Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Vixencia simbolista

En defensa dos desfavorecidos

Vixencia simbolista

Pasou o día mais seguimos no ano Manuel María. Como adoita acontecer foron moitas as obras reeditadas na honra do autor homenaxeado correspondente. Entre a escolla editora deste ano acho especialmente atractiva e acertada a reedición d'A Berenguela, orixinalmente chamada As aventuras e desventuras dunha espiña de toxo chamada Berenguela e que fora escrita para os fillos da familia monfortina Rodríguez González. Moi interesante peza pois se ben é certo que Manuel María foi fundamentalmente poeta, tal e como acredita a súa vasta obra en verso; combativa e comprometida, tamén o é que o teatro foi un xénero polo que sentiu unha forte atracción; potencialmente educativo dáballe facilidade de difusión e expresión ao seu ideario.

N'A Berenguela, tras o didáctico limiar de Chisco Fernández Naval, Espiña de Toxo, rexeitada por ser tal como é, é agredida por Folla de Carballo cando só tentaba facerse a súa amiga. Este é o argumento do primeiro dos nove cadros en que se divide a peza pola que pasean diversos personaxes: Garda, Xuíz, Alcalde, Recaudador, Crego, Garda e Carceleiro, todos tipos que se enfrontan con ela e condenan unha inocente Espiña de Toxo dunha maneira ruín, baseándose en prexuízos e sen darlle sequera dereito a defenderse. Unha situación de indefensión que a levará ao cárcere ata que o Espírito do Monte a libera para que viva ceibe na bouza máis perdida.

Máis alá da fermosura literaria da peza, das intervencións brillantes de cada personaxe, cómpre sinalar o seu carácter simbólico que se basea nese enfrontamento dicotómico entre o monte, representado por Espiña de Toxo, e a cidade, representado polos seus perseguidores. Esta simboloxía reflicte o pensar de Manuel María que tamén se persoa na peza nesa defensa ecolóxica que fai dos desfavorecidos nunha presentación deliciosa, a opereta para voz narrada e cuarteto de clarinetes do texto de Manuel María e música de Nani García recollida no CD que acompaña o libro ilustrado por Miguelanxo Prado.

Algo que resulta obrigado recomendar pola súa calidade e vixencia, eclecticismo artístico e beleza do conxunto.

MANUEL MARÍA/GARCÍA, Nani, A Berenguela, Ed. Galaxia, Vigo, 2016, PVP. 20 ?

Compartir el artículo

stats