Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Dublín, 1916

100 anos do Alzamento de Pascua

Por obvias razóns de calendario académico, o Instituto Universitario de Estudos Irlandeses "Armegin", da Universidade da Coruña, adiantou ao pasado marzo a conmemoración dos cen anos da rebelión de 1916 (25 de abril), unha efeméride que contou coa presenza do embaixador da República do Eire en España. Entre os actos cómpre salientar a presentación do documental 1916 The Irish Rebellion, promovido pola Universidade de Notre Dame (Indiana).

Mitificado desde o seu inicio en Irlanda e fóra dela, o Alzamento do luns de Pascua de 1916 supuxo, de feito, o comezo do camiño definitivo cara á independencia irlandesa, se ben -a pouco que observemos a realidade- tamén deixou en evidencia a oposición laica contra os papistas (lembremos Joyce) e as rivalidades entre as diversas faccións políticas, entre elas a infiltración de dirixentes da IRB para ascender a oficiais do seu brazo armado, os Voluntarios, que dirixía o avogado e mestre Patrick Pearse. Aos plans desta forza engadiuse o pequeno Exército Cidadán Irlandés que lideraba o dirixente socialista James Connolly.

A aventura -con complicidades por parte do Reich alemán e o apoio da colonia irlandesa nos Estados Unidos- estaba chamado ao fracaso, circunstancia da que eran conscientes os seus promotores. Neutralizado o alzamento previsto para o domingo, o luns os rebeldes ocuparon diversos edificios oficiais de Dublín, entre eles as oficinas de Correos. Durante catro días resistiron algúns focos ata a rendición final. A política represiva das autoridades de Londres (sesenta e catro mortos, tres mil arrestados, quince dirixentes executados) concedeu aos rebeldes unhas simpatías entre a poboación que antes non tiñan.

Máis alá da simple cuestión identitaria e das penalidades seculares pasadas, eran diversas as razóns que conduciron a que unha parte considerable dos irlandeses se enfrontasen ao dominio británico. A máis inmediata, a suspensión en 1914 da lei de autonomía, ao pouco tempo da súa aprobación, coa escusa do estoupido da guerra europea. A iso cómpre engadir a condición de carne de canón que sufriron os irlandeses na contenda. Malia non haber alistamento obrigatorio, moitos entraron no exército polas condicións económicas. Nos días do Alzamento de Pascua foi composta, con base nunha melodía tradicional, "Foggy dew", crónica daqueles sucesos pero que non esquece a presenza irlandesa na campaña suicida en terras gregas e turcas (Galípoli) promovida por Churchill. Unha canción que resistiu o paso do tempo e que foi cantada por decenas de artistas.

A literatura foi pioneira en lembrar o levantamento, se ben que anos despois. Para unha crónica dos feitos, temos que ler, por forza, a Liam O'Flaherty quen xa en 1925 escribiu O delator, cuxa acción se sitúa nos anos inmediatamente anteriores á independencia, cando o IRA actuou como guerrilla urbana contra o dominio de Londres. En 1951 publicou Insurrección, que narra a peripecia dun participante no alzamento de Dublín nun relato con altas doses de dramatismo. Sen esquecer o conto "Guerra civil" sobre os enfrontamentos que seguiron á proclamación do Estado libre de Irlanda en 1922. Pero ben axiña a poesía tomou conciencia do sacrificio daqueles irlandeses, por aparentemente inútil que fose: W. B. Yeats escribiu "Pascua de 1916" e nel dicía que coa morte de Pearse e Conolly "naceu unha terrible beleza".

O cine tampouco foi alleo ao suceso. En 1935 John Ford pasou ao celuloide a historia de O delator, de Liam O'Flaherty, na película homónima que protagonizaron Victor McLaglen e Margot Graham entre outros. Temos que pasar a 1996, cando Neil Jordan dirixiu Michael Collins, con Liam Neeson no papel do dirixente político e militar irlandés, que comeza co levantamento de Pascua como se se tratase dun documental. E máis recentemente (2006) O vento que axita a cebada, de Ken Loach, sobre dous irmáns que participaron na guerrilla irlandesa.

Compartir el artículo

stats