Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Mónica Cabo no MARCO

Muller rebelde, muller loitadora

Mónica Cabo é unha desas artistas que, procedentes de comunidades limítrofes (neste caso, Asturias), veu estudar á facultade de Belas Artes de Pontevedra, e que desenvolvendo gran parte da súa carreira aquí, foi considerada desde o principio como parte integrante da nova arte galega. Fronte aos creadores de noso que noutras épocas tiveron que emigrar, agora é a facultade a que serve como catalizadora que convoca a alumnos e profesores de fóra que enriquencen e nutren con nova savia o territorio da arte galega.

Mónica Cabo é unha creadora pola que amosaron axiña interese algúns dos curadores e curadoras galegos máis inquedos, entre outros, Mar Caldas, Xosé Manuel Lens, Anxela Caramés ou Manuel Segade e tamén, quen volta contar con ela agora, Chus Martínez Domínguez. E por que ese interese cara ao seu traballo? Sen dúbida polo orixinal das temáticas rebeldes e insubmisas en torno as prácticas sexuais convencionais coas que iniciou o seu percorrido artístico: por exemplo, ese cartaces por Pontevedra nos que se anunciaba e se ofertaba co seu propio teléfono móbil para prácticas de sexo queer entre mulleres. Velaí tamén as arquicoñecidas fotografías dos seus dedos tinxidos de dourado a falar de masturbación feminina mentres o título nos lembra que ela está a pensar noutras mulleres? Velaí ese autorretrato fotográfico onde a boca da artista interactúa cun cadrado de látex para previr doenzas ETS no sexo lésbico. Eis esa serie de nós e cordas onde xoga a practicar e pensar no bondage sobre o mobiliario urbano da cidade. Ou cando pendura dos balcóns de San Martiño Pinario unha nova emblemática de simboloxías de xénero transfronteirizo.

Agora a súa obra ocupa o novo espazo expositivo do que fora a antiga libraría do MARCO. Ao ver o que Mónica Cabo expón aí, o visitante pensará que nada de canto lles veño contando ten que ver co que hai na sala, pois tan só vemos unha bicicleta negra de tándem, un vídeo que reproduce a imaxe dun secador de man batendo de lado a lado e un pano negro anuado a unha estrutura de andamiaxe. A moitas e moitos, a lectura deses elementos deixaráos indiferentes e desmotivados. Non entenderán nada e nin tampouco parecerán interesados en procurar máis. O certo é que as obras de Mónica Cabo nunca foron doadas e sempre esixiron un plus de atención. En calquera caso tampouco llo pon tan difícil ao espectador, non costa tanto ver como esa bicicleta tándem, a peza máis importante do proxecto expostivo por escala e significación, ten os asentos en distintos sentidos, co que o camiño previsiblemente sincronizado e na mesma dirección dos amigos, amantes, ou o que sexan, xa non semella tan doado. Ademais a obra conecta no mesmo ronsel con outra que produciu e forma parte da colección do CGAC: unha grande estrutura de xogo na liña das que se desenvolven para nenos, pero aquí feita en cor negra, en lugar das habituais e rechamantes cores que adoita fabricar, de xeito tal que ao cabo semellaba máis para xogos para adultos, acaso sexuais? Unha bicicleta, pois, que ben podería ser adquirida polo CGAC no futuro para acompañar esa outra grande peza xa do museo compostelán, co que ambas se complementarían nun tándem por partida dupla.

O vídeo do secador (un obxecto fabricado para a beleza) devén ameazante e agresivo e eu conéctoo con outro vídeo feito por Cabo para unha mostra titulada gráficamente e irónicamente Boas pezas, que comisariou Mar Caldas na Sala X do Campus de Pontevedra. En lugar dun secador, daquela Mónica manexaba un dildo eléctrico a modo de batedora para bater nun recipente con ovos? Electrodomésticos e xoguetes, pois, que se rebelan e se fan indómitos. Igual que unha bicicleta pode deixar de ser unha leda e saudábel máquina para o deporte ou o lecer, para tornar nun fórceps de tensións irresolubles de identidades, sexualidades, xéneros, nacións, ideoloxías, etc.

Título: Mónica Cabo: There Will Be a Sea Battle. Tomorrow. Comisaria: Chus Martínez Domínguez. Lugar: MARCO de Vigo. Datas: Até o 26 de xuño de 2016.

Paula Quintana en Latente

  • As benditas casualidades fan que, tras da visita á mostra de Mónica Cabo, me encamiñase cara ao Auditorio do Concello onde, para conmemoraren o Día Mundial da Danza, estaba programada unha obra de danza contemporánea da tinerfeña Paula Quintana. Velaí a enerxía desbordante dese corpo que taconea con enerxía imparábel o traxinar polo día a día dunha muller de hoxe, entre o tupper coas albóndigas da nai e mais as frases feitas que habitan nese bucle de conversas estereotipadas que todos practicamos. Velaí eses dedos e eses cabelos longos da bailarina que danzan de xeito propio e adquiren vida autónoma fóra case do propio corpo. Unha interpretación extraordianria que conxuga de maneira perfecta un baile fermoso e poderoso cun monólogo perfecto no que o texto é tan importante polo que conta como polo que suxire acerca dos nosos sonos e tamén da pedestre realidade das nosas vidas.Hai unha imaxe redonda que Paula Quintana crea en distintos momentos do espectáculo: eis o seu corpo atlético e belido a abanear en alto un pano a modo de hélices que a eleven. Vendo esa imaxe non podía por menos que relacionala con esoutro pano anudado que Mónica Cabo que viña de ver atado no andamio?

Compartir el artículo

stats