Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

O gabinete do pintor

Manuel Moldes en Aboutgallery

Diversos aspectos da mostra en Aboutgallery.

A sala pontevedresa Aboutgallery ofrece unha mostra da produción máis recente do pintor Manuel Moldes en pequeno formato que se poderá contemplar até o 27 de maio.

O pintor pontevedrés ten unha obra recoñecida e consolidada desde os anos oitenta, nos que participou activamente na aventura de Atlántica. De feito a súa obra presenta, en boa medida e como poucos, algúns dos valores profundos deste momento: ligazón coa tradición galega, modernidade, pouso histórico e universalidade desde as raíces nacionais.

A súa traxectoria foi revisada en importantes exposicións como a producida polo CGAC e que se puido contemplar en Santiago de Compostela, na sede do Centro Galego de Arte Contemporánea no ano 2003 e en Pontevedra, no Pazo de Cultura desta cidade entre novembro de 2005 e xaneiro de 2006, nunha versión mellorada a respecto da primeira mostra.

Un aspecto perceptíbel na actual produción do pintor, que agora está a se expor en Pontevedra, é a estreita conexión que se pode establecer entre esta figuración baseada en máscaras de fortes referencias primitivistas e a anterior abstracta, como as series de Vieiros e Links de finais dos 90 e da década de 2000, nas que alegoría e as referencias culturais e tradición popular se mesturan. Ao tempo, como nunha auténtica espiral, os novas iconografías conectan co seu traballo dos anos oitenta.

A pintura de Manuel Moldes nunca é inmune, como acontece con moita arte actual, á inquedanza social, á convulsión, que o seu debuxo e a utilización da cor -alén das referencias temáticas- delata. Neste sentido as expresivas máscaras, e as variantes cromáticas de tonalidades ben rechamantes, poden ser interpretadas como pulos compulsivos, respostas estéticas mais tamén éticas. É o seu un territorio sen límites, que converte o lenzo nun punto de partida para a creación e mais para a reflexión. Hai, en positivo, nestes cadros o reflexo dunha refelexión convulsa e crean un desacougo, un estado mental que implica unha volta de torca no estilo do pintor pontevedrés, como se toda esa enxurrada de forzas en tensión que xa se observaba na súa obra dos últimos anos -penso nos Links e nos Vieiros- fose canalizada, e reflectise a súa visión de aspectos da nosa realidade social sen deixar de ser un exercicio intensamente pictórico, e polo tanto xustificábel de seu. Dado que xa non hai rituais mediante os que o mundo poida ser entendido ou controlado, o pintor se apaña para vivir cun novo e intenso desacougo, para vivir con el dentro do seu propio ser e plasmalo no lenzo, pero sen renunciar á nosa tradición artística, moi consciente de que sen ela non se pode entender nada do presente, nin actuar sobre el, tamén nas artes plásticas, creando así, en certo sentido unha nova ritualización, a xeito de desafogo vital. Así aparecen as referencias iconográficas primitivistas e tamén o tratamento da liña e da cor cun horror vacui e o emprego dunhas planimetrías que lembran as miniaturas medievais e a arte "primitiva" e prehistórica cunha hexemonía da curva absoluta. En xeral en toda a obra exposta na mostra pontevedresa encontramos un traballo que supón unha aposta rotunda e que prescinde dos valores da moda máis superficiais.

Título: Manuel Moldes: O gabinete do pintor. Artista: Manuel Moldes. Local: Aboutgallery, Pasantería 9, baixo, Pontevedra. Até o 27 de maio de 2016.

Misterio+Luz: Pintura+Vida

  • Hai moito no pintor de posta en cuestión ética e estética, de convulsión dolorosa (e tamén ao tempo gozosa, no que ten de creación e explosión vital) e de conciencia da relación do ser humano co mundo, ese misterio unido á luz que dá como resultado, como el mesmo verbaliza nos textos da mostra, pintura e vida.O pintor -como moitos homes e mulleres no noso presente- segue a loitar consigo mesmo tentando interpretar o significado dos acontecementos, a súa identidade, as súas esperanzas. A pintura de Manuel Moldes expresa esta axitación e incerteza, esa desprendemento da realidade e ao tempo esa vontade de comprendela en toda súa complexidade.Penso que se algo queda claro ollando a nova obra do pintor pontevedrés é a singularidade da súa proposta e que esta se desenvolve en plena ligazón coa realidade social e desde a experiencia persoal, inseríndose con absoluta consciencia na tradición nun sentido histórico e vivencial, entroncada na completa modernidade mais consciente do pasado. Moldes, como o home medieval que vivía nun mundo poboado de significados, de sobresentidos, fálanos continuamente nunha linguaxe icónica lanzando os seus aturuxos de paixón vital e artística. A pintura reflicte, e en certo sentido é, a experiencia vital, a travesía, a singradura, a vida que flúe que é tránsito e dinamismo da vida. O resultado conforma unha obra ambivalente -como o é sempre a carauta-, ao tempo imaxe da vida e da morte, da incerteza e da axitación, é dicir, vida e creación.

Compartir el artículo

stats