Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Misteriosa e interesante

Para lermos con voraz apetito

Misteriosa e interesante

Dende hai un tempo An Alfaya (Vigo, 1964) vén publicando boa parte da súa produción literaria na editorial Tambre, onde se atopan algunas das súas obras infantís, como e Zoa e Azor ou O recendo das clementinas, e tamén xuvenís como O cero escuro e A cea das enaguas estas últimas ambas as dúas novelas de misterio mais de características dispares. Mentres O cero escuro está máis próxima á novela negra e ao misterio de corte máis urbano, A cea das enaguas, a que agora nos ocupa, versa sobre misterios e segredos agacahados en familias dunha pequena vila costeira.

Eloi é un rapaz que adoita visitar o seu avó Matías, o antigo fareiro dunha vila da costa. Na visita que aquí se narra vai con el visitar a Sara, unha vella da vila agochada no seu antigo e case tétrico caserón inmersa nun estado tolémico debido a un escuro e tapado episodio vivido con Rodrigo, o seu grande amor, que aos poucos iremos coñecendo. As paredes da casa, Sara, os vellos veciños e mesmo o avó Matías agachan unha vella historia chea de segredos da que Eloi, quen xa non é o rapaciño que adoitaba chegar de visita á vila, irá tirando datos e fiándoos pouco a pouco.

A cea das enaguas é unha desas novelas que se le con voraz apetito lector. Misteriosa e interesante, narra dende unha perspectiva omnisciente con reminiscencias románticas unha historia familiar cunha gran cantidade de carga dramática. Segundo se van descubrindo antigos detalles, os personaxes gañan en profundidade psicolóxica, viven estados que fluctúan dende o desvarío absoluto á cordura, pasando mesmo por algunha situación puntual de pseudo-cordura. Ao mesmo tempo, o relato énchese de riqueza argumental e conta de fondo cunha trama de contrabandistas presentados como algo case que idiosincrásico cunha importancia que se volve imprescindible. Á beira do xa dito, é salientable, como reclamo máis técnico para o alumnado de secundaria, a capacidade narradora da novela. Enriquecida con escenas catársicas, flash-backs e xenerosas e evocadoras descricións de escenas ou paisaxes que ben poden lembrar as irmás Brönte.

O relato culmina tamén de xeito romántico co achado do cadáver e coa revelación do segredo, nada repentina esta pois xa había uns capítulos que se podía intuír. Iso si, entre liñas, que ninguén nolo contara.

ALFAYA, An, A cea das enaguas, Ed. Tambre, Vigo, 2016, PVP. 9, 90 ?

Compartir el artículo

stats