obstáculos. Despois de reconquistar o seu país, e de sobrevivir a varias traizóns, Ponto casa con Sidonia, convértese en rei de Galiza e Bretaña, mentres o seu irmán Polido ocupa o trono de Inglaterra.

A obra mestura acontecementos do século V con personaxes reais do século XIV e outros totalmente ficticios. Marie-Claude de Crécy, autora da primeira edición crítica obra (1997) considera que o seu autor podería ser o bretón Geoffroi de La Tour Landry, autor asimismo do Livre du chevalier de La Tour Landry pour l'enseignement de ses filles. Un neto deste cabaleiro foi bautizado en 1390 co nome de Pontus, nome que non se lle impuxera a ninguén ata aquel momento, pero que será frecuente nos séculos XV e XVI.

O resto dos nomes dos personaxes galegos son alleos a nosa tradición e a información sobre o país é moi elemental. A presenza dun galego no trono de Galiza e Bretaña é froito, quizais, da sona de Galiza nese momento na política internacional.

Na Historia de Ponto destaca o seu didactismo -os valores da obra poderían ser un referente para educar os nobres-; a demora na consecución dos desexos do heroe e as extraordinarias calidades do protagonista, que se move guiado por altos ideais, por un amor inquebrantable, e por unhas calidades físicas que lle permiten vencer a numerosos inimigos en combate.

As coincidencias coa Materia de Bretaña son notables nos elementos temáticos e nos procedementos narrativos, en especial con A morte do rei Artur, na oposición dun traidor ao heroe, na aparición de cartas falsas, no refuxio que as heroínas atopan nunha torre cando sofren un asedio, ou na ocultación que os cabaleiros fan da súa identidade nas xustas. E como nos libros de cabalarías, atopamos a celebración do combate como elemento probatorio da verdade.

O Roman de Ponthus durante os séculos XIX e XX foi coñecida por unha minoría de especialistas en filoloxía ou medievalistas, sobre todo de Francia. En Galiza, no ano 1985, Méndez Ferrín escribiu sobre a necesidade de facer unha tradución ao galego e unha edición crítica. El mesmo facilitaría a publicación n´A trabe de ouro do capítulo XI do libro, verquida por Anxo Fernández Ocampo. E no ano 2006, Paulo Nogueira publicou unha edición en galego de Ponthus e Sidoine, rei de Galiza, libro de gravados do século XV, que vén resumir a historia de Ponto.

ANÓNIMO, Historia do nobre Ponto, que foi rei de Galiza e de Bretaña (trad. Henrique Harguindey), Ed. Rinoceronte, Cangas, 2016, PVP. 16 ?

Compartir el artículo

stats