Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Un encontro plástico-poético

Cabo dos Libros conversos de Cáccamo e Ramos

Libros conversos é o título da exposción conxunta dos poetas e creadores plásticos Baldo Ramos e Pepe Cáccamo, nela ambos os artistas establecen un novo diálogo creativo, entre o plástico e o poético, por medio de corenta obras.

Trátase de poemas convertidos en pintura, colaxe e escultura que xorden a partir dunha concepción de que a creación poética e a pictórico-obxectual son dous mundos que se complementan de xeito estreito. De feito Pepe Cáccamo e Baldo Ramos colaboran e levan anos traballando desde que coincidiron nun común espazo poético en 2012 re-coñecendo as respectivas obras.

Desta confluencia xurdiu o proxecto CaRa inversa (2014), un diálogo de corenta pezas e poemas, que tivo como plasmación nunha mostra conxunta e un libro, editado na colección "Libros da Frouma" de Follas Novas, volume en que se recollen os poemas dos dous autores escritos para glosar cadanseu libro obxecto do compañeiro.

Libros conversos é, en moitos sentidos, continuación daquel primeiro traballo compartido, exposto e editado, neste caso abrindo a intervención poética a outros autores da literatura galega, poetas clásicos e poetas amigos -desde Rosalía de Castro a Manuel María, pasando por boa parte dos principais nomes da lírica galega actual-, que acaban por conformar unha particular homenaxe ao feito poético, que ten a súa plasmación no traballo exposto na sala do Museo de Pobo Galego e tamén nunha atractiva publicación que insire os seus traballos e mais os poemas que os inspiraron.

Domina en todo o labor de ambos un sentido de síntese das artes cun notábel peso da escrita, evidente desde a escolla do tema que nuclea o proxecto. No traballo de Pepe Cáccamo ten maior peso o sentido obxectual, máis escultórico que pictórico e intensamente lúdico, en canto en Baldo Ramos o pictórico ten unha presenza ineludíbel aínda que nesta ocasión a súa obra tamén se inclina cara o poema obxecto, dotando a obra de matices máis variados.

Este diálogo leva a ambos ao libro de autor como xeito de expresión, escolman un texto poético e crean un libro obxecto, un libro de artista para dialogar co poema escollido. O texto escrito incorpórase como parte do obxecto, adquirindo unha importancia maior que en traballos anteriores -en especial na obra de Cáccamo-, procurando adaptar a peza ao impacto emocional e visual que os versos propician. O resultado é un encontro entre dous mundos, un espazo compartido que quere facer participe o espectador dunha síntese plástico-poética. Un espazo que poderiamos definir como de acollida, por ser o territorio do diálogo, do encontro iluminador, tamén para o lector-espectador.

A percepción desde o diálogo entre o poético e o plástico converte estas pezas en elementos de transmisión que conforman unha nova realidade, síntese das anteriores creacións. Son pezas catárticas percibidas como produtos dunha feliz fusión que as abre semanticamente cargándoas de novos significados.

Deste xeito, os artistas afrontan o feito creativo como un intento de dar solución a un reto (formal e temático) con fórmulas de intenso contido literario e vivencial que funcionan como liberadores e enriquecedores, como pulo para se mergullar na comprensión e na interpretación dos mundos suxeridos, producíndose unha interrelación de logros formais e desenvolvemento temático.

Mais en medio dese proceso emotivo e reflexivo, o obxecto aparece como explícito territorio para unha rigorosa construción formal. Cos seus libros de artista activan un particular ritual intimo que é reforzado polo contacto directo coa letra, instrumento que libera o traballo da súa reclusión no puramente conceptual ao rachar os límites de barreiras invisíbeis, sendo este o seu xeito de engulir e dixerir os discursos tópicos sobre certo sentido do obxecto artístico, para así facer xurdir unha nova realidade, que poida ser fermento de novas formas de creatividade.

Título: Libros conversos

Autores: Pepe Cáccamo e Baldo Ramos. Comisariado: Mercedes Rozas. Local: Museo de Pobo Galego, Bonaval, Santiago de Compostela.

Até o 12 de xuño.

Carácter aberto

  • O carácter aberto e reflexivo das distintas pezas fai que poidamos, como espectadores, participar da creación, procurando lecturas e asociacións propias. Son obras que presentan un abano de preocupacións que acaban por se configurar como un auténtico caleidoscopio dalgúns dos fenómenos do noso presente. As obras de Baldo Ramos e Pepe Cáccamo permiten un mundo totalmente ilimitado de lecturas, desde os obxectos que irradian unha forte intensidade afectiva, xogando este unhas veces o papel de vehículo para unha comunicación explícita, contundente, e outras, transmitindo sensación con sutileza, ambigüidade ou ironía. Parafraseando a Pound que dicía que poesía era "palabra cargada de sentido", a arte devén, neste novo espazo de encontro, en "obxecto cargado de sentido".

Compartir el artículo

stats