Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

LETRAS GALEGAS 2016 - MANUEL MARÍA

Como unha literatura

Manuel María, opera omnia

Manuel María na Coruña.

A opera omnia de Manuel María -tanto a édita en vida como a que postumamente está a publicar a Casa-Museo que leva o seu nome- autorízanos a cualificala como a dun clásico que mantén a súa vixencia e nos interpela mesmo moitos anos após ser escrita. É, sen dúbida, o escritor que mellor reata unha tradición abruptamente interrompida pola Guerra Civil española e o seu desenlace. En varias dimensións. En primeiro lugar, a comezarmos pola súa personalidade e actuación, sonlle plenamente aplicábeis as palabras que don Ramón Otero Pedrayo utilizou nunha das súas últimas entrevistas (V. F. Freixanes: Unha ducia de galegos, 1976), ao evocar a multitarefa que se impuxeran os nacionalistas da súa xeración: ? naquel intre, cando tan poucas cousas tiñamos, había que facelo todo: viaxar, botar discursos, escribir nos xornais, estudar xeografía, etnoloxía, historia da nosa terra, que estaba sin escribir. O que non se podía era estar calados e quedos, porque o tempo, xa daquela, loitaba contra de nós. Admira como o noso escritor acatou unha orde non escrita, herdada dos maiores como Otero, e se dispuxo a significar a Galiza por todos os meios posíbeis. En segundo lugar, este combate contra a afasia, contra a exclusión totalitaria do galego da arena pública, serviuno a través dunha dedicación literaria vitalicia e a través de todos os xéneros literarios, incluíndo os máis modestos (pregóns, recitais por toda a parte), nun exercicio constante de achegar a literatura á sociedade a que se debía e onde nacera, nunha práctica anticlasista realmente notábel.

En terceiro lugar, a súa obra -nomeadamente, a poética- espella unha evolución persoal, como é lóxico, mais compón asemade unha especie de cartografía sociopolítica da propria nación, da Galiza. Os seus primeiros volumes exploran o ego ipsissimus, como non podía ser doutro xeito nun rapaz que se asoma á súa propria psique, á Galiza e ao mundo. A partir da década de '60, o foco abrirase para formatar un claro compromiso, na xinea rosaliana, co país e a súa circunstancia. Tal camiño incrementarase na década seguinte, onde non dubida en oferecer a súa poesía ou o seu teatro ao servizo dunha causa nacional: a creación de conciencia galega, a elevación da autoestima colectiva, á par da restauración moderna e da actuación social do nacionalismo galego moderno.

Contrario a toda especialización, a obra das derradeiras décadas volve explorar, se ben con maior profundidade e unha intensa melancolía, camiños andados da primeira época: o erotismo, a desolación derivada da tensión desexo / realidade, a comuñón coa terra tan amada e tan coñecida? Da vocación omnívora e profundamente humanista da súa poesía dá boa proba un poema que pode funcionar como cifra da súa obra toda: Un poema é un ser vivo que anda, / respira, soña, chora, salouca, / ama, berra, centila e escurece, / cala, aborrece a mentira, / sente odio e tenrura, desángase, / fala de intimidade a intimidade / coas cousas e coa xente, suxere / mundos posíbeis e imposíbeis, / suda, cansa, ten sede e fame, / adoece, agoniza. / E nunca morre (A luz resucitada, 1984).

Se definimos a obra de Manuel María como unha literatura, seguíndomos a definición bartheana, é porque ela aunou todas as prácticas que caracterizan o proceso da escrita na súa terra e no seu tempo: perfil ideolóxico do escritor; modos de difusión; constitución dunha illa monolingüe nun mar diglósico ou excluente do galego; construción dun público leitor; creación dun repertorio que alargase ao máximo o discurso literario galego. Ao igual que na parábola evanxélica, Manuel María empregou todos os talentos e fíxoos render non ao servizo exclusivo da súa biografía senón como un acto de amor ilimitado á súa patria, Galiza, á súa lingua e ás súas letras.

Unha literatura, en fin, que fortifica a aspiración a termos un futuro como povo específico e singular, ansia constante do escritor, na mellor tradición dos nosos clásicos.

Compartir el artículo

stats