Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Cervantes, hispanista

A pluralidade da condición humana

Retrato de Miguel de Cervantes

Unha boa mostra da atávica pasmonaría patrioteira española é a desidia do goberno español (polo visto, xa "en funcións" antes das últimas eleccións) á hora de conmemorar os catro séculos da morte de Miguel de Cervantes (abonde coa crítica que facía semanas atrás Darío Villanueva, o vilalbés director da RAE, cando recoñecía que os ingleses, cos actos conmemorativos do Shakespeare Lives en cento corenta países, facilmente podían tirar as cores a España).

Temos que acudir, en consecuencia, ás novidades editoriais que apareceron co gallo de tal efeméride. Nese senso, cómpre salientar a obra divulgativa do recoñecido cervantista José Manuel Lucía Megías La juventud de Cervantes (EDAF), que nos sitúa -máis alá da estrita dimensión do escritor- na realidade social e literaria do seu tempo.

Volvendo á comparación, esta vez literaria, entre Cervantes e Shakespeare, ambos dous abordaron a condición humana en clave moderna por primeira vez. O escritor inglés analizou a pluralidade da mesma cos protagonistas das súas obras teatrais recreando comportamentos históricos ou lendarios, dando incluso unha explicación prefreudiana a certos conflitos.

Miguel de Cervantes, en troques, non tiña máis paisaxe vivencial que o centro da península Ibérica, unha terra que malia a expansión territorial (daquela América e unha parte do Mediterráneo daban unha dimensión distinta), non deixaba de estar limitada pola pobreza endémica dunha Castela manchega dominada polas ordes de cabalería. Apenas ceo e terra.

E é nesa paisaxe áspera onde Cervantes sitúa o dúo que soubo facer universal: Don Quixote e Sancho. Un particular "jing jang" hispánico que excede a simple dualidade idealismo-siso. O escritor leva ao extremo as dúas manifestacións da personalidade humana. Así o idealismo acada a condición de tolería (Martí de Riquer sostiña, sen manías, que Don Quixote estaba "como unha cabra") e o suposto conformismo de Sancho non agocha a miseria desa España garavanceira, incapaz de calquera iniciativa innovadora.

Quixote e Sancho, nun retrato // Europa Press

Uns comportamentos extremos que o único que facían era esaxerar (non esquezamos que o Quixote é unha obra de humor) a dicotomía presente na novela picaresca, cando o feble non ten máis alternativa que usar a astucia para aturar a dominación dun poderoso (animicamente máis feble ca el). Unicamente coa tolería, Don Quixote pode escapar da realidade de tantos fidalgos que apenas conservaban outra cousa que o orgullo, sen esperar máis recompensa que o recoñecemento da súa dama; Sancho, pola súa parte, co seu suposto pragmatismo de quen espera o proveito sen facer nada, representaría un fidalguismo á inversa, como lle sucederá cando sexa gobernador da ínsula Barataria.

Pero por primeira vez na literatura en castelán, Miguel de Cervantes fai viaxar aos seus personaxes fóra das terras que tiñan por propias. Comezando polo eloxio á figura literaria de Tirant lo Blanc e seguindo polo paso da parella por terras do Ebro camiño de Barcelona. E é nesa dimensión territorial cando Don Quixote atopa en terras catalás o bacharel Sansón Carrasco, que se fai chamar o Cabaleiro da Branca Lúa, ou o seu alter ego Roque Guinart, baseado no bandoleiro coetáneo Perot Rocaguinarda, coñecido popularmente como Perot lo Lladre (que incluso ten rúa en Barcelona).

Unha dimensión que Cervantes non limitou á súa novela máis coñecida. Así, nun dos episodios das súas Novelas exemplares, o das dúas doncelas, a acción chega tamén a Barcelona (para a cal non aforra eloxios), punto de enlace coas posesións españolas en Italia. Unha dimensión esta, a de Italia, vivida polo escritor pero moitas veces esquecida no imaxinario histórico español, dominado pola aventura colonial americana.

E Cervantes soubo facelo -e ese é un dos seus riscos de modernidade- sen agochar a dureza da vida cotiá e cun maxistral dominio da lingua popular (que non vulgar), elevada a rexistro literario de primeiro nivel.

Compartir el artículo

stats