Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

O valor do cotián

Vivindo a propia aventura

O valor do cotián

A vida cotiá adquire en O segredo de Zoe un valor incalculable, sobre todo, cando a nena protagonista, mesturando ficción e realidade, vive a súa propia aventura xogando co que se atopa ao seu redor e co que é produto da súa imaxinación.

Pola noite, Zoe está preocupada porque decide seguir o ditado do seu corazón e gardar para papá o seu primeiro dente, contravindo a práctica habitual nestes casos de deixar debaixo da almofada o cairo para que o rato Pérez engrose o seu almacén.

As horas que seguen a tal decisión son importantísimas para Zoe: o sentido do deber e o desexo loitan por ocupar unha situación de privilexio na cabeza da rapaza que, ao final, resolve deixándose cautivar polos sentimentos. Ademais sempre pode botar man do mar que na súa casa, como non podería ser doutra forma, o inunda todo e lle permite traspasar cantas veces queira as fronteiras da realidade e instalarse no soño nunha sorte de aventura que reporta un resultado espectacular para rapaza que fará que esqueza o medo nocturno.

Pouco a pouco a cotidianeidade dos feitos apodérase das tarefas a realizar pola cativa que vive con intensidade o decorrer dos acontecementos e que ten o seu momento de inflexión na chegada do pai.

Ás veces, as reaccións dos nenos, a miúdo, imprevisibles e impredicibles convértense en auténticas leccións de vida para os adultos. A súa capacidade creativa lévaos a descubrirse e a formarse ao mesmo tempo. Sen prexuízos exprésanse e observan que é divertido mirar ao ceo e sucar mares e seguir adiante, porque só aquel que persegue o seu soño ata as últimas consecuencias, atopa unha enorme satisfacción no seu quefacer. Convencidos de que a maxia existe e que calquera cousa é posible, non se arredan dos seus obxectivos.

Por iso, cando o pai chega e se lamenta do suposto tempo perdido, a filla amósalle que é importante poñer corazón no que se fai, porque así será doado gozar do que a vida nos depara.

Fina Casalderrey volve unha vez máis facer maxia coas palabras ás que dota dunha gran tenrura e sensibilidade para que o lector mozo aprehenda que a verdadeira esencia da vida está no día a día ou no xesto máis insignificante.

Dende as primeiras liñas da historia o lector queda prendado da metáfora e da dozura das palabras e dende aí lanza unha interesante mensaxe que sorprende polo fondo e pola forma.

CASALDERREY, Fina, O segredo de Zoe (Ilstr. Marina Seoane), Ed. Tambre, Vigo, 2016, 8, 30 ?

Compartir el artículo

stats