Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Puntos en Apo'strophe

Gravados de Yolanda Carbajales

Enerxías creadoras na mostra de Yolanda Carbajales. // FOTOs: Apo'strophe

A exposición da artista Yolanda Carbajales intitulada Puntos, que se pode contemplar na viguesa Galería Apo'strophe, está conformada por unha serie de gravados á maneira negra de enorme calidade formal nos que se ofrecen diferentes puntos de tensión que toman corpo en cordas en variadas ligazóns.

O traballo parte, no esencial, dunha dialéctica entre o espazo e obxecto. Os gravados miden e encadran a imaxe, a historia, mais, ao tempo, miden e encadran o silencio como se a representación, moi elaborada en todas as súas obras, remitise tamén a unha condensación emotiva. Deste xeito acaba por transmitir unha sensación de mesta atmosfera, como se soubésemos que se o obxecto posto en escena chegase a dicir algo, a falar, acabaría por expresar unha multiplicidade de sentimentos.

Un dos gravados expostos.

Allea á cultura do espectáculo na que a arte devén en puro escaparate ou mostrario, a nosa artista opta por tirar partido dun material de enormes posibilidades expresivas e de longa tradición como é o gravado á maneira negra. A obra de Yolanda Carbajales -que conta cunha ampla e premiada traxectoria no ámbito da súa especialidade- acha as enerxías creadoras no depurado traballo das formas, que aluden sinteticamente a mundos que ligan o material e o alegórico, propendendo a imaxes de acusado realismo. No caso das cordas, os ritmos e as tensións que crea son os que se tornan visíbeis, concretos, cheos de sutileza e elegancia.

Certamente, toda a obra da artista ten un referente alegórico, mesmo cando tende a representacións nitidamente realistas, aspecto que evidentemente ten que ver cunha profunda identificación co medio natural, como se quixese captar do obxectual o seu pulo, non a súa visión máis epidérmica. De aí esa intensa potencia física que deitan os seus gravados, que remiten ás pulsións profundas e ao mundo telúrico.

Un dos gravados expostos.

O mundo creativo da artista é reflexo do seu universo conceptual, entre a realidade e a idea. Na exposición podemos percibilo nos diferentes "Puntos", obras que non pretenden reflectir soamente cordas brillantemente reproducidas, senón que, sen dúbida, pertencen a unha realidade-outra, paralela ao mundo real, que se cargan de unha indubidábel potencia comunicativa e expresiva e que acaban por constituírense en signos vitais.

Neste sentido, Yolanda Carbajales consegue pór en funcionamento, por medio da construción seriada dos seus diferentes "Puntos", moitos niveis de suxestión, expresando plasticamente un certo "estado de ambigüidade", por usarmos un termo caro ao surrealismo, que é a condición que se impón na nosa lectura das súas imaxes, non a única lectura, sen dúbida, mais si a de maior intensidade.

Un dos gravados expostos.

A sensación que producen estas obras é a dunha vontade de acoutamento e definición do espazo, elaborado en sutís contrapostos, e en ocasión facendo que toda a tensión se asente arredor dun punto de particular intensidade. Do mesmo xeito, a reflexión sobre as formas abertas e pechadas, os equilibrios e pesos, ten un peso substancial na totalidade dos gravados que nos amosan o xogo de forzas e tensións como a auténtica maneira de definir o proceso crativo e a súa plasmación gráfica.

Particular suxestión ten o uso que se fai das cordas e fíos, empregados na delimitación espacial, como referentes da tensión, das forzas vivas, co misterio deses nós e desas cordas esfiañadas que abren o paquete incógnito que é a vida. Obra, pois, aberta, ás veces mesmo lañada polas feridas do mundo, mais sempre para gorentar, que non nos permite deixar de pensar, ben pola contra, favorece a reflexión, nunha síntese de emoción e razón sabiamente dosificadas.

Título: Puntos

Autora: Yolanda Carbajales

Local: Galería Apo'strophe, Praza Elíptica, Vigo

Até o 25 de xuño

Explorando a condición humana

  • É evidente que estamos perante un uso do gravado como unha ferramenta para se internar en proxectos introspectivos nos que a exploración da condición humana, á que aluden os títulos: "Puntos de agarre"; "Puntos de anguria"; "Puntos de melancolía" ocupa un papel fulcral. Os gravados seriados son postos en común conformando un mundo emotivo, desde un tipo de elementalidade que xorde do refinamento obxectual, unha elementalidade que é a que transmite cada unha das pezas e que permite que agrome a súa potencia comunicativa.O sentido, ao tempo, obxectual e expresivo destas obras pode evocarnos e trasladarnos ao alegórico -como xa indicabamos- como punto de partida, pero este referente non é máis un simple esteo no camiño, non unha etiqueta estática, da que as obras e a proposta expositiva están ben lonxe. Hai en todos os gravados unha aparente naturalidade, que é o que carga de sentido esencial e intensamente comunicativo o universo da artista, aspecto que coido que resume a vontade que transmite esta atractiva mostra que nos fai achegarnos a esa realidade sempre esvaradía e case imposíbel de aprehender que é a beleza.

Compartir el artículo

stats