Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Acertada antoloxía

Celebrando a Manuel María

Acertada antoloxía

Este 17 de maio conmemoramos, ou sexa, lembramos en común a Manuel María. E isto é unha benzón, pois estamos diante dun autor que, sen descanso, fatigou todas as correntes poéticas do seu tempo. O volume Manuel María, antoloxía poética, realizado por Darío Xohán Cabana e Amelia Outeiro Portela (beizón pola tarefa titánica), recolle as mostras máis significativas da dilatada produción do escritor da Terra Chá. Aquí atopamos pezas que van desde Muiñeiro de brétemas (1950) até Compendio de orballos e incertezas (1991). Unha escolla que aúna altas doses de sensibilidade e certeiro gosto literario, pois non hai poema que non conteña verdades irradiantes ou emocións fundamentais.

Algúns poemarios están máis sabiamente representados. Morrendo a cada intre (1952) é un deles. Sen dúbida estamos perante o máis orixinal dos seus libros: unha poesía de irada perturbación, de fresca iconoclastia e furor xuvenil: "A túa fermosura/vale 20 bicos sinxelos e 12 vasos de wiski". Esta furia existencialista proclámase moitas veces con perturbadora clareza: "son un tolo e absurdo estudante de Filosofía/que adeprendo nomes mortos". O protagonista poemático transita pola iracundia dun primeiro Maiakovski en imaxes sorprendentemente impactantes: "Eu sei que as sombras -pra iso son poeta-/teñen un perfil de atleta sombrío" que nos acaba lembrando a estraña sordidez de Delito e castigo de Fiodor Dostoievski: "Escríbeme se non queres que faga algún crime".

Admíranos que dous anos despois escriba Advento (1954), unha obra reflexiva sulcada por unha súbita relixiosidade, aceptando que a vida é unha sucesión de desaparecimentos, humanos, espirituais e materiais: "luz que queda pra sempre nos ollos dos gorriós/ao tempo que agoniza a nosa propia vida". Porque no corazón do poeta xa aniña a ansia de perdurar, de non ser un efémero e pequeno vestixio do que foi. Non estraña, entón, comprobar que nun libro posterior, Terra Chá (1955-67), descubramos que a terra é un necesario construír e que nós somos un minúsculo fragmento condenado á rebeldía ou ao recoñecemento.

Finalmente, o chairego percorreu os territorios da ironía e do sarcasmo en abundantes e magníficas pezas como "Bando" ou "Testamento" pertencentes a Documentos persoais (1958), sen faltar mostras da súa mestría con verbos que perforan a nosa ánima e perduran nela eternamente: "A anguria, daranos algún froito?/Desfarase, cecais, en esperanza?/E se por un milagre se voltase luz,/poderán as nosas maos humildes/soster tanta ledicia?". Nesta espléndida antoloxía o lector atopará fogonazos líricos, unha música espiñosa, unha alegría desconcertante e, en toda parte, un caudal de versos a voar.

CABANA, D.X. e OUTEIRO, Amelia, Manuel María, Antoloxía poética, Ed. Galaxia, Vigo, 2016, PVP. 12 ?

Compartir el artículo

stats