Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Na cerna do museo 2.0

Arte contra os dogmatismos

Vista exterior do MIMMA (Bruselas)

A arte é unha forza poderosa fronte á alienación e a tolemia. Na dimensión individual e na comunitaria xeramos actos sublimes, dignificadores da nosa condición pero tamén expresións do máis omnímodo espanto. A arte renova a súa tradicional motivación de combater o terror co nacemento do Millenium Iconoclast Museum of Arts (MIMA) en Bruxekas. O azar, en ocasións, conxúrase para que estas forzas opostas da nosa natureza se manifesten nun mesmo espazo temporal. Sucede que o mesmo día dos atentados, o 22 de marzo, estaba planificada a inauguración do MIMA.

O distrito Molembeek, tras os asasinatos en París e Bruxelas, quedou contaminado pola presenza dos radicais e mais o terror que sementan. O novo espazo foi finalmente inaugurado o pasado 15 de abril. Ten vocación de ser testemuña da realidade representativa do sentir da poboación que é contraria ao xihadismo radical. O MIMA comeza a súa actividade para irradiar unha enerxía mobilizadora na poboación expandindo unha cultura colaborativa, participativa, iconoclasta e transversal a través das últimas tendencias das artes visuais.

O museo colócanos nunha nova definición da representación, produto da evolución social que estamos a vivir coa cultura 2.0. Unha realidade que non despreza ningunha forma de expresión e que ten un novo actor diferenciado do consumidor da arte tradicional. As novas tecnoloxías confórmanse como un aspecto fundamental deste novo proxecto non só nos produtos, senón nas formas de comunicación entre artistas e público. O MIMA canaliza a necesidade da poboación de reivindicar a boa convivencia entre as culturas: algo que pode percibirse nas rúas de Molenbeek a través do ritmo intenso da cidade onde se mesturan as súas xentes e os seus costumes culturais islámicos e occidentais. Aspectos que se expresan nos sons das linguas, nos rituais relixiosos, nas comidas e nas citas coas bandeiras dos equipos europeos de fútbol nos bares céntricos.

Un aspecto da mostra "City Ligths"

Esta vida enriquecedora da cidade materialízase na arte coa mostra inaugural City Lights: unha lectura visual do clima cosmopolita onde se relacionan 100 nacionalidades. A mostra manifesta que o radicalismo é unha ínfima parte da comunidade, neste lugar nacen museos e conviven as expresións urbanas dunha amálgama de culturas que hoxe converxen na cultura 2.0 en formas que son materia deste museo: graffiti, pintura, escultura, hip-hop, comic, música electrónica, cine experimental, tatuaxe, deportes urbanos como o skate e o boxeo.

A exposición inaugural reúne obras de cinco artistas das rúas de Brooklyn: Maya Hayuk, Swoon, Momo e o dúo artístico Faile. O museo comeza o relato da evolución da arte contemporáneo coa chegada de Internet. O continente é tamén atractivo, unha antiga fábrica de cervexa aberta ao canal de Bruxelas, con máis de mil metros cadrados de espazo expositivo distribuídos en catro plantas.

É interesante reflexionar sobre as novas relacións entre arte e sociedade a través da desaparición dos antigos actores. Novas dinámicas produto da nova cultura que xa inauguraron artistas como Bansky ou Barry McGee e que auguraban a desaparición dos intermediarios entre a arte e a comunidade. Estamos nun momento interesante no que os espazos culturais se entregan á loita pola representación das múltiples identidades contrarias ás voces pechadas. Este proceso, acelerado polas novas formas de comunicación, alimenta o debate e cada vez están máis cuestionadas as formas dogmáticas. Quen ten hoxe a autoridade para falar en nome da comunidade? Desde logo, o novo suxeito xa non acepta sen máis as intelectualizacións herméticas en torno á arte, a imaxe do tradutor experto lexitimador da arte está en decadencia. O museo terá que asumir unha posición menos normativa que fomente o diálogo e a inclusión da diversidade. Temos que esperar para valorar se esta arte activista sobrevive fora da rúa ou remata engulida polos novos museos.

Compartir el artículo

stats