Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Chicharrón outra volta

Doce postais desde un camiño novo

Os compoñentes do grupo Chicharrón.

Venres 11 de marzo, á noite, o Pazo da Cultura de Carballo acolleu a presentación do segundo traballo de Chicharrón, Postal (Prenom, 2016). A banda bergantiñá xogaba na casa e aínda así sorprendeu as persoas que en gran número se achegaron ao pazo para os ver ao vivo. Sorpresa positiva, se facemos caso das crónicas xornalísticas que falan de longas fileiras de espectadores a agardar pola sinatura da banda no flamante novo traballo. E esa sorpresa foise estendendo a medida que o traballo se ía dando a coñecer, coa rapidez inherente a estes tempos que nos segue a causar certa vertixe aos que somos demasiado vellos para ser millennials. Nos currunchos radiofónicos e webzineiros, galegos e estatais, onde o pop e o indie son relixión semellaba unánime a impresión do gran paso adiante que supuña Postal para a banda de Carballo.

Todo porque as mudanzas que sufriu Chicharrón desde a súa estrea, con disco homónimo, en xuño de 2014 son moitas. Daquela Chicharrón presentáranse cun formato de trío en acústico -Alberto Vecino, voz e guitarra; Diego Gende, guitarra e baixo e mais Rubén Domínguez, teclado, piano e coros- ao que se unira Tomás Ageitos á batería na gravación, que se fixo precisamente no Estudio A Ponte que este ultimo rexenta en Roxos, nos arrabaldes de Compostela . O traballo era un tributo a Alberto Gende, irmán de Diego e grande amigo dos outros dous compoñentes, desgrazadamente falecido. De feitura pop e envolto na tristura, o traballo era unha presada de cancións de amor a un amigo que petaron moi forte nos círculos indie estatais. Letras fermosas, escuridade por momentos, raiba, moita raiba que lle daba fulgores punk por momentos e unha raiola de esperanza ao remate. "Duerme, mañana será otro día. Duerme, mañana será otra vida", así acababa o seu disco de estrea, apuntando tamén o que ía vir.

E o que veu foi o paso do trío ao quinteto, coa entrada de Mar Catarina nos teclados e Xurxo Meis á batería, aos que se une tamén Mara Pérez aos coros nalgunha ocasión. Mais as mudanzas foron alén do engadido dos novos compoñentes. Chicharrón deixou atrás o formato acústico tamén e deulle electricidade ás súas guitarras. E por último, deixou a escuridade que rodeaba as letras do disco de estrea para se adentrar nun mundo de luz. O grupo repite na gravación con Ageitos en Estudios A Ponte pero volve máis pop ca nunca, para asinar unha ducia de cancións que son postais -velaí o nome- que nos deixan claro onde se atopa agora Chicharrón e cara onde camiña. Postal non estremece como o primeiro disco pero fai sorrir máis e déixache as súas melodías na cachola, sen que te decates, malia as cancións non teren maioritariamente a feitura dos singles. Perde a furia que facía enormes algúns dos temas do disco de estrea e gaña doses da melancolía propia do indie -si, malia a positividade que mostra- pero ben medidas, até o punto de agradar o público dese estilo e non escorrentar o que se achega curioso desde outras latitudes musicais.

O traballo está dispoñible para ser escoitado en distintas plataformas online, no propio bandcamp do grupo, en Deezer ou Spotify, mais tamén pode ser gozado afortunadamente ao vivo nesta primavera. De feito, Chicharrón estivo o pasado sábado no Grove con Musel -outra referencia imprescindible do pop galego- e onte mesmo na praza do Toural compostelá. E aínda hai ocasións para os ollar, catro só neste mes de maio. Mañá, venres 6, estarán na Coruña na Nave 1839 xunto a Biffanah, o sábado 7 estarán no Mercado de Lugo, o domingo 15 irán até Madrid e pecharán o mes de volta na casa, en Carballo, xunto a Emilio José o 28 de maio nunha das xornadas do ciclo Currunchos Pop na Biblioteca Rego da Balsa.

Pranto, a estrea de Pantis

  • O pasado mes de febreiro e, ao igual ca o Postal de Chicharrón, na editora Prenom vía a luz o disco de estrea de Pantis, Pranto (Prenom, 2016). Este é precisamente o proxecto en solitario de Rubén Domínguez, un dos membros de Chicharrón, concretamente a pata grovense do grupo de Carballo. O traballo foi gravado, mesturado e masterizado por Ibán Pérez no Estudio Terraforma de Cangas do Morrazo, que tamén participou desde o seu estudio no Hío na masterización do novo disco de Chicharrón.A produción de Pranto correu a cargo do propio Rubén Domínguez que ademais gravou todos os instrumentos e voces, agás a batería, na que participou Cibrán Tenreiro, membro de Monstruo ou Esposa.Pranto son sete temas nos que a presenza de sintetizadores e ritmos frenéticos son a tónica dominante no instrumental e nos que a letra nos vai debuxando paisaxes que foxen fugaces, que nos escapan entre os dedos antes de que poidamos apreixalas.O traballo comeza como unha viaxe lánguida e ortodoxa polo pop de sintetizadores mais moi logo nos insire nun mundo desacougante, marcado polo ritmo frenéticos das bases electrónicas. Aí gañan corpo as atmosferas fuxidías creadas nas letras, que nos falan de saudades, de amores que non volverán, instantáneas que apenas podemos albiscar mentres quedan atrás e se fan lembranzas confusas.

Compartir el artículo

stats