Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Memorias e viaxes

Das galas dun gran prosista

Monumento a Camilo José Cela na cidade de Guadalaxara.

Durante anos, ninguén discutiu a importancia de Cela nas letras españolas. Pero co discorrer do tempo semella que o recoñecemeto do padronés está sendo posto en solfa por escritores ou profesores. Semprún, Gibson, Javier Marías ou Jordi Gracia, en momentos distintos, viñeron a negarlle o pan e o sal ao arrogante, mediático e provocador Nobel.

A Camilo José Cela Trulock poderán achacáreslle, de certo, defectos nalgunha obra: na construción de personaxes, nas súas dificultades na arquitectura dalgunhas novelas, no saco que fai do libro de Baña Heim sobre a Costa da Morte... Pero se ollamos sen prexuízos a súa literatura, cómpre subliñar que estamos diante dun gran prosista, cunha obra moi extensa, e que soubo, desde o primeiro momento da súa carreira literaria, abrir camiños e saír da novela tradicional cunha clara e violenta conciencia de escritor renovador. Non é preciso lembrar La colmena ou Mazurca para dos muertos, para decatarnos de que Cela é un rebelde con causa, un mago da palabra, un mestre da oralidade que, co carrexo de materiais variados, é quen de entregarnos as páxinas máis desgarradoras e líricas. En campos tan pouco recoñecidos como a literatura memorialista e de viaxes, Cela foi un mestre que soubo continuar por vieiros moi persoais a tradición do 98 e anovar xéneros. Calquera que lea con calma Viaje a la Alcarria ou La rosa poderá apreciar a precisión da frase, o sentido da música, a viveza dos diálogos,o dominio da escrita, a cotío incrustada de galeguismos e xiros coloquiais moi variados.

Cela publicou La rosa en forma de libro por primeira vez en 1959, despois de adiantar en revistas como Correo Literario ou Destino moitos dos seus capítulos. O autor ten 34 anos cando ven a luz, e a obra forma parte dun intento de maior envergadura que, baixo o título de La cucaña, pretendía ir dando forma a diferentes "trancos" da súa vida. Ao final, o proxecto só tivo continuidade con Memorias, entendimientos y voluntades, libro que arranca da vida madrileña do Nobel ata o momento en que aparece ese mundo de derrota, lírico e expresionista de Pascual Duarte. En La rosa fala da súa infancia como dun mundo cheo de afectos, paradisíaco, con episodios alegres en Iria e Tui, e onde a figura da nai (tan protectora e consentidora), do pai (algo máis distante), dos avós, dos criados e da xente que coñeceu na súa infancia está descrito con precisión, ironía, humor negro e desde a perspectiva dun neno rebelde, traste e indisciplinado, que un bo día sería expulsado dos xesuítas de Vigo por soltar as vacas do colexio. La rosa é un libro con descricións líricas, propio de quen foi feliz no mundo rural, a carón dos paxaros, dos amigos de xogos, e no que ás veces asoma a perspectiva do home maduro que escribe facendo reflexións sobre a vida.

En Memorias, entendimientos y voluntades, que antes de saír como libro foi publicado por Diario 16, Cela non acadará a altura de La rosa. O autor comeza a súa andaina en 1925, para contarnos as vicisitudes dun mal estudante, as dificultades da guerra, a súa mala opinión da Igrexa e do Exército, e dos antecesores que iniciaron a guerra, e tamén os inicios como escritor. A súa prosa é de calidade, pero sobran elementos escatolóxicos que o autor sinala con excesiva frecuencia. Nos dous libros, memoria e ficción parecen ensamblarse con naturalidade.

Aínda que Cela non rematou o seu proxecto memorialista, novelas como San Camilo 1936 foron territorio abonado para explorar as vivencias pasadas. Noutras novelas conflúen a memoria cunha viaxe á Galicia interior (Mazurca para dos muertos) e a Galicia mariñeira (Madera de boj). Pero cando falamos de viaxes strictu sensu en Cela, é preciso lembrar libros como Judíos, moros y cristianos, onde conta o seu peregrinar por Ávila e Segovia, Del Miño al Bidasoa, que comeza en Santa Marta de Ribarteme, e, sobre todo, Viaje a la Alcarria (1948). Aquí Cela sae dun Madrid "barojiano" en tren, para percorrer a pé coma atento vagabundo as pequenas localidades daquela árida comarca. Neste libro de andar e ver, Viaje a la Alcarria amosa un viaxeiro que vai descubrindo lugares humildes ou con edificios dun pasado grandioso convertidos en ruínas. A prosa impresionista, rítmica, sinxela, pero con xiros expresionistas retrata os tipos humanos en relación coa paisaxe. Hai personaxes marxinais, con algunha tara, pero tamén aparecen un alcalde, un médico, fermosas mozas ou nenos vistos con tenrura. Os ceos, os campanarios, un convento en decadencia, una taberna fresca, co chan acabado de regar, personaxes como Julio Vacas, un arbitrista que está ao tanto de que Alcalá Zamora é primo do Rei de Francia están visto polo autor con amabilidade, cunha prosa fulgurante e precisa, e nun contexto crítico, pero sen a radicalidade de autores que seguirían o modelo deste libro, como Juan Goytisolo en Campos de Níjar.

Viaje a la Alcarria

  • En Viaje a la Alcarria, Cela amosa as mellores galas dun gran prosista, que coñece a lingua que manexa, e se expresa con sinxeleza e precisión. O autor, no seu camiñar de vagabundo, pasea por Brihuega, Pastrana, Cifuentes ou Torija, da fe de homes e paisaxes, para emocionar o lector con pequenos detalles e diálogos de gran viveza. A lingua é de aparencia sinxela, pero a súa musicalidade, a deslumbrante adxetivación que acompaña as descricións, a resonancia das palabras do terruño amosan un traballo de ourive. Na España lúgubre na que se publica a obra, Cela desvela a vida humilde da Alcarria, o rostro demacrado do esmoleiro ou dos vellos que semellan heroes caídos, pero tamén o pastor, o hortelán, o entrañable neno que vende periódicos, o que revolve no lixo, a nena "chapona", o neno que está descontento da cor do seu cabelo.O libro, orixinal, modelo para outros escritores, ten unha dimensión novelesca, un carácter antiensaístico; o autor, que saíu ao campo sen un plan previo, anota todo aquilo que, de xeito improvisado, observa; dá fe de todo o que vai descubrindo, cunha prosa limpa, matizada e poderosa.

Compartir el artículo

stats