Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Frechas contra xugos

Franco e a Revolución Pendente

Vista exterior da basílica de Begoña (Bilbao)

Despois de corenta anos de ditadura e corenta de democracia a memoria colectiva é moi feble á hora de entender con precisión cales foron e como sucederon os conflitos polo poder no bando sublevado na guerra civil. Do mesmo xeito que sucedía no bloque contrario -no que uns defendían a legalidade republicana e outros pretendían facer a revolución-, no conxunto de forzas alzadas en xullo de 1936 había intereses non so distintos, senón ás veces tamén opostos.

Joan Maria Thomas -con certeza, o mellor especialista en Falanxe Española- publicou hai dous anos El gran golpe (Debate), documentadísima análise dos sucesos de Salamanca en 1937, cando Manuel Hedilla -en tanto que sucesor de José Antonio- foi destituído do seu cargo de Xefe Nacional de FE y de las JONS. Aquel ano Franco decretou a unificación deste partido coa Comuñón Tradicionalista coa idea de dominar os seus aliados civís desde a hexemonía militar.

Paradoxalmente, Hedilla era proclive á fusión, en discrepancia co grupo de familiares de José Antonio -entre eles Sancho Dávila, curmán seu- que impuxo un triunvirato en contra do primeiro. En Salamanca uns seguidores de Hedilla atacaron a Dávila e houbo dous mortos. Desde o entorno de Franco manipuláronse os acordos orgánicos do partido, de maneira que os refractarios á fusión cos requetés obtiveron a hexemonía e os unionistas pasaron a seren xulgados, co resultado de dúas penas de morte contra Hedilla e de cadea para algúns dos seus.

O profesor catalán presenta agora Franquistas contra franquistas, tamén en Debate: unha análise dos conflitos que houbo no núcleo duro do primeiro franquismo, centrados en dous sucesos inmediatamente posteriores á Guerra Civil que determinaron as futuras relacións de poder no seu seo; uns conflitos que non foron alleos ás consecuencias do decreto de unificación de FET y de las JONS.

O primeiro dos casos tivo moito que ver con Galicia. O seu protagonista, Gerardo Salvador, malia ser de orixes palentinas, era o xefe provincial da Coruña do partido único despois de obter a notaria d'As Pontes de García Rodríguez en xaneiro de 1936. Convencido da ideoloxía revolucionaria de Falanxe, cando foi nomeado Delegado Nacional de Sindicatos promoveu unha manifestación sindical que convocou catorce mil persoas na cidade herculina. Os sectores católicos e monárquicos aliados de Franco sentiron medo da retórica nacional-sindicalista e manobraron pola destitución de Gerardo Salvador, que posteriormente foi condenado a penas de cadea e inhabilitación.

O segundo dos casos, máis coñecido, foi o atentado que un grupo de falanxistas cometeu nunha concentración de carlistas á saída dunha misa na basílica de Begoña. Así como moitos falanxistas tiñan como obxectivo a revolución nacional-sindicalista, xa desde antes de 1936 había un sector tradicionalista (liderado por Fal Conde) que pretendían a restauración dunha monarquía neoabsolutista, polo cal eran reacios á unificación.

Verbo dos sucesos de Begoña, o profesor Thomas demostra que houbo unha casual coincidencia entre dous piquetes falanxistas que acudiron ao templo bilbaíno contra aqueles requetés que non amosaban observancia da condición unificada de FET. Un dos falanxistas, Juan José Domínguez, botou unha granada de man e causou uns setenta feridos; detido e procesado, con resultado de pena de morte, foi fusilado, mentres que os outros actuantes padeceron outras condenas.

Franco aproveitou as tensións no seo de FET para remodelar o goberno dous días despois da execución de Domínguez: desaloxou o "cuñadísimo" Serrano Suñer da xefatura do partido e do ministerio de Asuntos Exteriores e deixou unha Falanxe domesticada, xa eternamente á espera da "revolución pendente".

"Camisas viejas"

  • Malia a unión en 1934 de Falanxe Española (partido fundado por José Antonio en 1933) coas Juntas de Ofensiva Nacional Sindicalista (grupo impulsado por Ramiro Ledesma e Onésimo Redondo desde 1931), o resultante non pasaba de ser un grupo pequeno, incapaz de obter un escano nas eleccións de febreiro de 1936. Sen embargo, co inicio da guerra civil tivo un crecemento vertixinoso, tal vez porque era a maneira máis doada de encadramento (e de tomarse a xustiza pola man) para os civís que secundaban o alzamento.De aí a distinción -de pedigrí- entre camisas vellas e novas. Desaparecidos ben axiña os partidos políticos de dereitas (CEDA, Renovación Española), as únicas forzas que sobreviviron foron as milicias falanxistas e tradicionalistas. E sen negar a condición de matóns dunha parte dos vellos falanxistas, algún día teremos que analizar polo miúdo que responsabilidade tiveron os novos na brutalidade da primeira represión.Lembremos a resistencia de Luís Rosales e mais os seus irmáns ("camisas viejas" granadinos) á detención de Federico García Lorca, ou o comportamento de José María Albiñana e os seus sinistros "lexionarios" en Burgos en xullo de 1936. En calquera caso, aos falanxistas tocoulles o papel -con gusto ou non- de facer as tarefas suxas dos sublevados

Compartir el artículo

stats