Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Galician Cinema & Food Festival NYC 2016

Xaime Arias no punto de mira da "Gran Mazá"

Fotograma d´A praia dos afogados.

"O americano: Como chegaches ata aquí?. O home solitario: Usando a miña imaxinación."

(Os límites do control, Jim Jarmusch)

Para todos os que seguimos a meteórica traxectoria profesional deste ourensán de corazón inquedo, desde os programas deportivos da Radio Galega ata a súa etapa como presentador na Televisión de Galicia, era tan só cuestión de tempo que Xaime Arias revolucionase a Gran Mazá co seu enxeño. Nómade por vocación, de espírito curioso e cunha enerxía e profesionalidade envexábeis decidiu espallar a nosa cultura da mellor das maneiras, instituíndo na mesmísima cidade de Nova York o evento galego máis importante dos EEUU: o Galician Cinema & Food Festival. Esta é a súa segunda edición.

Desvelar as claves do éxito dun acontecemento destas características, animoume a contactar co seu director, quen, gustoso, prestouse a participar nesta experiencia. Para el esta segunda edición do GCF é, ao mesmo tempo, "unha continuación e unha evolución". "O que non avanza", asegura, "retrocede". A idea é, segundo as súas palabras, "traer todas as estrelas de Galicia a Nova York: as do cinema, as da súa gastronomía e, se é posíbel, as do seu ceo". Para el Galicia ten suficiente material de calidade co que facer cousas importantes en EEUU.

O feito de presentar un festival no que se mesturan cine, gastronomía e negocios non é unha cuestión baladí, senón o resultado de tomar consciencia de que "nos atopamos na cidade máis competitiva do planeta, onde a competencia se mide pola altísima calidade do que se oferta, onde o impacto publicitario é infinitamente maior que en calquera outra parte do mundo, onde cada día hai 100 estreas, 100 catas, 100 exposicións, 100 concertos, etc". Daquela, afirma, "por que van ir ao teu?" Enfróntanse cun público moi esixente, afeito a valorar as cousas boas. Así pois, declara, "o noso obxectivo é tender pontes que xeneren sinerxías entre o mellor da nosa cultura -cinema, gastronomía, turismo- e os axentes de negocios americanos".

A idea xurdiu xa hai tempo, cando Xaime Arias era membro da directiva da Academia Galega do Audiovisual. Naquel momento, a tríade formada por Miguel Palacios, Elena Canal e el mesmo resolveu consolidar e internacionalizar a marca da Academia. O seu traslado a NY deulle a oportunidade de pór en práctica aquela ambiciosa idea. Falaron coa Academia, con AGADIC e con Galicia Calidade e, sen se deixar arredar pola dureza do camiño que aínda tiñan que percorrer, puxéronse mans á obra.

Hoxe mira atrás, coa nostalxia do triunfador, e lembra aqueles días nos que, manifesta, "o máis duro era o noso nivel de autoesixencia con xornadas de ata 12 horas, sen descanso. O noso obxectivo non era só mostrar a nosa cultura, queríamos promocionar e conseguir espazos na prensa nacional e internacional". Cara adiante, coa vontade do loitador, augura a continuidade deste "festival da cultura galega" cunha estrutura profesionalizada que poida unir o sector público e privado e sirva para espallar a imaxe de Galicia por todo o mundo.

Xaime confésanos que "para un norteamericano de NY entender o carácter e idiosincrasia galegos non resulta difícil. Son atlánticos e viven nunha cidade aberta ás novidades. O único inconveniente é que se trata de públicos moi esixentes que non dan unha segunda oportunidade". Un exemplo claro do bo entendemento entre as dúas culturas foi a boa acollida que tivo na pasada edición o filme Os fenómenos (2014, Alfonso Zarauza). Os asistentes, entre os que se atopaban produtores e profesores da NY Film Academy, ficaron realmente sorprendidos da súa alta calidade e baixo orzamento.

O tremendo éxito do Galician Cinema & Food Festival NY evidencia a boa saúde e competencia da que goza a nosa cultura, algo que Xaime Arias repite ata a saciedade. O desexo de tres mozos galegos que apostaron por espallar a nosa cultura proba, máis unha vez, que non existen os territorios vedados para quen ten vontade de chegar.

Un programa (económico) deluxe

  • Durante catro días, do 20 ao 23 de xuño, a sede do Instituto Cervantes de Nova York será escenario de eventos exclusivos que terán como protagonista a cultura e sabores da terra de Breogán. Os filmes A praia dos afogados (2015, Gerardo Herrero), Lobos sucios (2015, Simón Casal), As altas presións (2014, Ángel Santos) ou O descoñecido (2015, Dani de la Torre) actuarán como preámbulo de sesións nas que os asistentes terán a oportunidade quer de dialogar en vivo e en directo con personalidades da talla de Ana Asensio (actriz), Jorge Coira (director), Martín Rosete (director), Alex Lora (director) ou Adán Aliaga (director); quer de asistir maravillados á exposición das obras do astrofotógrafo coruñés Óscar Blanco.Mais se todo o anterior non fose suficiente, Álvaro Villasante, membro do afamado Grupo Nove que inclúe 8 Estrelas Michelín e se encarga da reivindicación e promoción da cociña galega de vangarda, pechará o festival cunha clase maxistral e un cóctel final no que os sabores e intelixencia galegos unirán forzas para conseguir un duplo obxectivo: consolidar os valores creativos da nosa cultura e crear espazos nos que a difícil alianza entre arte e industria sexa posíbel. Ou dito doutro xeito: "trocar os anceios en realidades e as ideas en feitos" (Afonso Daniel R. Castelao).

Compartir el artículo

stats