Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Castelao artista

Nos fundamentos dun estilo

Imaxe dunha das pezas presentes na exposición. // FOTOs: GUSTAVO SANTOS

O Museo de Pontevedra presenta unha amplísima mostra de obras de Castelao das súas primeiras etapas sumándose á celebración do Ano Castelao, que coincide co centenario da chegada do artista a Pontevedra e tamén coa creación das Irmandades da Fala, movemento onde o pintor, escritor e político rianxeiro tivo un papel sobranceiro.

A magnífica selección de obras permite apreciar como Castelao sinala o comezo da ruptura con modelos rexionalistas que el mesmo inicialmente practicara. Daquela podemos percibir como e a partir de finais dos anos dez vai tornarse en autor decisivo no pensamento, na literatura, na política e na arte do noso país.

A súa transcendencia como creador da moderna pintura galega aséntase partindo dunha formación como caricaturista e dunha orixinalidade no tratamento dos temas de matriz galega.

Castelao evoluciona, superando o inicial costumismo e a influencia simbolista e modernista, cara a un realismo social de cerna popular e expresionista.

A exposición presenta a formación da propia imaxe do artista nos seus autorretratos e nos que dedica a persoeiros como Valle-Inclán. Os dous debuxos en que reproduce a face de Valle-Inclán homenaxean a influencia literaria de raíz simbolista que exerce o escritor sobre o artista nos anos finais da primeira década do século XX. Presenta a Valle como un Ecce Homo, vítima da incomprensión social mais tamén icona reverenciada. As tintas están directamente relacionadas co óleo Retrato de Castelao (ca. 1909) -tamén presente na mostra-, do pintor Xesús Corredoyra. Para ambos, moi amigos nestes anos, Valle-Inclán é un referente e un influxo na súa arte. Hai que entender ambas as obras desde o simbolismo que quere salientar o individuo singular encarnado no escritor.

A posterior mudanza de preocupacións estéticas e políticas do rianxeiro prodúcese a mediados da década dos dez -no momento da súa ligazón ao nacionalismo das Irmandades-, un vieiro que vai ir acentuando nos seus anos de madurez. Nos grandes óleos dos anos dez: Tríptico de cegos (1915), realizado para o Balneario de Mondariz; O emigrante e Regreso do indiano, pintados para o Nuevo Café de Vigo (ambos de 1916) combina o influxo modernista e a pegada da pintura flamenga do século XV e comezos do XVI (Van der Weyden, O Bosco, Brueghel, Patinir...). Son obras en que enfatiza o pormenor, o verismo e a caricatura e en que as analoxías formais coa pintura flamenga están nos fondos paisaxísticos, no seu caso de influxo e feitura modernistas e con primeiros planos salientando figuras e temas populares galegos, tratados cun debuxo de acentuado linealismo. Castelao amósase nestes traballos interesado na creación dunha pintura nitidamente galega con fortes doses folclóricas e preocupada por captar a esencia da paisaxe do país partindo da influencia nórdica (Patinir) e da simplificación na tradición da caricatura que practicaba o artista, á súa vez debedora da pegada da estampa xaponesa. As figuras aparecen recortadas nestas paisaxes seguindo uns esquemas compositivos que lembran os dos pintores vascos Valentín e Ramón de Zubiaurre. Por exemplo, O emigrante utiliza o mesmo esquema que moitas obras dos irmáns vascos, en que o contrapunto protagonistas-coro é ben marcado. Na pintura de Castelao o emigrante protagonista ocupa a esquerda do lenzo, abríndose o cadro a unha paisaxe. Nela, ao redor dun cruceiro, agrúpanse múltiples figuras conformando, como nun coro, un festivo contrapunto.

Título: Castelao artista. Os fundamentos do seu estilo (1905-1920)

Autor: Castelao

Comisario: X. Carlos Valle Pérez

Local: Museo de Pontevedra

Até o 5 de xuño

Álbum Nós

  • O momento decisivo chegará co álbum Nós (1916) -ao que se dedica un espazo singular na mostra-, unha obra coa que Castelao abre unha corrente claramente social, marcadamente crítica e cunha estética que conecta coas correntes realistas. Nos debuxos do álbum Nós agroman todas as contradicións, conflitos e esperanzas do home común deste convulso e esperanzador período, sendo en boa medida este traballo espello do seu tempo. Os seus debuxos representan con moita variedade as características físicas máis acentuadas do home galego, hai que ter en conta que Castelao sempre estivo preocupado por plasmar do xeito máis eficaz posíbel as cuestións que afectaban á ética ou aos problemas políticos da sociedade que lle tocou vivir, cunha forte carga solidaria: a inxustiza das leis,"Os escravos do fisco", "¡Canto pesa e como fede!; a emigración, "En Galiza non se pide. Emígrase"; o caciquismo, "A túa filla xa será unha moza, eh?; a problemática nacional, "Como en Irlanda, érguete e anda"... O protagonismo central deste álbum téñeno personaxes populares: meniños, cegos, mulleres, homes do mar, labregos empobrecidos... e en contraste con eles burgueses e caciques, para en todos os casos o autor facer salientar as características máis notábeis deles.Castelao amosa unha capacidade senlleira para conseguir que o debuxo non sexa apenas un instrumento de denuncia, senón un instrumento de xustiza, definidor tamén no plano do social. Mais non debemos esquecer que estas preocupacións se elaboran por medio dunha coidada construción plástica, de forma que nos seus cadros, debuxos e gravados utiliza recursos especificamente visuais.Castelao artista. Os fundamentos do seu estilo (1905-1920) ofrécenos, xa que logo, unha páxina fascinante da nosa historia artística. Un suceso único que permite unha atractiva revisión dunha figura chave na construción da nosa cultura nacional.

Compartir el artículo

stats