Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Anxo Angueira: "Sempre se vai poder dicir algo novo de Rosalía de Castro"

Anxo Angueira: "Sempre se vai poder dicir algo novo de Rosalía de Castro"

- Cal foi o seu obxectivo (ou obxectivos) á hora de facerse cargo desta nova edición de Follas Novas?

-O traballo forma parte dun proxecto que é o de facer a edición crítica da obra completa, en prosa e verso, en galego e castelán. Trátase dun proxecto concibido desde unha visión renovada e sistémica da obra rosaliana. Non se trata unicamente de fixar o texto. Con Follas novas quixemos facer un estudo introdutorio que delimitase os principais perfís da obra en canto a xénese, estrutura e poéticas e despois unhas notas e comentarios a cada poema que axudasen na súa interpretación.

-Aínda se poden dicir moitas cousas da obra de Rosalía que non estiveran ditas (ou escritas) xa?

-Moitísimas. Sempre se vai poder dicir algo novo de Rosalía porque a súa dimensión literaria, como a dos grandes escritores, é inesgotable. Pola súa parte, Follas novas é unha obra complexa, poderosa que, coma un océano, sempre terá novos horizontes e descubertas para a crítica e os lectores de calquera tempo.

-Como cualificaría a relación entre Cantares gallegos e Follas Novas?

-Follas novas foi concibido como unha especie de continuación de Cantares gallegos, pero o tempo e as circunstancias fixeron da obra outra cousa. A propia autora alude a estas diferenzas no prólogo. Despois do Sexenio democrático chegou o fracaso e a reacción política que supuxo a Restauración borbónica. Daquela a obra, que estaba en construción, escorou claramente cara ás poéticas da dor, da soidade, da noite e do adeus, no persoal e no comunal, no intrasubxectivo e no político: a nación das penélopes. Entra así Rosalía no océano da alta poesía europea do XIX que segue o ronsel de Novalis, Byron, Leopardi, Lérmontov, Hölderlin... A obra, como a propia Rosalía, converteuse nun universo en expansión.

-Por que en Rosalía, tan comprometida xa coa lingua galega, decide volver ao castelán co poemario En las orillas del Sar?

-Anunciouno precisamente no prólogo de Follas novas. Velaí tamén outro adeus. Volveu ao castelán con ese extraordinario libro de poemas, pero iso non quere dicir que abandonase o compromiso cultural e político con Galicia. Algúns dos grandes poemas nacionalistas de Rosalía están nesa obra. E estes versos, precisamente a propósito do silencio na protesta política e literaria a respecto de Galicia: "que es el silencio hermano de la muerte / y yo no quiero que mi patria muera".

-Rosalía tamén ten obra en prosa. Cre Vde. que é necesaria unha revisión desa obra ou realmente a calidade da súa prosa deixa moito que desexar en comparación cos textos líricos?

-A prosa de Rosalía está sendo posta en valor precisamente nos últimos anos. As novelas, os contos, os artigos, os manifestos... Non hai nada parecido a El caballero de las botas azules no seu tempo. Ou a El primer loco. Rosalía é unha lectora de E. A. Poe ou de G. Sand ou de Goethe que intenta facer novas cousas, aínda que sexa no folletín. E despois están textos emblemáticos do feminismo, como poden ser "Lieders" ou "Las literatas".

-Atopa vínculos claros entre a Rosalía de Follas novas e a lírica galaico portuguesa?

-A lírica galega medieval estábase difundindo en Galicia precisamente nos últimos anos de vida da nosa autora e é posíbel que ela coñecese, como Murguía, algúns textos. Non hai citacións literais, pero ás veces sorprenden as veciñanzas dos motivos. A Penélope de "Tecín soia a miña tea" é similar á amiga de Martín Codax que interpela as ondas do mar de Vigo. Como tamén a viúva que se bota a afogar nas "Torres de Oeste" pode evocarnos a moza de Meendinho en San Simón. Noutro sentido, hai versos de Follas novas que son mergullos nas profundidades do eu moi similares aos feitos por Sigmund Freud corenta anos despois. A grande poesía ten estas cousas.

-Despois de Cantares, queda algo do popular e musical en Follas novas?

-Si, hai cousas comúns entre os dous textos. O poema "Miña casiña, meu lar", o da épica da resistencia dos miserables, é da mesma estirpe. Agora ben, Rosalía dá un golpe de leme moi consciente na construción do que hoxe chamamos "literatura nacional" no momento en que se estaba xestando. Cantares gallegos era un éxito pero tamén un perigo: o de que tanto ela coma a literatura galega se asociasen unicamente ao eido popular. Non se agardaba unha poesía deste calado en galego. Falábase da nación, e a nación de Follas novas vén ser a muller e mais o pobo traballador, pero ao mesmo tempo tamén se facía alta literatura. O musical? A música de Follas novas é múltiple, pero agora a muiñeira é "A xusticia pola man" ou "Na catredal". En vez da alborada agora soan as cordas graves dos adaxios e retumban ásperos os metais da "Negra sombra".

-Que influencia tivo Follas novas na xeración poética sucesora da de Rosalía?

-Este é un deses poucos libros que non deixa de ter impacto ao longo dos anos e das xeracións, coma De catro a catro, de Manuel Antonio. Na primeira páxina do FARO DE VIGO do 23 de setembro de 1880, Nicolás Taboada Fernández asina unha das primeiras e máis fermosas e acertadas recensións da obra: libro de solpor, si, pero de fermosísimas cores e sorprendentes tintas. Aí xa se deixaba dito o carácter permanente como obra de referencia que Follas novas ía ter. E non só como cume da poesía galega, senón que tamén da arte literaria en xeral. E así foi.

-Facendo un pouco de posibilismo e ficción, que sería da poesía galega de non existir a figura (e a obra) de Rosalía?

-É un exercicio imposible de facer. Ademais, a incidencia de Rosalía vai moito máis alá da poesía e da literatura. O seu capital simbólico é literario e cultural, pero tamén social e político. Ela conformouse en todo un emblema de Galicia. O rechamante resulta que ese emblema é a un tempo permanente e tamén mutante, vaise actualizando e recargando, cada vez con máis forza e distintas enerxías, ao longo dos anos.

Compartir el artículo

stats