Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Desencubrir un país

Viaxe ao reino medieval de noso

Vista parcial das murallas de Betanzos.

A historia que nos ensinaron é unha historia de ocultación e mentira que ten a súa orixe nun proxecto ideolóxico castelán-meseteño fundado polo arcebispo toledán Rodrigo Ximénez de Rada, o responsable da invención historiográfica do reino de Castela na corte de Afonso I de Castela, o primeiro rei da Castela independente e a quen fixo pasar por oitavo dunha serie inexistente -aínda que hoxe a teñamos completamente asumida-, e do que foi herdeiro avantaxado Ramón Menéndez Pidal, o principal ideólogo do destino unitario español.

A irrupción dos musulmáns no territorio peninsular colapsou todas as estruturas de poder político anteriores, polo que non se pode falar de continuidade baixo ningún concepto. Neste sentido, a quebra da autoridade monárquica no territorio galego supuxo un longo período de inestabilidade -dominado polas tensións nobiliares e os reis 'usurpadores'-, que rematou no momento en que se organizou un proxecto monárquico coherente, o que liderou Afonso II o Casto (791-847), un rei moi influído polo emperador franco Carlomagno (800-814), e no que xogou un papel transcendental a descuberta da tumba do apóstolo Santiago nun lugar situado nos límites da Maía na volta do ano 825. Obviamente, detrás dese feito agochábase unha estratexia política que buscaba consolidar o nacente reino arredor dun proxecto relixioso autónomo e independente con respecto á Igrexa mozárabe de Toledo, aínda que houbo que esperar ao reinado de Afonso III o Magno (866-910), que reinou no tempo en que Sisnando I era bispo de Iria, para que ese proxecto teocrático con dúas cabezas visibles: o rei en León e o bispo, primeiro en Iria e logo en Compostela (onde hai un panteón real), fose unha realidade. Porén, á súa morte ábrese un período de invasións normandas, viquingas e musulmás, no que tivo unha importancia destacada san Rosendo de Celanova (907-977).

A chegada de Diego Páez á sé episcopal de Iria (1071, que traslada a Compostela en 1095 de xeito oficial) e de Afonso VI ao trono (1072), marcan o inicio dun período de esplendor económico, político e cultural do reino de Galicia, que se caracteriza polo desenvolvemento das actividades agrarias, que se manifesta nas numerosas vilas novas da nosa xeografía, na introdución da vide e na intensificación dos cultivos tradicionais grazas á novas incorporacións técnicas; o renacemento urbano, tanto no litoral (Noia, Baiona?), en relación coa intensificación da actividade pesqueira e comercial, como no interior, en relación cos camiños a Compostela (Melide, Triacastela?) e o rexurdimento das vellas sés episcopais (Ourense?); e o desenvolvemento cultural, sobre todo da lírica trobadoresca e do románico, do que a catedral de Santiago de Compostela é un magnífico exemplo.

A ascensión de Fernando III o Santo (1230-1252) ao trono implicou a unión dinástica do reino de Galicia e do reino de Castela (fundado como reino independente en 1065 por Sancho, quen herdara o condado do seu pai, Sancho III), o que supuxo o desprazamento definitivo do centro de decisión do novo reino cara a Toledo e a marxinación de Galicia.

Non obstante, durante ese período mantívose unha intensa actividade pesqueira e comercial vinculada a cidades como Pontevedra, A Coruña, Baiona, Betanzos ou Noia, nas que se consolidaron novos grupos sociais, como o dos comerciantes, os mareantes e os artesáns, e agrícola.

Precisamente ese dinamismo vai ser foco de importantes conflitos sociais, como o que protagonizou o pobo compostelán fronte ao arcebispo Berenguel de Landoira en 1317 ou as guerras irmandiñas (1431 e 1467-1469) fronte aos abusos señoriais.

Finalmente, a chegada de Sabela I ao trono de Castela (1479) abriu unha nova fase na historia de Galicia.

Do nome de Galicia

  • No libro Historia das historias de Galicia (Xerais 2016), coordinado polo catedrático de Historia Moderna da USC Isidro Dubert, o historiador Anselmo López Carreira mostra o erro de continuar considerando o territorio galego como un espazo marxinal no marco do reino de Asturias e máis tarde de León; un reino, advirte, cuxa secuencia se iniciaría co reino visigodo toledano, continuaría co reino de Asturias, ao que lle sucedería o de León e máis tarde o de Castela, e culminaría no actual reino de España. Fronte a ese constructo ideolóxico, debemos contrapor a realidade que se deriva das fontes orixinais, as mesmas que sinalan como nome do reino cristián situado no noroeste da península Ibérica o de Galiza.Ao longo do seu traballo, o profesor Anselmo López Carreira sinala como o clérigo francés Aymeric Picaud refírese no Códice Calixtino a Galicia, o mesmo que fan os historiadores árabes, como Al-Zuhrí ou Al-Bakri. Esa mesma denominación atopámola na cartografía medieval, como proba o célebre mapamundi dos Comentarios ao Apocalipse do Beato de Liébana, e na documentación civil e relixiosa, na que, por exemplo, o río Cea, nas proximidades de Sahagún, sitúase nos límites de Galicia.Que sentido ten, daquela, seguir a reproducir o vello encubrimento de Galicia nas historias recentes?

Compartir el artículo

stats