Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Maximino Queizán: "O teatro é revelación de cousas, provocación para pensar"

Maximino Queizán: "O teatro é revelación de cousas, provocación para pensar"

-Queizán de apelido, por que ese "K" para o teatro?

-Son casualidades que despois quedan. Cando se formou o grupo de teatro, a miña idea era poñerlle "Valle-Inclán." Cando iamos rexistralo, dixéronnos que xa existía outra compañía que se chamaba así. Estabamos a pensar outras posibilidades cando alguén que estaba alí dixo: Pois ponlle o teu apelido, que é moi raro, e poñémolo con K. E así foi.

-Como empezou a súa paixón polo teatro? Vén xa desde neno?

-Desde o colexio. Saín a un escenario aos cinco anos por primeira vez. Entón descubrín que eu alí estaba moi ben, sentíame moi cómodo. Sabía o que tiña que facer porque o ensaiaba e non estaba nervioso en absoluto. Estrañábame que o estivesen os demais. Eu nin nervioso nin preocupado. Estaba mellor no escenario que na vida. E como os meus pais eran afeccionados ao teatro, eu vivino desde que nacín. Recordo que no instituto encargábanme a min facer as funcións. Sen que eu o dixese. nin me apuntase, dábase por feito que eu tiña que saír a facer cousas en escena. Claro, despois xa viñeron os anos de preparación, do interese polo teatro como revelación de cousas, de provocación para pensar, de experiencia estética.

-Como foi a xénese ou como xurdiu a idea da mostra "Teatro Keyzán. 50 anos de creación escénica"?

-O teatro é unha arte efémera, que pasa. Báixase o pano e non queda nada. Os cadros pintados por un artista quedan para varias vidas, un escritor deixa a súa obra escrita, pódese ler no futuro, o mesmo que unha película. Pero no teatro, cando acaba a función, todo desaparece. Quixen lembrar, por unha banda, o que fixera. Doutra parte, percibín unha falta de coñecemento ou de información da xente de Vigo polo que se fixo con anterioridade, por quen os precedía. E a memoria histórica ten un gran valor, tanto para as xeracións de agora como para as futuras. Non pode haber evolución cultural sen unha tradición en que apoiala. E, no caso do teatro, para que se saiba se o que se está facendo agora é repetido ou é novidade. Porque percibo que hai cousas que presentan como novas, que eu xa as vin hai corenta anos.Unha parte esencial da memoria de Vigo é o coñecemento do seu quefacer artístico.

-Está todo o que ten coleccionado?

-Hai materiais que formaron parte das miñas postas en escena: traxes, máscaras, programas, carteis, os deseños, as fotos... e así ata sumar máis de cen pezas de máis de vinte artistas de gran interese, creo eu, pola súa variedade, calidade e valor estético-orixinal, así como polo seu compoñente histórico e sentimental. Non está todo o que teño, claro, que é moito máis. Fíxose unha selección procurando que de cada montaxe de teatro houbese algo, un pequeno recordatorio.

-Na mostra aparecen debuxos de Esteban, fotografías de Xulio Gil, de Mary Quintero, figurinos de Delgado Tapias, traballos de Xosé Guillermo, Miguel Vázquez...e tantos outros artistas nos que se reflicte que a escenografía mesma é un valor máis do patrimonio cultural. Esta colección súa é unha forma de recuperar toda esa creatividade e de dala a coñecer ao público?

-Si, son pezas que quedan e teñen un valor artístico. Son únicas desde o momento en que se crearon para un enfoque concreto, para determinado efecto ou estilo. Se se fai un traxe, faise para un personaxe concreto, cunhas características únicas. Todo isto é moi creativo, fóra das modas, fóra do habitual, para un mundo imaxinario que se está inventando. Se non fose para o teatro, nunca se terían feito, iso é o que lle dá singularidade.

-Que lembra da inauguración de A raposa e as uvas no teatro García Barbón, en 1966? Supuxo abrir un camiño para o teatro en lingua galega?

-Foi un éxito, non o esperabamos. Pero parece que acertamos e gustou. O texto que traduciu Ferrín era moi fermoso, soaba de marabilla. Á parte do valor de seu da posta en escena, tivo outro interese no sentido de que animou a outras persoas para facer teatro en galego. A partir de aí creáronse algúns grupos, foi un pouco a semente.

- A súa relación apaixonada co teatro levouno, ademais da interpretación e dirección, á edición de textos teatrais, entre eles A raposa e as uvas e Despois de Magritte. Foi unha forma de perpetuar a memoria efémera que é o teatro?

- Si, ademais de dar a coñecer os autores e de servir de promoción da cultura. Editei tres títulos na Colección Escena pero resultaba economicamente custoso, non tivo unha continuidade como eu tería desexado. Gustaríame ter feito unha tradución das Farsas de Blanco Amor ou, ou polo menos das que nós representamos, pero xa non se puido.

-Cuento de abril de Valle-Inclán foi un reto e La puerta del Paraíso outro dos grandes éxitos nesta, súa, carreira de máis de cincuenta anos...

-A entrega de todos en Cuento de abril, a paixón, a dedicación, o nivel de esixencia que nos puxemos a nós mesmos, visto desde agora paréceme como un milagre. Era en verso e non no verso clásico normal, senón no verso de Valle-Inclán, cunha sintaxe bastante endemoniada; aprender a dicir aquilo e que logo resultase solto e ameno en escena,supuxo un traballo intenso. La puerta del Paraíso, escrita por Miguel Cobaleda, era unha obra moi orixinal, diferente, tamén moi poética. Gustoume moito facela, tanto no ano 1972 como en 1993.

-E agora, desde a atalaia dos seus 75 anos, como se ve a vida?

-Teño o privilexio de ser un xubilado, o que quere dicir que dispós do teu tempo para ti, que xa non hai unha serie de obrigacións, e pódeste dedicar a cousas que antes non podías, porque non tiñas tempo. Fago o que me apetece e se me canso déixoo, sobre todo ao ritmo que eu quero.

Compartir el artículo

stats