Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Lois Romero : "Non coñezo lugar cunha percusión tan variada e viva como Galicia"

Xosé Lois Romero

-Como xurdiu o proxecto Aliboria?

-Durante toda a miña vida, tiven unha especial teima respecto da percusión tradicional galega e mais as súas posibilidades. Aliboria naceu hai moitos anos na miña cabeza e materializouse agora no encontro cun grupo de músicos novos, pero consagrados, que asimilaron como propia a miña visión. Pasaron moitos anos, pero cada cousa ten o seu momento e semella que este é o mellor para Aliboria.

-Lin unha frase súa moi "atrevida". Dixo, literalmente, que "a percusión en Galicia é a máis rica de Europa". En qué se basea para facer semellante afirmación?

-Si, asumo que é unha frase atrevida pero reafírmome nela. Non coñezo ningún lugar de Europa cunha percusión tan variada e viva como en Galicia. Somos un país pequeno que condensa un folclore tremendamente rico e popular, e a percusión, pese a ser un dos seus elementos máis descoidados, abrangue unha familia inmensa e moi ben levada de instrumentos de toda caste, tamaño e sonoridade. Agradecerei de todos os xeitos que se me corrixa se me excedín na miña afirmación, baséome no que coñezo das percusións populares do mundo e tamén é certo que en Galicia seguimos sen ter unha visión comparativa real sobre o valor do noso patrimonio con respecto a outras culturas.

-Por qué a percusión galega non evoluíu como si o fixo, por exemplo, a gaita?

-Iso mesmo me pregunto. Malia ás moitas voltas que lle teño dado á percusión tradicional e ás súas circunstancias, non consigo saber certeramente por que motivo non sufriu unha evolución parella á do resto dos instrumentos. Somos exércitos de percusionistas e a percusión é un elemento indisociable da música popular. Se tivese que buscar unha explicación, só se me ocorre unha circunstancia que aconteceu noutros instrumentos e non na percusión, e é a falta de referentes permanentes, de artistas que serviran de motor e inspiración. Houbo algúns intentos moi meritorios, pero non chegaron a callar como para provocar unha renovación da percusión. Dalgún xeito o que estamos a facer en Aliboria é camiñar por terra inexplorada, coas vantaxes e inconvintes que iso ten.

-Por que a percusión, nomeadamente as pandeiretas, cunchas, etc?adoita relacionar se coas mulleres (as cantareiras) e a gaita cos homes? Trátase dun erro cultural, dun tópico erroneamente difundido?ou contén unha etapa histórica que respondeu á realidade?

-Non coñezo a explicación científica ou histórica, pero a miña experiencia confírmame que a percusión en Galicia é feminina, absolutamente, e non falo so de pandeiretas ou cunchas, senón tamén de bombos, tambores, ou pandeiros. Hai unha simbiose natural no ritmo, carácter, personalidade. Pode ter que ver co acompañamento do canto, pero dende o meu punto de vista ten que ver máis cunha identificación de terra, cadencia, forza.

-A percusión está na orixe da música dende a prehistoria, polo tanto, probablemente esteamos ante a manifestación musical máis primitiva, xunto coa da propia voz. En que senso o obxectivo de Aliboria é unha "reformulación" que pasa por claves modernas e contemporáneas? Cales serían esas claves?

-Ese é un dos alicerces conceptuais de Aliboria, a aposta pola pureza, e crueza ás veces, da voz e as percusións. É unha decisión razoada e comprometida co valor do máis telúrico, como ben dis, e a nosa reviravolta pasa por traer toda esa forza e enerxía á actualidade e provocar o choque creativo coas linguaxes actuais. O resultado de mesturar a forza das voces das mulleres co poder ancestral da percusión é moi potente e, por como estamos comprobando, gratamente sorprendente para o público.

-Cando se fala das orixes da percusión, as miradas diríxense a África. Tamén no caso galego?

-Toda a percusión actual evoluíu dende o mundo antigo, chámese África ou Oriente, e existen algúns instrumentos comúns a moitas culturas que sufriron evolucións moi distintas. Un bo exemplo é a pandeira, que no mundo árabe conforma unha familia propia e diversa en si mesma cun riquísimo desenvolvemento técnico, e que aquí se conservou de xeito case milagreiro nunha pequena zona. Todos os instrumentos evoluíron por mestizaxe con outros estilos, técnicas ou culturas, e a percusión galega debe tamén andar ese camiño.

-A súa carreira musial está vencellada a varios proxectos musicais: o trio con Vaamonde e Lamas, Nova galega de Danza, aCadaCanto, etc?Para un músico galego é hoxendía imposible sobrevivir cinguíndose só a un proxecto musical?

-Se xa foi difícil facelo en calquera tempo pasado, pretendelo nestes é case unha quimera. O único xeito de poder sobrevivir, como ben dis, cun só proxecto musical é ampliando o circuíto de traballo máis alá de Galicia, de España e de Europa. A cultura galega, e en concreto a música, ademais de ter unha altísima calidade, móvese nun mercado extremadamente hermético, e malia a que xa non existen fronteiras para o coñecemento, saír tocar fóra de Galicia con normalidade segue a ser unha opción inalcanzable para a maioría dos músicos galegos. Esa foi sempre, e segue a ser, a grande asignatura pendente.

-Qué cre que está a aportar a nova xeración de músicos pos-boom (é dicir, os que veñen detrás dos Carlos Núñez, Budiño, os propios Berrogüetto??

-Xa dixen en varias ocasións que teño admiración polas novas xeracións de músicos galegos. A calidade, naturalidade e madurez con que exercen a cultura popular é fascinante. E Aliboria é un bo exemplo. Xente nova, cun coñecemento amplo e sólido do folclore popular, con acceso a toda a infomación do mundo na súa man e que cantan, tocan e bailan neste mundo globalizado con absoluta convicción e entrega.

-Acaba de reeditarse Terra de Soños, o concerto homenaxe a Fuxan Os Ventos do que Vde. se encargou da dirección musical. Como lembra e valora esa experiencia tanto no aspecto profesional como no apartado persoal?

-Foi, desde logo, a mellor experiencia profesional da miña vida e tamén unha das mellores do punto de vista persoal, sen dúbida. Foi un reto case suicida versionar todos eses temas que cada galego temos gravados a lume no corazón, pero a miña admiración por Fuxan e por eses temas axudoume a esixirme o máximo posible. Feito o repertorio, a convivencia, o traballo con todos os músicos e os concertos foron dunha intensidade e beleza difícil de explicar. Síntome moi afortunado e agradecido por ter recibido ese agasallo.

Compartir el artículo

stats