Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

As raíces de Galicia (II)

Na xénese do feito diferencial

Campamento de Aquis Querquennis (Bande).

Á marxe do que poida ter de real ou de imaxinario o episodio asociado ao xeneral romano Décimo Xunio Bruto, alcumado o Galaico, quen se atreveu a pasar o río Leça -aínda que historicamente o feito sempre se asociou co río Lima-, e, dende a outra beira, comezou chamar a cada un dos seus lexionarios polo seu nome, para lles demostrar que non se trataba do río do Esquecemento e que, daquela, poderían retornar a Roma porque non habían perder a memoria, o certo é que no ano 617 ab Urbe cóndita (136 a.C.), as lexións romanas penetraron no territorio galaico por primeira vez na historia.

Anos máis tarde, seguíronlle outras tres expedicións militares: a dirixida por Publio Craso entre os anos 96 e 94 a.C., que tiña por obxecto identificar as illas do Estaño, as Cassiterides; a dirixida no ano 73 a.C. polo xeneral Perpenna; e a dirixida entre os anos 61 e 60 a.C por César, quen chegou a Brigantium, que puxo fin ao proceso de integración do pobo galaico no Imperio romano. As guerras cántabras, que comandou Augusto entre os anos 29 e 19 a.C., apenas supuxeron a incorporación dalgunha comunidade.

Daquela, á integración do pobo galaico, cuxa identidade diferenciada do resto da Península non tardaron en recoñecer, no Imperio romano coincidiu coa fase de apoxeo da cultura castrexa, un momento de grande dinamismo económico e demográfico e no que se reforzaron todos os elementos da organización sociopolítica castrexa. Así, fronte a este feito, os romanos, para reforzar a súa presenza e instalación no territorio, aproveitaron o sistema de organización político-social, que se estruturaba arredor de dúas unidades básicas (castellum ou castro e populi ou pobo) á fronte das que se atopaba unha elite local, para conseguir a colaboración desas elites indíxenas locais, o que a súa vez favoreceu a súa propia consolidación polas autoridades romanas, como testemuñan algúns dos pactos de hospitalidade que se conservan. Un feito que non debe resultar estraño: foi unha alianza de clases que resultou beneficiosa para as elites romanas e galaicas.

Froito da integración no Imperio, os romanos organizaron o territorio en tres conventos (unidade administrativa de carácter xurídico): asturiacense, lucense e bracarense, integrados en tempos de Augusto, no ano 27 a.C., na provincia Tarraconensis, que no ano 284 d.C., trala reforma de Diocleciano, pasaron a formar unha provincia autónoma: a Gallaecia. Un territorio habitado por anfilocos, ártabros, coelenos, lugóns, supertamarcos..., cuxas actividades produtivas, especialmente algunhas relacionadas coa agricultura, a gandería, a minería e a artesanía, pasaron a integrarse nos circuítos comerciais internacionais, sobre todo grazas tanto ao transporte marítimo.

Moitas veces se falou de fracaso da romanización en Galicia debido a que non están presentes no noso territorio algúns dos elementos máis típicos do mundo romano, como os templos e outros edificios públicos (teatros?); non obstante, alén de que os romanos atoparon en Galicia o que viñeron buscar (principalmente recursos mineiros), o certo é que para lograr ese obxectivo conseguiron avanzar nun proceso de aculturización que se caracteriza polos seguintes feitos: a) fixaron o latín como lingua do territorio, da que procede o galego; b) introduciron o culto ás divindades romanas, como Xúpiter, os lares e as ninfas, aínda que se permitiu o culto a divindades indíxenas, como Bandua ou Cosus; e c)incorporaron na tradición artística local manifestacións propias, como a confección de mosaicos, que os artesáns galaicos reinterpretaron dun xeito particular.

Hidacio de Chaves ou Paulo Orosio, autores cristiáns e latinos, son a culminación dese proceso de romanización nos séculos IV e V.

Campamento de Aquis Querquennis (Bande).

Unha de romanos

  • Os romanos, cando se estableceron na Gallaecia, coexistiron cos galaico-castrexos nunhas estruturas urbanas de nova creación: as urbes, como Bracara Augusti (Braga), Lucus Augusti (Lugo) e Asturica Augusta (Astorga); os asentamentos de menor entidade e mansións, como Brigantium (A Coruña), Aquis Celenis (Caldas) ou Iria Flavia (Padrón); os campamentos militares, como o de Aquis Querquennis (Bande) ou Cidadela (Sobrado dos Monxes); e as vilas, como a de Santomé (Ourense), Noville (Mugardos), Adro Vello (O Grove), Cambre ou illa de Toralla (Vigo), que mantiveron unha relación particular cos vellos castros galegos, algúns altamente romanizados, como o de Viladonga (Castro de Rei) ou o de San Cibrao de Las (San Amaro).Así mesmo, aínda que moi alteradas por obras posteriores, conservamos numerosas pontes romanas, como as de Ourense ou Augapesada (Ames), e, por suposto, a torre de Hercules, o único faro romano en activo na actualidade.Non obstante, alén deses asentamentos ou infraestruturas de gran envergadura, existen outros moitos asentamentos espallados pola nosa xeografía, como o templo pagán de Santalla de Bóveda (Lugo); minas, como as das Médulas no Bierzo; treitos de calzadas e miliarios, como os de Portela do Home (Lobios), situados na vía Antonino Pío, que unía Bracara Augusti (Braga) con Asturica Augusta (Astorga).

Compartir el artículo

stats