Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Imprescindible volume

Dunha esclarecedora edición

Imprescindible volume

Cando as sinerxias se unen, arredor dun proxecto, o éxito do produto é seguro. Logo está o mercado, que está como está, e sobre o cal pouco podemos influír as persoas de a pé; ora, o produto en si, de calidade, favoréceo de vez, sen ningún xénero de dúbida. Tal acontece con moitos dos proxectos de Edicións Xerais. Así, por exemplo, a Historia da Literatura Galega que en varios volumes, algúns xa publicados, está a preparar e case a concluír o profesor Xosé Ramón Pena, co incondicional apoio da editora, e que dá gusto ler e ter entre as mans, como obra de referencia única e case definitiva. Unha vez finalizada, necesitaremos un manual máis divulgativo e menos denso, para o público xeral, que non debería demorarse. E isto vén a conto porque, outro proxecto, a edición crítica da obra completa de Rosalía de Castro (oito volumes), na Colección "Clásicos", está tamén en curso da man da mesma editorial e da autoría dun profesor universitario, competente, sisudo e traballador, experto ademais na autora e na súa obra, que está a dar excelentísimos resultados. En efecto, despois da publicación de Cantares Gallegos, ve agora a luz Follas Novas (unha das grandes referencias da poesía galega de todos os tempos), onde se bota de ver que Anxo Angueira a preparou con tino, traballo e seriedade, ademais de sobrados coñecementos técnicos e críticos. O resultado é unha obra imprescindible en calquera biblioteca, pública ou privada. E o mesmo sucederá coa totalidade das obras da nosa autora máis apreciada, incluídas as non ben ponderadas en lingua castelá. Algunhas delas deberán ser imprescindibles tamén en todas as bibliotécas públicas e privadas de España e países de fala española. Magnífico proxecto e magníficos resultados. Parabéns e éxitos ao autor e á editora.

Anxo Angueira (Manselle, Dodro, 1961), que ademais de profesor da Universidade de Vigo é presidente da fundación rosaliana, decidiu emprender o proxecto por ser este necesario e porque ben o merece a obra da nosa autora máis representativa. Con esta edición de Follas Novas hase facilitar a lectura da obra a calquera lector, e nomeadamente ao alumnado de secundaria e universidade, e hase tamén de conseguir unha visión de conxunto e unha mellor comprensión global.

Conta a edición cun esclarecedor estudo introdutorio, diversos apartados que nos achegan á xénese da obra, a súa arquitectura, os diversos vimbios e madureiros que contribuíron á súa eclosión, un estudo do feminismo e o pensamento crítico, e a fixación dos diversos eixos líricos presentes: a poética da dor, a poétia da soidade (non da saudade), a poética da sombra e da noite, a poética do adeus e a poétia da nación, finalizando, despois da edición dos propios poemas (tirados da primeira edición, en 1880, sen esquecer outras edicións en vida da autora, pero adaptando os textos á ortografía actual, se ben conservando os trazos característicos rosalianos), coas notas e comentarios procedentes, e unha completísima bibliografía.

CASTRO, Rosalía, Follas novas (ed. Anxo Angueira), Ed. Xerais, Vigo, 2016, PVP. 20 ?

Compartir el artículo

stats