Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Explorando o Caos

Xosé Luís Otero no Museo do Mar

A ampla mostra do artista ourensán Xosé Luís Otero, desenvolvida no vigués Museo do Mar parte dunha intensa e convulsa experiencia persoal que acaba por se plasmar nunha investigación plástica que se realiza en diálogo coa tradición, con referencias que van desde o mundo matético até a pintura de pincelada puramente informalista, ás que tamén acrecenta unha instalación de base escultórica e un video.

Unha das obras de Xosé Luís Otero // xoseluisotero.com

Na súa radicalidade de sentimentos, o artista entende o cadro como un territorio de conflito, tentando reproducir a sensación de sufrimento e persecución, de intensa dor. A dor do individuo encerrado nun espazo indefinido que busca sempre escapar e que entre as leas de arames quere articular un grito desde a extrema convulsión. Toda a obra de Xosé Luís Otero semella querer amosarnos a indefensión na que existimos, entendendo o cadro como un comentario lúcido e desesperanzado sobre a fraxilidade do ser. Neste sentido o traballo de Xosé Luís Otero pode abrir reflexións sobre a presenza da violencia na sociedade e na arte actual.

Obviamente, a ninguén debe estrañar que na arte do noso presente sexan abondosas as obras que nos transportan a reflexións sobre a globalización, a mundialización económica e do terror, as fendas do sistema que rexe os destinos do mundo... En definitiva, á constatación de que a violenta desorde na que estamos instalados, coas súas fracturas ideolóxicas -ben perceptíbel no mundo que nos rodea, e en especial no ámbito da comunicación- provoca a necesidade de pór en evidencia as estratexias de opresión.

O artista Xosé Luís Otero // R.Grobas

Hai artistas que optan por constatar e deixar testemuño do desequilibrio, a inestabilidade substancial da nosa condición, captando a inseguridade, a vulnerabilidade das persoas cando saímos do noso ámbito referencial. Neste sentido non son raras as reflexións sobre o azar, sobre a inestabilidade ou sobre a fraxilidade. Outros artistas dialogan coa tradición do sublime, que procede en orixe do movemento prerromántico de finais do século XVIII, co seu interese polo estraño e deforme.

Mais o que quizais domine no noso presente son as estratexias que optan por evidenciar as manobras de manipulación desde a imaxe, moitas veces coa denuncia da guerra como centro temático valéndose de medios como a instalación, a performance, o vídeo ou a fotografía, frecuentemente analizando minuciosamente a paisaxe urbana e retratando a cidade espida desde o punto de vista físico, mais tamén espida de toda retórica, transformada nun esqueleto de cidade no que se escenifica a violencia. Esta violencia, ligada á desfiguración do noso mundo cotián, está presente en moitos autores, xogando coas escalas e producindo un efecto desacougante.

Frecuentemente a expresión da violencia é froito dunha actitude reflexiva na que o importante é patentizar a vontade de autodestrución do home actual, a violencia do noso mundo, diseccionando os mecanismos de opresión do poder.

Para conseguir este efecto, que se encontra no punto de partida argumental de Explorando no caos, Xosé Luís Otero acóllese a unha técnica matética, reutiliza os máis diversos materiais, mesmo de refugallo, tratándoos como músculos en acción que fan palpable deste xeito a condición angustiada e dolorosa do home. Otero e a súa pintura participan dunha tradición da modernidade, moi presente na arte desde os anos cincuenta do pasado século, que entende que a arte, cando é de valor, sempre che devolve a vulnerabilidade da situación humana. En Explorando no caos temos un exemplo desta vontade xa que o artista plasma en imaxes ese mundo de caos, de confusión, por medio dun estilo que manifesta a angustia da condición humana.

Título: Explorando no caos

Autor: Xosé Luís Otero

Local. Museo de Mar de Galicia, Alcabre, Vigo

Desde o 9 de marzo

Espazo ambiguo

  • Nunha parte da obra tamén se asume un carácter xestual completamente libre, con enérxicas pinceladas e cunha enorme capacidade para empregalas na construción dun ambiguo espazo pictórico no que o plano e as suxestións de profundidade entrelázanse en diálogo. Neste tipo de obras Otero utiliza a liña para crear un conxunto de formas que se ligan entre si ás veces por proximidade e outras superpoñéndose e que se mesturan nunha disposición espacial que non dá nacemento a unha superficie continua nin a outra descontinua.Toda esta percepción artística conforma unha paisaxe conflitiva, mais ao tempo enormemente viva e creativa. Esta sensación de ameaza -que é reflexo do mundo no que moramos- está presente na mostra na que dramatismo e o abisal sempre transitan.O traballo de Xosé Luís Otero sitúase, pois, nunha liña da arte actual para a que a denuncia social é fundamental e para a que é importante patentizar a vontade de superación do home contemporánea, a pesar da violencia do noso mundo, deixando ver as trampas e os engados que nos deita o poder, un xeito de comprender o noso presente que nos fornece unha bagaxe para enfrontármonos á realidade que nos toca vivir.

Compartir el artículo

stats