Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Mirando diferente

Unha novela da inclusión

Mirando diferente

Camiños na auga é o suxerente título da nova novela de Manuel Núñez Singala, que nos introduce no continente africano da man de Szymo, un rapaz que foxe da propia traxedia: o sufrimento que supón ser albino nun lugar onde esa condición está asociada con ser un espírito, mais sobre todo coas máis variadas maldicións e supersticións. A marxinalidade que supón a diferenza, coa a súa crueza e coas súas diversas implicacións, é a grande temática desta novela, xunto pola loita por sobrevivir, o pulo natural que leva a unha persoa a arreporse ás peores condicións e, a pesar de todo, seguir vogando.

A obra comeza xa coa máis cruel das escenas: o lugar onde vive o rapaz é asaltado e a súa irmá, tamén albina, sofre un brutal ataque por parte duns homes que acaba por provocarlle a morte (por mor do mercadeo existente coas partes do corpo dos dilis -albinos). Como consecuencia deste suceso, o protagonista é enviado a un internado e cando sae, atópase con que mesmo a súa propia nai mantén unha certa distancia emocional del. A partir de aquí, Szymo decide principiar o propio camiño e atopar un lugar no mundo onde vivir con máis tranquilidade, o que supón unha búsqueda no seu interior, no quen é el -máis aló do adxectivo que parece definilo- e tamén no que pode chegar a ser para os demais. A narración poderíase entender dende esta perspectiva como unha novela de iniciación ou de aprendizaxe (e o seu encontro co amor e co sexo e con todo tipo de perigos que funcionan como obstáculos que aparecen no seu percorrido así parecen apuntalo). Non obstante, o peso que palabras como "diferenza" e "diversidade" teñen sobre o protagonista fai que esta obra vaia aínda máis alá, constituíndo unha novidade nas nosas letras. En primeiro lugar, pola súa capacidade para somerxernos no corazón da África negra dende unha certa vontade documental (en ocasións bótase en falta un chisco de emotividade, moi contida -quizais- para permitir respirar ao público) e para facelo a través da súa prosa líquida, mesmo caudalosa, con fervenzas mais tamén con caneiros que permiten demorar nela. Porque a lectora semella ter a oportunidade de ir navegando detrás do protagonista, gozando dos momentos de calma, de reparar no camiño, e co corazón encollido nos intres en que se enfrontará a cambios de correntes que traerán unha certa traxedia (que non serán poucos). En segundo lugar, porque é un texto que nos interroga e nos fai reflexionar sobre como miramos aos que consideramos "outros" e sobre o dano que pode facer unha mirada non empática. Esta reflexión, ademais, non se constrúe dende o cuestionamento directo, senón que se erixe a partir da capacidade do autor para permitirnos sentir como sente Szymo e, polo tanto, deixarnos ser el durante estas páxinas. Trátase, en definitiva, de sentir a incomodidade, de mexer(nos) por dentro. Por último, Camiños na auga é tamén unha obra sobre a inmigración, sobre a necesidade de marchar do propio lugar e abrirse paso noutro. A viaxe que pode ser a porta a un futuro mellor, mais que tamén pode supor a propia morte. A auga como muro e como salvación. A travesía da canoa do protagonista é agora o devalar dun caiuco no océano. A lectora, dende a súa posición privilexiada, segue vogando canda el.

Eis, por todo o que se vén de explicar, unha mostra de como a lectura pode axudar substancialmente a construír comunidades empáticas (neste caso, dobremente). De aquí a necesidade de que existan textos como este, unha caste de "novelas da inclusión" que convén seguir explorando e difundindo porque, dende a perspectiva máis social da literatura, son absolutamente fundamentais: permiten mirar diferente.

NÚÑEZ SINGALA; M., Camiños na auga, Ed. Galaxia, Vigo, 2016, PVP. 17, 50 ?

Compartir el artículo

stats