Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Prosa sinestésica

Nas arestas da insoburdinación

Prosa sinestésica

A escrita da neocelandesa Katherine Mansfield é toda unha descuberta. A autora manexa coa precisión dun reloxio as claves da narrativa breve, para presentar, desenvolver a apuntalar un microcosmos e uns personaxes nunhas poucas páxinas e facerllos vivir intensamente ao lectorado. Ademais, os seus textos, cando menos moitos dos que se dan cita en Festa no xardín (traducidos impecablemente ao galego por Estela Villar Nogueira), resaltan especialmente por contar cunha precisa capacidade para recrear ambientes, os grandes protagonistas destes relatos. Estas atmosferas chegan de xeito tan potente a quen le que ás veces a lectora semella percibilas polos cinco sentidos a un tempo, envolta nunha prosa sinestésica de fondo calado.

Algo semellante ocorre cuns personaxes que, como o ambiente que os oprime e os limita, excercen sobre nós unha fascinación e un rexeitamento que van á par e que se complementan dun estraño xeito. Case todos, especialmente as mulleres, se sitúan ao borde da rebeldía, nunha indefinición de quen coñece a silueta dos seus soños, mais sabe que ten as convencións sociais na súa contra e se acaba deixando arrastrar por elas. En realidade, son caracteres que se definen polas súas accións e diálogos, mais sobre todo polos seus pensamentos. Os primeiros son a representación colectiva do que se lles obriga a ser, o segundo, porén, é a expresión dos seus íntimos anhelos, das súas liberdades soñadas e non realizadas. O gozo da vida sen os corsés xenéricos, a sororidade ou a negación da maternidade como único destino das féminas son cuestións recorrentes nestas mulleres que aspiran, cando menos interiormente, a ser e a vivir moito máis. Interesantísimas son, neste sentido, as personaxes do primeiro dos relatos, "A baía", que se configuran como un mosaico do que pode significar ser muller dende a diferenza, mais tamén dende a asunción das normas.

Porén, os soñadores caracteres de Mansfield ás veces tamén queren saltar outras limitacións da sociedade do seu tempo, como as clases sociais (tan marcadas aínda nos comezos do século XX, momento de creación destas ficcións), mais volve ser a contorna a que reprime estes impulsos. Así, a Laura de "Festa no xardín", pregúntase por que non ten ela amigos traballadores e, porén, se ve obrigada a aturar de tarambainas intranscendentes. Emporiso, cando manifesta empatía cunha familia humilde, é fortemente reprimida polo contexto. Así, os relatos de Mansfield son imprescindibles para asomarse ás arestas da insubordinación, mais tamén para reformular cales son os nosos degoros e a canto estamos dispostas a perder para renunciar a eles. A procura do equilibrio entre o que somos para os demais e o que verdadeiramente queremos ser.

MANSFIELD, Katherine, Festa no xardín (trad. Estella Villar), Ed. Rinoceronte, Vigo, 2016, PVP. 18 ?

Compartir el artículo

stats