Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Gelria: "Cada poema require o estilo musical que lle corresponde"

Gelria - grupo musical

De esquerda a dereita, Mario G. Cortizo, Federico Mosquera e Elena Tarrats, o trío Gelria. FOTO: JUAN LUIS RÚA

-Musicar poesía galega estáse a converter nun feito moi recorrente entre os músicos do país. Hai varios grupos e artistas que o fan e, de feito, vénse facendo dende hai moitos anos. Que ten de especial, de singular, de orixinal este Canto de poetas?

-Musicar poetas ou poesías puntuais pode ser mais ou menos frecuente, pero xeralmente vénse os mesmos nomes: Rosalía de Castro, Curros Enríquez, Manuel María...Hai moitos outros autores que son practicamente "virxes" no terreo musical, por representaren un tipo de poesía que, a priori, se axusta menos ao concepto de canción popular ou tradicional, por teren verso libre ou unha estrutura máis irregular. Polo tanto a nosa antoloxía é singular por dúas razóns: a primeira ter musicado por primeira vez a moitos nomes e poemas, e a segunda polos criterios cos que compuxemos a música; non é a típica antoloxía de cantautor ou unha escolma na que un estilo musical domine. Quixemos, conscientemente, asignar a cada poema e autor o tipo de música que lle correspondería segundo a época e o estilo. Polo tanto, o abano é moi variado, indo dende a música tradicional ata a vangarda musical, pasando polo jazz, por citar algnhas influencias.

-Que criterios seguiron para a selección tanto dos poemas como dos autores?

-En primeiro lugar definimos un número máximo ao que limitarnos, por cuestión de espazo do CD e do libro, que foi de 14 autores e 14 poemas. Despois fixamos o crono temporal de partida no Rexurdimento, chegando á actualidade: a autora máis antiga é Rosalía de Castro e a máis recente é Chus Pato. Para elaborar a listaxe final de poetas, intentamos que os nomes máis importantes e representativos estiveran presentes, aínda que por forza, dado o límite numérico proposto, sempre pode quedar algún fóra. Para este proceso contamos co asesoramento da filóloga Mª Rosario Soto Arias. A continuación, para elixir os textos seguimos un triple criterio: priorizar textos nunca antes musicados, procurar a variedade temática e, xa como criterio diferencial, a afinidade personal cos poemas.

-Os temas do disco abranguen diferentes estilos musicais, dende a música clásica á contemporánea, pasando pola tradicinal ou o jazz. En función de que criterios lle puxeron música a cada poema?

-Só por poñer algún exemplos de como o contido e carácter do texto definen o estilo co que se musica: a "Nena na fonte" de Aires da miña Terra de Curros Enríquez ou "Zocas" do poemario Terra Chá de Manuel María remiten moi claramente á música tradicional polos seus versos octosílabos e o contido popular. A poesía de vangarda de Chus Pato, representada polo seu poema "Unha luza que se afasta e se nos dirixe" do libro Carne de Leviatán, precisa dun tratemento musical improvisatorio e de gran riqueza de cores instrumentais. O poema "Far Blues" do Códice Calixtino de Luz Pozo Garza remite claramente a un carácter jazzístico, da mesma maneira que o dramatismo e a dor contida na "Cantiga do Amante Preso" de Xosé Luis Méndez Ferrín precisan dun tratamento instrumental cercano á música clásica cun gran predominio do piano e das cordas.

-Poñer música á poesía vai ser unha liña a seguir en futuros traballos do grupo ou soamente se vai cinguir a este disco?

-Aínda non temos definido a liña dos nosos futuros traballos pero, sen descartar outros enfoques, a idea de seguir difundindo o riquísimo patrimonio poético de Galicia segue a ser moi atractivo para nós.

-Por que optaron vostedes polo formato disco/libro?

-En todo momento, a nosa idea central era difundir o patrimonio poético de Galicia e dar relevancia e prioridade aos poetas, polo cal non só queriamos difundir a poesía grazas á música, senón que tamén traducindo todos os poemas ao castelán, portugués e inglés. A medida que avanzaba o proxecto, decidimos manter esa idea inicial de antoloxía musicada e traducida, pero ademais presentala como unha viaxe para o lector, co cal o libro contén fotografías do proceso de gravación feitas por Juan Luis Rúa, ilustracións orixinais feitas por Sonia García Vidal e, como grande honra para nós, uns poemiñas introductorios escritos especialmente por Manuel Rivas que reforzan este idea de percorrido. Dada a magnitude do proxecto, o formato máis indicado era un libro-disco, deseñado por Alberto López Posse.

-Cada poema e cada autor requeriría un xeito distinto de achegarse á súa poesía pero, en xeral, que fórmulas escolleron á hora de poñerlles música a estes poemas?

-Ao dito xa antes só cómpre engadir que o texto non só definía o estilo musical, se nón que era unha lei para nós á hora de definir a estrutura da canción, as súas seccións e pausas. A música tamén tiña que seguir escrupulosamente a prosodia dos textos.

-Todos os temas foron gravados en directo. Por que decidiron por facelo así?

-Queriamos que o disco respirara esa sensación de directo, que sempre ten unha forza extra con respecto ao estudio, sobre todo cando cada músico vai gravando separadamente a súa parte. Desta maneira o público que escoite o noso disco levará á casa o máis parecido que existe a unha sensación de concerto, para o cal precisamos un gran número de ensaios para poder facer unha gravación relativamente breve (tres días). Para este proceso contamos coa unidade móbil da Radio Galega, co técnico de son e de misturas Pablo Barreiro, moi experimentado neste tipo de gravacións en directo.

-Hai poemas que "chaman" pola música e outros que semellan "inmusicables". Ao longo do proceso tiveron que desbotar poemas que, aínda que bos, non foron quen de atoparlles a música axeitada?

-Evidentemente hai poemas e autores que se prestan máis a ser músicados dun xeito máis tradicional (os xa citados Rosalía, Curros e Manuel María, tamén algúns neotrobadorescos de Cunqueiro), pero quixemos apostar por algún poemas aparentemente "inmusicables" como pode ser o xenial "Gato da Tasca Mariñeira" do libro Profecía do Mar de Bernardino Graña que, a primeira vista, é un poema moi longo e escrito case como se fose prosa poética. Creo que con casos coma este queda patente que a regularidade métrica non é nin moito menos imprescindible para poder facer unha boa canción. Por suposto tivemos que desbotar outros poemas, pero máis por cuestión de afinidade e resonancia nas nosas personalidades que por non poder musicalos. Todo é posible.

-O directos de interpretración do disco contarán cos músicos colaboradores ou soamente coa do trío?

-Todas as cancións están pensadas para ser tocadas en trio, para formatos máis reducidos de concerto, pero segundo as propostas e as circunstancias, contaremos con colaboradores. Por exemplo, temos o próximo 3 de Xuño un concerto de presentación no Centre Artesà Tradicionàrius de Barcelona no que levaremos, ademais do trío, a voz de Rubén Fernández, contrabaixo, acordeón e percusión extra.

Compartir el artículo

stats