Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Suplementos de FARO

FARO DA CULTURACo pensamento na Patria

Memoria de Enrique Peinador Lines

En Vigo, onde brillan os pés do vento, calquera persoa sabe que Peinador é un aeroporto deitado entre serras e vales. O nome tómao do propietario da terra onde enraizou (cruceiro de encontro de Vigo, Mos e O Porriño) e ela flúe atraveso das augas do Lagares deica beixa-lo mar do areal de Foz, Samil.

Cartel de Castelao. Enrique Peinador Lines (1880-1940)

Por outro lado, moitos vigueses terán descansado os ollos en Mondariz sob o son do Tea e dos ouriolos, do bater das ás dos cabaliños do demo nas tardes fluviais de outono e magosto. E no alto, coma atalaia infranqueable, o castelo de Sobroso e as fuxidías cantigas de Don Dinís. Como sirgo entre as mans.

Estas poderían ser dúas paisaxes da crónica da vida viguesa. Traémolas acó entrenzadas na figura de Enrique Peinador Lines (1880-1940) pois o pasado 5 de maio descubriuse un busto, de rostro broncíneo, nos xardíns da Escola de Empresariais. Ante ela está a "neoclásica" fachada de Peritos onde imaxino nas aulas a Xaime Illa Couto como docente que atrouxo a atención dos discentes (e mozos militantes) Camilo Nogueira, Reboiras e García Crego.

Estas alusións xustifícanse porque observo un fío que tece a historia do galeguismo cívico en Vigo. Mais, en numerosas ocasións, descoñecemos o grao de cooperación que tivo o noso hinterland na grande obra imaxinada por Faraldo. Dende a dourada luz dos Cantares gallegos de Rosalía, peza áurea do Rexurdimento, deica ao presente de (igual) combate contra a ruda adversidade. O tecer de Penélope nos versos de Díaz Castro: "Un paso adiante e outro atrás, Galiza! E a tea dos teus soños non se move".

Co propósito de amosar o exemplo (e consecuencia) dos devanceiros na súa actividade profesional, "co pensamento na patria" que diría Castelao, o Foro Enrique Peinador, presidido por Xosé González (da quinta de Reboiras e Crego), encargou a Ricardo Gurriarán a redacción da biografía do empresario das augas troncosiñas: Enrique Peinador Lines e Mondariz. Empresa, turismo e país.Enrique Peinador Lines e Mondariz. Empresa, turismo e país Polo balneario pasou o máis selecto da elite intelectual española e contou coa presenza da nobreza e clerecía europeas. Algún capítulo destas estadías cóntanolo Emilia Pardo Bazán. Unha anécdota que revela o poder do negocio foi a posta en circulación dunha moeda propia, os Peinadores.

Esta monografía revela os vaivéns da estirpe e mais o propósito de conxugar a acción empresarial coa defensa de Galiza. Por iso ofrecéronse na axuda a Manuel Murguía, acolleron exposicións de Castelao ou colaboraron (vía monetaria) coa revista Nós. Incluso Peinador Lines militaría no Partido Galeguista de xeito activo. Na biografía dáse conta da relación con Ramón Cabanillas, a importancia de La Temporada, a promoción da investigación científica (Parga Pondal era o xenro de Peinador Lines), a protección do patrimonio arqueolóxico (coa colaboración do Seminario de Estudos Galegos) ou a convocatoria de encontros e certames arredor da economía galega e dos desafíos do país (Peña Novo foi premiado con La Mancomunidad Gallega, obra indispensable para pensarmos a estrutura de poder autonómico).

Carnet como membro do Partido Galeguista.

Para Vigo a apertura do balneario favoreceu un boom turístico grazas os cruceiros marítimos (sobre todo ingleses) que deixaron cartos na cidade. Así explícase a unión entre ambos lugares co tranvía ou a publicación de Mondariz-Vigo-Santiago. Guía del Turista (1912) coordinada por Peinador Lines. A estirpe soubo explotar, ademais, as moitas potencias turísticas de Galiza como paisaxe e lugar de acougo (un século antes da profecía de Marta Rivera de la Cruz) pero tamén como unha nación con lingua, folclore e historia propias. Os xardíns de Mondariz transformáronse, daquela, nunha árcade galaica onde se mesturaba a música culta (Xoán Montes ou Pascual Veiga) coa popular (coros tradicionais e cuarteto de gaitas).

En boa hora chega o recoñecemento a Enrique Peinador e, no que atinxe á defensa e promoción da nosa terra, sirva o seu exemplo de galeguismo ao empresariado do país. Co pensamento na patria, insistimos con Castelao.

Compartir el artículo

stats