Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Universo Pulp

Do músculo narrativo

Os protagonistas de Os xogos da fame ("The Hunger Games").

O pulp define tanto un formato de edición coma toda unha estética que retrotrae as súas orixes aos finais do XIX. Entendido como un particular soporte de impresión, o pulp nace do emprego dun tipo de polpa de madeira que produce un papel amarelento, basto e de calidade ruinzalla, co que se confeccionan volumes sen guillotinar e de custo moi reducido. Ese foi o material co que comezaron a publicarse certo tipo de historias que tiveron moito éxito nos anos 20, 30 e 40 do pasado século e que hoxe continúan chegando ao público nunha sorte de revival neopulp.

Os relatos que historicamente se serviron da edición pulp abrangueron subxéneros narrativos moi diversos, que van dende a ficción científica ata o hard boiled, pasando polo western, a escrita psicalíptica, as aventuras de gángsteres, as historias de terror, a novela de fantasía e narrativa rosa e mesmo as tramas homo, lésbicas e, en xeral LGBT.

Tal dispersión de liñas creativas explica a alta popularidade da que sempre gozou o pulp, pois nel os asuntos tratados non importan tanto coma a estética que os caracteriza. Dito doutro xeito: o como é definitorio, mesmo por riba do que. Neste sentido, todos aqueles textos que adoitan adscribirse ao pulp coinciden en presentar unha escrita de pura acción, de ritmo vertixinoso, moi suxestiva, de linguaxe directa e retórica mínima, onde os personaxes son moitas veces arquetipos liberados de sutilezas psicolóxicas, que protagonizan historias sorprendentes, tantas veces hiperbólicas, moi entretidas e con finais sorprendentes. Son, por tanto, un exemplo de literatura de masas ou, para algúns, subliteratura moi popular, puro músculo narrativo sen filigranas, que pretendeu de sempre máis impactar que mover á reflexión.

Do pulp naceron Chandler e Hammett e foron cultivadores habituais Dick, Asimov ou Bradbury, tamén Lovecraft. O Tarzán de Burroughs veuse impreso no marelecido pulp e igual o Conan de Howard e tamén foi nestas modestas edicións onde puideron gozarse por vez primeira as aventuras de Batman ou Flash Gordon.

Dende mediados da pasada década o pulp ten renacido nun movemento que deu en denominarse neopulp e que ten algúns notorios expoñentes de fama internacional como Barry Reese e as súas novelas das series The Rook ou The Adventures of Lazarus Gray. Este rexurdir do pulp explica que agromasen tamén selos especializados e escritores doutros espazos sistémicos que apostasen por recuperar nas súas obras personaxes míticos deste mundo, como o Doc Savage de Dent, Ralston e Nanovic ou The Shadow de Gibson.

Agora ben, o ámbito natural e masivo do pulp está hoxe nas adaptacións cinematográficas e as series televisivas. Velaí, poño por caso, o éxito de The Hunger Games, Twilight, Waking Dead ou Game of Thrones, que suscitan un interese visual parello aos zombies de Manel Loureiro ou as historias alcumadas de "espada e bruxería" de Louise Cooper, George R. R. Martin e tantos outros, abondosas nos mesados das áreas comerciais.

A nosa polpa

  • Na literatura galega tamén hai interesantes exemplos desta literatura da 'polpa'. Unha sorte de pulp pioneiro teríano sido as coleccións "Céltiga" e "Lar", tanto dende a súa materialidade (edicións populares, de baixo custo e materiais moi modestos) coma dende a súa intencionalidade (pénsese, por exemplo, que aquí apareceu Un ollo de vidro de Castelao, modelo de narrativa de ultratumba benhumorada).Mais, alén de mostras puntuais, o pulp xenuíno toma corpo coa aparición no 2007 de Urco Editora como selo especializado. Ao seu esforzo editorial debemos a tradución ao galego de clásicos do pulp (Lovecraft, Howard), a aparición de colectáneas que seguen o ronsel das revistas pulp estadounidenses (velaí as diversas entregas dos volumes colectivos Contos estraños, un "steam-pulp da Galiza", como a definen os seus responsables) e tamén a publicación de narracións de autoras e autores noveis que ofrecen produtos literarios encadrables nos eidos do terror fantástico ou na ficción científica en edicións de estética pulp.Non xa pola súa textualidade senón polo seu formato habería que contar como parentela pulp unha colección como "Xerais Peto" e varias outras da división "Alternativas." Tamén si, a máis recente Pulp Books, selo especializado na tradución de títulos galegos ao castelán e ao catalán no que teñen aparecido ben interesantes obras en edicións autenticamente populares, con deseño, maquetación e cubertas moi na liña do universo pulp, asinadas por autores como Iolanda Zúñiga, Diego Ameixeiras, Teresa Moure, Xabier López, Xosé Ramón Pena, Mario Regueira, Santiago Jaureguizar, Luís Rei Núñez ou Eva Moreda, entre outros.

Compartir el artículo

stats