Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Ouveos solitarios

Manuel María xornalista

Manuel María. FOTO: MAGAR

Manuel María foi, sen dúbida, un dos poetas galegos máis populares do século XX. A súa obra -que inzou en todos os xéneros, incluído o guión cinematográfico- é tan abondosa como heteroxéna: máis de cincuenta poemarios, vinte e cinco pezas teatrais, tres novelas, varios libros de contos, ducias de estudos e numerosos prólogos, conferencias e pregóns. Ningún escritor da súa xeración resiste con el unha comparativa desde o punto de vista cuantitativo, máis se temos en conta que foi tamén editor de libros e de discos, recitador e mitineiro de campañas electorais. A súa vertente máis prolífica, porén, é talvez a menos a coñecida: a de xornalista.

Cando se editou en 1950 Muiñeiro de brétemas, o seu primeiro poemario, Manuel María xa publicara varios artigos nos xornais e seguiu escribindo para eles ata o seu derradeiro alento. Estivo mesmo, entre os once accionistas fundacionais de A Nosa Terra. Colaborou, entre outros, con El Progreso, La Noche, La Región, La Voz de Galicia ou El Ideal Gallego. En total, son case 1.500 artigos, a maioría aparecidos no semanario A Nosa Terra (de 1977 a 1988) e en El Correo Gallego (de 1989 ata o 2004), que foron as súas dúas cabeceiras referenciais.

Nun momento determinado da súa vida -arredor de 1957-, Manuel María quixo ser periodista de profesión: Unha especie de Lamas Carvajal, o fundador do primeiro xornal en galego, ou de Álvaro Cunqueiro, quen tamén frecuentaba o faladoiro do Méndez Núñez. A verdade é que estivo moi cerca de conseguilo. Ao consolidarse a súa relación con Saleta Goi (1956), empezou a preocuparlle o sustento da súa futura familia. O seu tío crego, engargado de tutelalo, quería que estudiase Maxisterio, ou que se fixese secretario de concello, segundo outras fontes, pero Celso Emilio Ferreiro, com quen mantivo sempre unha estreita amizade, aconselleulle presentarse a procurador de tribunais. A Manuel, a profesión non lle agradaba pero Celso Emilio -tamén procurador- dicíalle que nela coexistía o prestixio social con certas posibilidades de gañanza e tempo dabondo para poder escribir.

Uns meses depois de aprobar os exames, nos Xogos Florais de Lugo de 1957, Manuel María coñeceu a César Quiroga, director de Radio Monforte -unha frecuencia da Cadea de Emisoras Sindicais (CES)- e conxeniaron de inmediato. El explicoulle que non sabía onde establecerse, e César Quiroga, con resolución cómplice, recomendoulle Monforte. Alí, díxolle, "mentres empezas e non, podo darche unha colaboración na emisora e unhas clases nunha academia" (o entrecomiñado é textual do poeta no seu libro de conversas con X.M. del Caño). Manuel traballara un tempo en Radio Lugo e a idea gustoulle, pero a cousa non quedou aí e César Quiroga, fascinado coa voz do poeta, aumentou á semana seguinte a oferta e propúxolle ser xefe de programas de La Voz de Vigo, emisora tamén da CES que estaba a punto de inaugurarse. O soldo era de 6.000 pesetas. Manuel María, por suposto, aceptou pero a oferta viña envelenada: debía ter o carnet do Movemento, algo para Manuel inasumible. Deste xeito, rexeitou o soldo gorentoso e quedou de procurador en Monforte, dando clases e colaborando na radio local.

Ao fundarse en 1977 A Nosa Terra -ideoloxicamente próximo á UPG, partido no que militaba-, Manuel María retoma a paixón xornalística e publica cada semana un artigo de opinión que, en realidade, funcionaba como unha editorial onde avaliaba situacións puntuais e propuña como corrixilas. Existe unha antoloxía desta etapa titulada Andando a terra. Outra antoloxía máis recente, Memoria da terra, editada pola Casa Museo do autor, inclúe entregas de El Correo Gallego. "Estas liñas", escribiu en 1989 no seu primeiro artigo para El Correo -moi crítico coa Academia-, "son algo así como un ouveo solitario no medio da noite escura".

Compartir el artículo

stats