Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

LETRAS GALEGAS 2016 - MANUEL MARÍA

Narrativa caudal

Manuel María narrador da posguerra

A figura de Manuel María será lembrada este ano como a dun poeta. Un poeta prolixo e diverso que concedeu un papel especial na súa produción á poesía comprometida. Non é unha lembranza inxusta, aínda que si enormemente simplificada. Non só polos diversos poetas que se encontran na obra do autor, senón tamén pola desdebuxada perspectiva que ofrece dos distintos xéneros que practicou. Aínda hoxe, fontes autorizadas como a páxina que a Real Academia Galega lle dedica non mencionan esta faceta na biografía do autor, e mesmo mesturan as narracións para adultos e para crianzas na súa bibliografía. E porén, a pesar desta suposta irrelevancia da súa produción narrativa, existen un par de factores que nos obrigan a volver á vista cara a ela e resaltar o valor que tivo, especialmente na posguerra.

Deste xeito, a primeira consideración ten a calidade dos pioneiros. Manuel María é un dos primeiros narradores da posguerra. Nun campo literario que pecha un silencio narrativo de quince anos coa publicación de A xente da Barreira de Carvalho Calero, en 1951, a aparición de Contos en cuarto crecente do autor da Terra Chá no ano seguinte é un chanzo máis no camiño cara a unha recuperación aínda incerta. A xente da Barreira vén cun premio baixo o brazo e conta cunha editora como Bibliófilos Gallegos para saír á luz, a obra de Manuel María aparece vencellada ao complexo proxecto da editorial Celta. A medio camiño entre a autoxestión e a paralegalidade e sen ningún tipo de dirección editorial, Contos en cuarto crecente pode considerarse unha especie de autoedición. No seu contexto histórico era un recurso empregado sobre todo por poetas, non sen algún desgusto coas autoridades franquistas. Ninguén se atrevera a facer algo semellante cunha obra narrativa en lingua galega, xénero profundamente marcado por un réxime que só aceptaba de bo grao elementos líricos e folclóricos. Probabelmente estes factores inflúen nunha obra que o propio autor modifica profundamente para a segunda edición, dez anos despois e da que porén ninguén pode negar o valor de continuación dunha tradición narrativa rota pola guerra.

Nos anos sesenta, Manuel María ten xa un certo recoñecemento como poeta, xénero no que comeza unha decidida evolución cara unha temática cada vez máis social. Non pode separarse esta viraxe da vivencia política do autor nin da súa militancia na Unión do Povo Galego, organización marxista de liberación nacional fundada en 1964 polos membros expulsados do Concello da Mocedade que auspiciara o piñeirismo. Esta oposición entre o galeguismo de Galaxia e algúns autores da Nova Narrativa como Queizán ou Méndez Ferrín abre unha fronte literaria na que os, até entón, novos narradores teñen que reformular o seu papel. A Nova Narrativa ten que deixar de ser un reduto de intelectuais e saber combinar técnicas innovadoras cos problemas do pobo galego. Segundo Méndez Ferrín, nun artigo de 1966, este camiño quedaría aberto pola novela As augas van caudales, de Manuel María, publicada o ano anterior na revista Grial. Este relato longo, próximo ao realismo social, está ambientado na problemática das expropiación hidrográficas, loita popular na que a UPG participaba neses mesmos anos. A obra é a primeira dunha pequenas pezas de vida editorial convulsa. Rexeitadas por Galaxia, algunha delas atopa fortuna nas comunidades da emigración, porén a maioría non serán editadas como libro até 1997.

O modelo de Manuel María non tivo maior fortuna entre os novos narradores, da mesma forma que ninguén destacaría ao autor como un novelista. E porén, as súas inquietudes chegaron a ser relevantes mesmo nos aspectos menos coñecidos da súa produción.

Compartir el artículo

stats