Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

CJC na gran pantalla

Fotogramas de Don Camilo

Cartel de Pascual Duarte (1976), de Ricardo Franco.

Dos insondables vínculos que artellan o cine e mais a literatura dan notoria mostra incontables particularidades, pero no que concerne a este artigo, esa particularidade reflíctese no feito de que ningún produtor cinematográfico reclamara a obra de Camilo José Cela despois de recibir o Premio Nobel de Literatura no ano 1989, malia que a adaptación de La colmena, realizada por Mario Camus no ano 1983, lograse un grande éxito de público -no seu momento estivo entre as doce películas españolas máis taquilleras da historia- e de que fose galardoada co Oso de Ouro do Festival de Berlín. A aleatoria relación entre ambas as artes, aínda que aquí entra tamén unha coordenada histórica, maniféstase igualmente nos máis de trinta anos que van desde a publicación da obra mestra do escritor de Padrón, La familia de Pascual Duarte (1942), e a súa transposición fílmica por parte de Ricardo Franco, baixo o título de Pascual Duarte (1976).

Certo que a ópera prima de Cela, expresión do realismo tremendista que obtivo unha extraordinaria repercusión desde a mesma publicación, estivo a piques de converterse en imaxes grazas a Fernando Fernán-Gómez. O papel protagonista estaba reservado a Francisco Rabal e, ademais, os diálogos serían redactados polo escritor que esixiu que nos planos preliminares da película o seu nome debería aparecer en tamaño de letra non inferior a do director e actor. Pero foi a censura quen botou por terra este proxecto.

Pouco despois da versión de Ricardo Franco, Ramón Fernández rodaba unha adaptación de La insólita y gloriosa hazaña del cipote de Archidona (1979), unha historia de humor e erotismo que pretendía sumarse á onda do cine español coñecida como destape, e na que Camilo José Cela se interpretaba a si mesmo. Tres anos despois, rodábase La colmena, con guión de José Luis Dibildos, a terceira e última adaptación dunha obra da súa autoría. No inicio desta longametraxe, o personaxe Ricardo Sorbedo, interpretado por Francisco Rabal, proclama un parlamento sobre cales deben ser os fundamentos da estrutura dunha novela: presentación, desenvolvemento e desenlace, e de faltar algún, xa non sería unha novela, senón "fraude e modernidade". Con este arranque de película, pretendíase facer un chisco á propia novela inspiradora, posto que a súa estrutura carece destes tres elementos aristotélicos, que ademais se enmaralla coa multiplicación de personaxes. Deste xeito, Camilo José Cela sacrifica o relato clásico en prol dun retrato coral da sociedade española da posguerra, próxima a esa paleta impresionista que crea unha paisaxe a partir de pinceladas miúdas, como os pequenos habitáculos das abellas que conforman un todo, a colmea, e que, a súa vez, remite a un universo pechado propio da España da época. Cun estilo academicista a pesar desa "modernidade anti-relato" da novela, Mario Camus bota man da plana maior do elenco actoral español para recrear ese Madrid gris de prostitutas, necesidade, picaresca e supervivencia.

O prestixio acadado por Camilo José Cela desde os inicios da súa carreira literaria pode estar detrás da súa inclusión nos títulos de crédito e nas fichas técnicas como colaborador no guión de El cerco del diablo (Antonio del Amo, Enrique Gómez, Nieves Conde, Edgar Neville, Arturo Ruiz Castillo, 1952), Consultaré a Míster Brown (Pío Ballesteros, 1946) e El sótano (Jaime de Mayora, 1949), por máis que, segundo os arquivos da Fundación Camilo José Cela, na película de Jaime Mayora a súa colaboración limitouse a algunhas correccións de estilo, mentres que da segunda película non se atoparon indicios desa participación. Sen embargo, máis coñecida e real semella a súa colaboración no guión do televisivo El Quijote de Miguel de Cervantes de Manuel Gutiérrez Aragón.

Cela por Cela

  • Escribiamos hai poucas semanas neste suplemento, nun artigo adicado a Cervantes, sobre o proxecto finalmente frustrado no que Camilo José Cela interpretaría a Don Quixote baixo a dirección de Jaime de Mayora. De ter acontecido, sería a primeira aparición do escritor galego diante das cámaras cinematográficas, algo que faría posteriormente en máis dunha ocasión. Ademais da comentada aparición na película baseada na súa obra homónima La insólita y gloriosa hazaña del cipote de Archidona, con anterioridade, interpretou a un dos veciños dun edificio que se refuxiaban dos bombardeos nunha película de Jaime de Mayora do ano 1949 titulada El sótano. Fernando Fernán-Gómez tamén lle ofreceu no ano 1953 a oportunidade dunha breve intervención en Manicomio, cun personaxe, el señor Kock, que cre ser un asno. Outra aparición fugaz como actor atopámola na comedia de Pío Ballesteros Facultad de letras, recordada pola canción "Margarita" de Julio Salgado Alegre, aínda que a máis coñecida foi a que protagonizou en La colmena, no papel de Matías Martí, o inventor de palabras que se relaciona cos poetas do café de dona Rosa, capaz de deixar hipnotizado ao académico interpretado por Luís Escobar coa nova palabra que acaba de inventar para o léxico patrio: "bizcotur".

Compartir el artículo

stats