Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Dos novos impresionistas

No Festival (S8) de Cine Periférico

Fotograma de Quadrants (Nicky Hamlyn).

Fundados como proxectos político/económicos -Cannes e Venecia son unha boa proba-, os festivais cinematográficos, co paso dos anos, foron derivando cara a unha motivación artística que dese amparo a un cine periférico desprezado polo mercado. Este tipo de eventos, cada vez máis necesarios, ofrecen a oportunidade de coñecer cinematografías doutras latitudes -Occidente puido coñecer o cine xaponés grazas ao galardón recibido por Rashomon en Venecia-, pero sobre todo dan visibilidade a unha versión máis marxinal da arte cinematográfica. Neste labor, a (S8) Mostra do Cine Periférico, que se celebrará en A Coruña entre os días 1 e 5 de xuño, chega á súa sétima edición. Nesta ocasión, o certame rende homenaxe a cineastas actuais que se moven nos postulados do impresionismo cunha edición especial baixo o nome Os novos impresionistas que reunirá a coñecidos cineastas como o canadense Stephen Broomer e o francés Jacques Perconte. A onda impresionista actual, herdeira da escola francesa dos anos vinte composta por Louis Delluc, Germaine Dulac, Marcel L'Herbier, Abel Gance e Jean Epstein, busca, como os seus mestres da pintura, a experimentación coa luz e as calidades pictóricas. Ademais dos cineastas impresionistas actuais, a edición adicará atención a unha pioneira da corrente francesa, Germaine Dulac, coa proxección en 35 mm da súas obras recentemente restauradas Étude Cinématographique sur une Arabesque e Thèmes et Variations.

Os asistentes tamén poderán experimentar sensacións con varios autores do cine de vangarda, como é o caso do realizador estadounidense Saul Levine, que amosará un total de 14 da súas Notes, películas a modo de entradas no seu diario artístico-político. Achegaranse tamén a A Coruña os ingleses Nicky Hamlyn, que estreará Quadrants, e William Raban que ofrecerá unha master class sobre o tempo e materialidade do soporte fílmico, na que se incluirá a súa "performance Take Measure.

No eido do Festival, dentro da sección Sinais que homenaxea ao cinema galego e, concretamente, ás realizadoras galegas, organízase unha mesa redonda que reúne a relevantes directoras e cineastas ao redor do novo proxecto de Xisela Franco e Beli Martínez "Cinema e muller". Ademais das xa mencionadas, participarán no debate Xiana Gómez-Díaz, Diana Toucedo, Carla Andrade, Jaione Camborda e Margarita Ledo. O encontro culminará coa proxección do filme colectivo realizado como parte deste proxecto e que leva por título "Visións". As cineastas participantes recibiron a proposta de dirixir unha mini-curta nun prazo de dous meses. Tras reunirse, coñecer os seus respectivos traballos, intercambiar ideas e compartir, grazas á inmediatez das redes sociais, o seu proceso creativo, este grupo de cineastas sacou á luz unha película de nove curtametraxes.

Ademais, ofrecerase unha panorámica sobre a curtametraxe galega contemporánea cunha selección que inclúe proxectos realizados dentro da segunda edición da iniciativa Chanfaina'Lab, unha orixinal experiencia de creación audiovisual colectiva na que os participantes deben filmar ao longo dun fin de semana unha película de curta duración, con absoluta liberdade sobre o tema e o tratamento audiovisual.

Outro dos pratos fortes deste certame será a gala inauguración que terá lugar o 30 de maio no Teatro Rosalía de Castro de A Coruña, cun cinema-concerto que proxecta unha copia restaurada polo Filmmuseum Berlin-Deutsche Kinematek de O acoirazado Potemkin de Sergei M. Eisenstein. A proxección será sonorizada en directo polo pianista Chris Jarrett, autor dunha partitura orixinal completamente libre e parcialmente improvisada para resaltar a mensaxe anti-militarista exposta na película.

Xiana Gómez-Díaz

  • Se na edición pasada o realizador en foco do Festival foi Xacio Baño, este ano a sección "Sinais" proxectará a súa atención no traballo da cineasta Xiana Gómez-Díaz: realizadora, artista visual e co-fundadora da produtora especializada en cine documental de autor e vídeo experimental "Walkie Talkie Films". Doutora en Comunicación Audiovisual pola Universidade Autónoma de Barcelona e licenciada en Xornalismo pola Universidade de Southampton, Xiana Gómez-Díaz, tanto na súa obra en cinema como nos seus traballos de investigación, explora o relato íntimo, a construción da identidade, o papel no cinema e no vídeoarte do xénero e a comunicación non verbal, así como as cuestións formais da relación entre a imaxe e a música (tamén é creadora e produtora musical). A sección proxectará unha ampla selección de títulos entre os que destacan: Carretera de una sola dirección -gañadora do Proxecto X Films do prestixioso certame navarro "Punto de Vista"- e Sotobosque 1 -a súa curtametraxe máis recente-. A participación de Gómez-Díaz culminará, finalmente, cun encontro no que explicará ao público os seus procesos creativos e presentará o work-in-progress da súa primeira longametraxe Proyecto D, un filme que pretende adaptar a imaxes o relato íntimo dos diarios de mulleres cedidos parcial ou integramente.

Compartir el artículo

stats