Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Alberto Fortes: "Galicia é ideal para situar relatos históricos de aventuras"

Alberto Fortes, en Pontevedra. FOTO: gustavo santos

- En quen se inspirou para o personaxe de Martiño de Santandrán, o rapaz que protagoniza a novela?

- Ben, supoño que detrás de Martiño están moitos outros rapaces ou mozos que protagonizan novelas que lin cando eu mesmo era mozo, como ocorre en Secuestrado ou en A Illa do Tesouro, de Stevenson, en Moonfleet, de Falkner, en Barry Lyndon, de Thackeray, ou mesmo en A Pousada de Xamaica, de Daphne du Maurier, aínda que neste caso tratábase dunha moza.

- E o fidalgo que axuda ao rapaz, ten algunha semellanza con algún personaxe real? Eran típicos na Galicia da época ese tipo de fidalgos enfrontados aos poderes fácticos, nomeadamente ás autoridades da Igrexa?

- A fins do Antigo réxime había bastantes fidalgos pobres que vivían no seu pazo rural, e logo estaban os fidalgos que tiñan residencia na cidade, que eran os ricos. Frecuentemente estes fidalgos pobres mantiñan liortas cos outros poderes da freguesía por manter os seus privilexios de fidalguía, por augas de rego, polas tomadas do monte, polas greas de bestas, etc. Hai que ter en conta que o fidalgo pobre é algo característicamente español desde o Lazarillo, e por suposto desde o Quixote. O fidalgo pobre é coma o emblema que representa a decadencia de España a partir do século XVI.

- E xa que estamos cos personaxes, que me di do Gaiteiro de Gures? Cómo se lle ocureu incluír na trama un individuo tan peculiar?

- Non era rara a presenza de gaiteiros nas parroquias de Galicia no século XVIII. No Catastro de Ensenada (1752) aparecen con frecuencia gaiteiros nas freguesías, aos que se lles consideran ingresos anuais nada modestos en comparanza con outras profesións. Teño na mente por exemplo a Xoán Piñeiro, o gaiteiro de San Tomé de Piñeiro, ao que se lle consideraban varios centos de reais anuais. Por outra banda, en Secuestrado, que transcorre en Escocia, a gaita ten una presenza moi importante. Incluso hai un duelo de gaitas no medio do monte.

- Os feitos que conta sobre as fazañas do pai de Martiño, e enmcarca en acontecementos históricos, que parte teñen de realidade e cal de invención?

- As referencias históricas son absolutamente reais. Hai que ter en conta que naqueles tempos todos os mozos da costa de Galicia tiñan que cumprir co chamado "real servizo" a bordo dos barcos da Armada e que no século XVIII estabamos continuamente en guerra contra Inglaterra, polo que o "real servizo" era como una perigosa condena. Moitos mozos morrían a bordo, outros quedaban mancos, ou tocos.

- O panorama da Galicia da segunda metade do século XVIII que descrebe, é realmente desolador, por non dicir terrorífico. Tan mal se vivía en Galicia naquela época?

- Pasábase moita fame e moito frío. Era moito o que os campesiños tiñan que pagar á Igrexa, aos señores propietarios directos da terra, e tamén ao rei, en forma de décimos, foros, censos, alcabalas, etcétera. Quitado todo iso e mais o que había que apartar para semente, o que quedaba para vivir era escaso. Era un país pobre e chuvioso, e ás veces pobre por chuvioso. No ano 1769, por exemplo, non se viu o sol en Galicia dende San Xoán até Nadal, non se colleu una mazaroca, e Galicia tivo que ser socorrida co trigo castelán, que chegaba aos portos galegos dende Santander. Os veciños baixaban desde as parroquias con carros para cargalo. O mesmo ocorrira xa no ano 1710.

-Malia que esta é unha novela de mar, toda a acción se desenvolve en terra. Non tivo Vde. a tentación de embarcar os protagonistas?

- (risos) Si, ganas non me faltaron. De todos os xeitos, creo que o mar e mais os barcos están tan presentes que non facía falta embarcarse.

- Na novela toca Vde. a temática do contrabando, pero hai outro moi clásico neste tipo de relatos. Refírome ao dos raqueiros. Existiron raqueiros en Galicia? Incluso dese tipo de raqueiros malvados que provocaban naufraxios?

-- Trátase soamente dunha lenda da que se ten escrito algunha novela, como a xa mencionada A Pousada de Xamaica. Penso que, coma moito, en Galicia podía darse que a xente máis pobre acudíse á rapina dos naufraxios. Porén, iso de poñer luces na costa para enganar os barcos e que se arrimasen á terra para embarrancar?, iso é de xente moi ruín e desalmada, que non creo que existise nunca en Galicia. O que si que había era moito contrabando: contrabando de sal, de tabaco americano,? Na ría de Pontevedra o punto de maior contrabando no século XVIII era a praia de Beluso.

- Esta novela demostra que Galicia é un escenario ideal para situar aventuras do tipo de A illa do tesouro , etc. Por que na literatura galega apenas está cultivado este xénero?

- Por suposto que Galicia é un escenario ideal para situar relatos históricos de aventuras. Todo o Antigo réxime é un periodo moi axeitado para iso. Non obstante, non contamos con moitos exemplos. Tampouco os hai na literatura española. É una tradición principlamente inglesa.

-Vde., que é de Pontevedra, xa ten escrito un libro sobre o Pirata Soto e outro sobre os corsarios Gago de Mendoza. Só lle falta escribir un sobre a Adelantada Isabel Barreto para completar unha triloxía...

- A zona de Pontevedra deu moitos personaxes relacionados coa navegación. Ademais do pirata Soto e os corsarios Gago de Mendoza, temos o gran navegante Sarmiento de Gamboa, que foi o primeiro en cruzar o estreito de Magallães con rumbo este, ou os irmáns Nodal, coñecidos popularmente como os Nodales. O caso da muller do descubridor Álvaro de Mendaña, Isabel Barreto, tamén é apaixonante. Hai unha gran novela sobre este caso, escrita nada menos que por Robert Graves.

- Que ten este tipo de literatura que atrae tanto a lectores mozos como aos máis vellos?

- Supoño que son novelas moi áxiles, onde pasan moitas cousas, nas que se viven moitos perigos, e esas cousas gustan moito a mozos e adultos sempre que sexan esteticamente verosímiles.

- Por certo, de onde lle vén a Vde. a paixón polo mar?

- A nosa cultura esta moi relacionada co mar, e o mar é a aventura mesma. Creo que a navegación foi a grande aventura da humanidade na idade moderna. Toda a historia dos descubrimentos é apaixonante. Nunca o pasei mellor na miña vida que cando lin os tres diarios de navegación de Cook, por exemplo. Están cheos de aventuras e ademais están cheos do que foi a ciencia e a arte da navegación.

- O final de O dobrón de a oito é aberto. Agardamos unha segunda parte xa con Martiño embarcado e ao mando dalgún buque?

- Pois haberá que esperar, pero o certo é que hai campo para una secuela, e tamén para unha precuela (lembremos que na novela hai una trama secundaria que protagoniza o fidalgo). Soamente fan falta ganas.

Compartir el artículo

stats