Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Vigo e as Irmandades

En tempos de soñar Galicia

Cabanillas, Castelao e outros militantes galeguistas no Xuntoiro da Barxa (Vigo, 25 de xullo de 1930).

Xa pasou un século. Irlanda lembra o Levantamento de Pascua. A rebeldía contra o dominio e o abuso británicos. Todo sucedeu en apenas unha semana coma se fose o voo dun pardal. As fotografías das rúas de Dublín totalmente abatidas, desfeitas, esnaquizadas. Como as das cidades en guerra nos nosos días. O fusilamento dos líderes nacionalistas puxo fin ao que William B. Yeats chamou a "terrible beleza".

Na nosa terra tamén estamos de celebración pois as Irmandades da Fala (IF) cumpren cen anos. Unha coincidencia histórica que non ten relación inmediata. Porén, no imaxinario nacional galego existe unha fraternidade coa illa de Éire. Lembremos os versos de Alfredo Brañas dirixidos a Galiza: "Érguete e anda / como en Irlanda, como en Irlanda".

As Irmandades miraron para o exemplo irlandés aínda que non compartiran os mesmos métodos nin parte dos postulados do Sinn Féin. Na terceira Asemblea Nacionalista das IF, celebrada en 1921 no antigo Tamberlick de Vigo, aprobouse, entre outras resolucións, enviar unha mensaxe de apoio ao pobo irlandés e facer público o recoñecemento da República de Irlanda. Velaí unha mostra da fraternidade e do internacionalismo irmandiño.

Nunha anterior entrega do FARO DA CULTURA dedicamos unhas liñas á reivindicación da bandeira galega na nosa urbe atlántica por parte das IF. Desta voltaqueremos contribuír á memoria desta fronte irmandiña no seu vencello coa cidade entre os anos 1916 e 1922.

Os nomes dos fundadores das IF en Vigo son unha mestizaxe entre rexionalistas da vella escola (Jaime Solá, Amador Montenegro ou Avelino Rodríguez Elías) e mozotes nacionalistas da nova onda (Germán López Roca ou Xavier Soto). Todo acontecía o 10 de maio de 1917, data da súa constitución. Case un ano despois de fundarse a primeira irmandade na Coruña. É dicir, Vigo súmase tardiamente e ademais faino cunha actividade inestable.

A defensa e exaltación do idioma foron o espazo común que permitiu o encontro dos rexionalistas e nacionalistas. Por esta razón Jaime Solá, director da relevante Vida Gallega (unha das revistas ilustradas de maior tiraxe na Galiza daquel tempo), participa nesta andaina. Mais a politización crecente das IF e a aprobación do Manifesto de Lugo (1918) provocou a baixa do sector rexionalista máis decimonónico.

A celebración do conclave nacionalista en Vigo, no citado 1921, revela dúas cuestións: por un lado, o reforzamento orgánico das IF na cidade, e, polo outro, o decidido apoio que a nivel nacional se lle outorgou a esta delegación. É por esta época cando atopamos nomes que conseguirán darlle continuidade á axit-prop irmandiña no hinterland. Pensemos nun Manuel Lustres Rivas (xornalista en La Concordia, El Pueblo Gallego e redactor de FARO DE VIGO), Ramón Fernández Mato (director d´El Pueblo Gallego e presidente do Celta de Vigo) ou Valentín Paz Andrade (director do Galicia e recoñecido avogado). Reparen na importante presenza e postos decisivos que ocuparon os irmandiños na prensa local.

A división das IF en 1922 afectou ao percorrido da sección viguesa. Paz Andrade lideraría a ING local, con Xavier Pardo e Manuel Vázquez Fernández, até a súa desorganización dous anos despois. Co inicio da ditadura de Primo de Rivera todo minguaría. Até que en 1930 xurda o Grupo Autonomista Galego con persoeiros como González-Pastoriza, Goméz Román, Álvarez Gallego, Víctor Fraiz, Germán Roca e o nomeado Paz Andrade. Eles, entre outros, promoverán o Partido Galeguista. Pero todo isto merecería uns parágrafos que exceden os lindes deste artigo.

Os Villar Ponte, artífices das IF, e Plácido Castro traduciron o galego varias obras do irlandés Yeats, o poeta cantor da memoria do 1916 irlandés. Casualidades da historia. Pero Lustres Rivas ou Xavier Soto foron fusilados como os líderes do Levantamento de Pascua. Porque a represión contra a liberdade nunca foi un efecto do azar.

Compartir el artículo

stats