Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Así nos ven. Así somos

As mulleres toman o museo

A muller como musa na arte de noso. // FOTO: ELI REGUEIRA

Gustoume moito Así nos ven. Así somos? Gustoume porque constitúe, desde moitos puntos de vista, unha mostra ben recomendable que animo a visitar.

Vimos de concluir marzo: un mes que xa se considera no calendario como sinónimo dun tempo para a vindicación dos dereitos da muller. E acae ben que ao redor destas datas sexa convidada unha comisaria, Susana Cendán, a revisitar, desde unha óptica feminista, o patrimonio artístico da cidade de Vigo. Un proxecto, o seu, patente na Pinacoteca e centrado nas mulleres artistas e tamén na representación que delas fixeron os varóns, e onde se reflexiona sobre a muller musa, traballadora, en familia, cos seus arquétipos e coas súas afeccións.

Cómpre tamén encomiar esta exposición polo feito de desenvolverse na contorna do suxerente patrimonio artístico municipal do Concello de Vigo, porque iso axuda a lembrar obras esquecidas, ou agochadas ou espalladas, e porque non sempre hai a sorte de facer convivir obras do Quiñones do León, da Pinacoteca ou da colección de fotografía da Fotobienal.

Por outra banda, a comisaria tivo a xenial idea de interrelacionar ditas obras coas doutras artistas non presentes na colección. A curadora escolleu, entón, pezas e autoras (xunto con algúns autores) a estableceen ricos e fermosos diálogos. As veces é a propia artista convidada quen convoca ese diálogo, velaí o mural de Almudena Fernández Fariña que extende pola parede as leiras e prados que pintara en 1969 María Antonia Dans. Ou Nuria Bouzas, que tira do cadro a vexetación existente nos belos e delicados debuxos de Elsa Pérez Vicente (que, con bo criterio, se escolleu como imaxe da mostra) e fai que xermolen en grafito polos muros do museo. Hai tamén maridaxes sorprendentemente próximas como a que establece a comisaria entre un cadro de Pesqueira, de dúas persoas de perfil, cuxo acabado pictórico semella case "tecido" e que continúase no recipente de fibra creado por Idoia Cuesta.

Outro motivo para louvar esta mostra: a enorme fortuna e enxeño na escolla dos elos que forman ese cadea expositiva. Por exemplo, cando a curadora reivindica a Mary Quintero e as fotografías de estudo que lle fixo, travestido en Eva Perón, ao actor Roberto Cordovani e vén combinalas coas mulleres míticas que pintaran Souto, Colmeiro ou Díaz Pardo. Ou cando Cendán aproveita a amosar a diferentes homes pintores (Rafael Alonso ou Ignacio Pérez Jofre, co seu cadriño dun delicado bouquet de flores) para ilustrar acerca desas "tradicionais afeccións" de mulleres como artistas de flores? Ou velaí aínda o desprexuízo curatorial de pendurar en pé de igualdade coas pinturas a esa colcha da avoa, ben recoñecida por todos na casa da aldea, a se converter aquí nun tapiz que fala do patchwork e da importancia dos tecidos na arte. Sorpréndeme ver obras da colección municipal que eu (e estou certo que tamén a propia comisaria) consideraría mediocres ou prescindíbeis ou faltas de todo interese noutro contexto, pero que agora se engarzan como pezas necesarias e imprescindíbeis na construcción dese relato propio.

En fin, un dos grandes activos da curadoría é o de darlle voz a unha manchea de novas creadoras, moi novas, que, xurdidas desde a facultade de Belas Artes de Pontevedra, están a reiventar o escenario plástico contemporáneo. Elas aparecen ciscadas por todas as seccións e constitúense nun enorme atractivo por todo o que significan de rachadura das tradicións plásticas de noso. A súa presenza resulta especialmente importante tamén para revitalizar espazos expositivos como esta Pinacoteca que, por desgraza e dada a súa morna e tradicional programación, non adoita ser visitada polas novas xeracións.

E só un desexo final: que esta mostra sexa o principio dun mangado de proxectos a construír novas narrativas que fagan posíbel seguir a dinamizar, como ocorreu desta volta, a esta agochada Pinacoteca de Vigo. Relatos posíbeis (que haberían de manter unha marca-título xenérico, acompañado en cada nova ollada dun subtítulo, para facerse recoñecíbeis polo público). E onde novas curadorías externas vaian armando o seu propio proxecto cos suxerentes (e dispersos e escurecidos) fondos que existen nas coleccións viguesas. E que, ademais, como aquí, se acompañen sempre da subseguinte publicación que deixe constancia do traballo realizado.

Título: Así nos ven. Así somos? A imaxe da muller na arte.

Comisaria: Susana Cendán

Lugar: Pinacoteca de Vigo

Datas: Até o 26 de xuño de 2016

A Pinacoteca

  • Por que en Vigo tivemos que bautizar co nome dun polígrafo unha pinacoteca? E por que un complexo hospitalario ten de levar, así mesmo, o nome doutro escritor e xornalista? Independentemente dos méritos, ben innegables, de ambos os dous personaxes, acontece acaso que carecemos por completo de nomes de noso en eidos próximos aos usos deses espazos, para ter que recorrer a campos de coñecemento diferentes?Dito o anterior, digamos aínda que a reforma arquitectónica feita a este pazo urbano, cativo e encantador, non constitúe un aliciente de especial interese. Máis ben todo o contrario: os arquitectos fixeron un proxecto tan sen risco e tan sen graza,e tan sen imaxinación creativa, que case que amola. Así que imposible atraer o público polo eido do "museo reclamo arquitectónico". E por certo, non deben ser doadas as montaxes aí. Pero mesmo iso consegue eludilo, cando lle é posíbel, a curadora: eis, entón, esa grande instalación de peañas de madeira de piñeiro sen tratar sobre as que descansan pequenas esculturas en bronce negro de Acuña, Buciños, Eiroa ou Failde. Espazo delimitado por dous muros grises que amosan, en contraposición, brancas esculturiñas en azucre de Marta Lorenzo

Compartir el artículo

stats