Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Saíñas de Porto Santo

Sal e Idade Media na ría de Pontevedra

Vista aérea da marisma na ría pontevedresa.

A Fonte da Pateira desauga nas Saíñas de Porto SantoSaíñas , nome que recibe unha paraxe e un lugar habitado da parroquia de San Salvador de Poio que,aproveitando a existencia dun golfo natural, foi propicio para a construción dunha salina, un artefacto pensado para a produción dunha substancia esencial para a conservación de carnes e peixes durante a Idade Media. Desde que Leandro Carré Alvarellos (1928-1931) publicou o seu dicionario, sabemos que o noso idioma corrompeu de forma progresiva a voz "salina" (lat. salinae) en "saíña" (en galego medieval aparecen citadas tamén como "sainas" e "salinhas") e así aparece con frecuencia na toponimia das comarcas marítimas do noso país, desde Cangas a Cedeira, pasando por Cambados ou Poio.

As salinas medievais galegas "que sunt in littore maris", como apunta un códice da igrexa compostelá datado en 886, eran maioritariamente propiedade da realeza ou do clero, sendo explotadas polos seus propietarios de forma case sempre indirecta como se acredita con frecuencia nos tumbos medievais procedentes da catedral de Santiago, dos mosteiros de Samos, Celanova ou de San Martiño de Lalín ou Armenteira. Chámanos poderosamente a atención a ausencia de documentación dos conventos de San Salvador de Lérez e San Xoán de Poio -posibles promotores da salina de Porto Santo- na relación de fontes dixitalizadas accesibles. O mesmo silencio acontece co camiño que unía a Ponte do Burgo coas Saíñas e o mosteiro bieito, silenciado na documentación medieval que estudou Ferreira Priegue na súa tese doutoral.

As salinas máis citadas na documentación da Idade Media (todas elas entre o século IX e o XII) son as situadas na comarca do Salnés: "Noalia" (Noalla), "Loyxo" (Illa da Toxa), "Sancta Marta de Ogobre" e, sobre todo, as de "Sancta Maria de Lanzada", lugar no que a arquidiocese de Santiago posuía grandes depósitos para cubrir as súas necesidades. Como exemplo poremos o dun pergamiño de Armenteira, datado en 1248,no que lemos: "vocibus vestris hereditatem meam quam habeo in loco quod dicitur Salinas".

A diferenza do que acontece con outras salinas próximas á cidade de Pontevedra, caso das do Ulló ou as da Lanzada, non coñecemos documentación da Idade Moderna que mencione de forma directa as salinas de Porto Santo. De forma indirecta o rastro toponímico iníciase a mediados do século XVIII, cando o Padre Sarmiento atopa unha Língua de Boi e escribe: "Halléla y cogila a 24 de septiembre en el Burgo de Pontevedra, en el muro o sobre la heredad que mira al mediodía, caminando a las Salinas". Falando do Couto de Xebe apunta: "Las voces del coto son comenzando desde Alva, río, que llama Elva, hasta cerca (de) Xebe, y de allí por el río, puente, salinas y vuelve arriba al río Alva". Estas citas permitiríannos concluír que a mediados do século XVIII as salinas de Porto Santo eran unha realidade física coñecida para a maioría da poboación, se ben non eran explotadas, tal e como evidencia a resposta número 17 do Catastro de Ensenada correspondente á parroquia de San Salvador de Poio.

Estas salinas deberon estar en funcionamento nun momento indeterminado anterior ao século XIV (entre 1370-1380 desenvolvéronse as salinas francesas e lusas), cando a realeza decide pechar as pequenas explotacións salineiras da Coroa en favor dos grandes centros de produción. A partir do reinado de Afonso XI, os territorios costeiros -Galicia, Asturias, Guipúzcoa e algunhas vilas con portos de reguengo- vense obrigados a importar o sal por vía marítima. Así os alfolís do Reino de Galicia pasarán a abastecerse por medio da importación procedente do Reino de Portugal. Esta situación mantense durante séculos, ao punto que a mediados do século XVIII o Padre Sarmiento non dubida en denunciala: nos seus escritos: "No han de creer los venideros lo que con la sal pasa en este Reino, que teniendo más de 150 leguas de costas de océano y con mil sitios para salinas, le venga y necesite venir la sal de países extraños ...".

Vista do muro NO da construcción

Evidencias materiais

  • Contemplamos as salinas de Porto Santo como unha superficie irregular natural, neste caso un pequeno golfo ou entrante do mar, cuxo perímetro se regulariza -sen chegar a unha perfecta ortogonalidade como acontece noutras salinas medievais, caso das de Añana,por exemplo- mediante bancais ou muros de pedra. O interior desta salina, lindeira co piñeiral da Puntada, encheríase coa crecida da maré, que introduciría a auga nos distintos estanques ou "talios" nos que, sen dúbida, se compartimentaba. Unha vez que a salina estaba chea, as comportas serían pechadas para favorecer a evaporación da auga mariña.Na actualidade a marisma das Saíñas de Porto Santo acolle un espazo de case 20.000m2 situado xusto a carón do barrio pontevedrés de Mollavao. O seu contorno está protagonizado por un piñeiral (Leste), terras de labor (Norte e Oeste) e mar (Sur). Non se conserva resto ningún de granxa ou casa grande que puidera adscribirse de forma inequívoca á explotación das nosas Saíñas, se ben os terreos da Casa da Puntada -unha vivenda tradicional deshabitada de certa notoriedade- puido exercer este papel.Igual que acontece nas salinas do Ulló, as salinas de Porto Santo aparecen delimitadas ao longo de todo o seu perímetro, coa salvedade do bancal que debía pechar o vaso polo sur, do que non se conserva ningún rastro visible. A factura dos muros perimetrais, de 1,5 m de altura e 0,8 m de grosor, é compartida con aquela da Ría de Vigo: tipoloxía ciclópea, conformados en fieiras horizontais e trabados sen argamasa.Admirando esta marisma de Porto Santo, podemos imaxinar como era esta salina na Idade Media tomando prestadas as palabras que Rei Ballesteros escribiu na Sombra dos teus soños (1998): "Un mar pálido (?) de cinza e prata (...) lombas de sal , dunas de neve".

*Miniatura do Codex Vindobonensis

Compartir el artículo

stats