Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Na Venecia de Fulvio Roiter

Artistas que inventan cidades

O inventor de Venecia acaba de morrer. O fotógrafo Fulvio Roiter converteu o seu traballo nunha arte que cambiou a cidade. A través da súa mirada, Venecia era moito mais do que percibían as persoas; el soubo buscar, a través da luz, os significados desta paisaxe somerxida entre o ceo e a auga. Traduciu a través do escintileo e da transparencia a esencia que marca todos os movementos vitais da Serenísima República.

As cidades están en permanente cambio, pero estes prodúcense dentro dunha configuración que non esquece. Os espazos manteñen unha identidade que somos incapaces de describir, mais que recoñecemos como parte da súa íntima identidade. Hai algúns artistas coa capacidade de comprender estes lazos entre o físico e o intanxible, entre os materiais e a enerxía dos seus habitantes; cando isto sucede, estes creadores teñen o poder de cambialo todo, e Roiter foi un deles.

O fotógrafo italiano Fulvio Roiter (1926-2016)

Algúns artistas camiñaron París e habitaron especialmente Montmartre. A finais do século XIX, o barrio tiña mala fama. Pola noite os cabarés eran o estímulo dunha percepción diferente da vida e da angustia no cambio de século. Para moitos era un barrio especial polo contacto coa xente humilde, máis sensibeis na comunicación, menos condicionadas pola dobre moral e máis dispostas á vida nocturna. Coincidíu alí xente que non podía, ou non quería, unha vida normativa. Os artistas converteron este barrio no marabilloso lugar que é na actualidade. Algúns deles foron maxistrais como Renoir, Seurat, Pissarro, Degas, Van Gogh, Modigliani... ou o máis xenial: Picasso. Pero ningún lembra a cidade como Toulouse Lautrec. Na súa fascinación pola vida do espectáculo nocturno do Moulin Rouge e do Folies Bergère captou unha vitalidade que sobreviviu a forma de vida dos cidadáns convencionais e configurou un estilo de vida diferente que segue a ser hoxe un símbolo de París.

Imaxe de Venecia tomada por Roiter.

Miguel Ángel Buonarroti pensaba que en cada bloque de pedra existía unha alma que liberaría a través das súas mans. Non estaba equivocado porque esa enerxía liberada, despois de cinco séculos, segue marcando o latexar das súas cidades: Florencia e Roma. É difícil pensar nelas e non invocar a este home do Renacemento. O David, dende o seu emprazamento, foi recoñecido pola poboación como un símbolo da República de Florencia fronte a hexemonía dos Médici, e mais a ameaza dos estados adxacentes. A súa impoñente forza de actitude, que tanto anticipa a endereza ante a loita como a tempada satisfacción de quen sabe que gañou a batalla, segue a ser parte do caracter da cidade. O mármore branco da súas esculturas reflicte a dignidade da historia tamén en Roma, coa Piedade, o Moisés e o Cristo da Minerva. A bóveda da Capela Sixtina completa o que segue a ser Roma dende que este home creou un espazo único para a cidade .

Imaxe de Venecia tomada por Roiter.

Por ser máis recente o cambio, en Figueres é máis evidente, xa que a transformación tras o paso do surrealismo é innegable. Entre a vila catalá e Dalí existiu unha complicidade vital porque Figueres ofreceu ao artista unha historia rica en estímulos, e o creador soubo devolver esa riqueza transformada nunha nova realidade proxectada.

En Nova Orleáns a música floreceu a través da herdanza negra dos escravos, as influencias hispana e francesa. Coa abundancia de instrumentos de metal, procedentes de la desmobilización do exército tras a Guerra de Secesión, o social e o técnico fusionáronse para que cristalizara o jazz. Pero a cidade necesitou a Louis Armstrong para que aquilo se convertese en algo grande e internacional.

Mentres uns fixeron uns movementos de extraversión da súa obra sobre a cidade, outros camiñaron en sentido inverso introducindo a urbe no espazo creativo. Joyce describiu Dublin no Ulises; con fidelidade pódese seguir o percorrido de Leopold Bloom.. A bela Praga foi o escenario das angustiosas historias de Kafka, e Munch cambiou Oslo n´O berro . Arthur Conan Doyle tamén foi xeneroso e creou para Londres o detective Sherlock Holmes. Dun xeito ou outro, todos inventaron beleza e identidade nestas cidades, ás veces con tanta intensidade como para provocar o síndrome de Stendhal.

Imaxe de Venecia tomada por Roiter.

Compartir el artículo

stats