Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Ficción e TV

No emerxer da excelencia

Fotograma de El Ministerio del Tiempo.

Nos últimos anos, a ficción televisiva acadou un protagonismo primordial no mundo audiovisual nunca experimentada desde o nacemento da pequena pantalla. A masa de público que referenda o éxito comercial dunha serie non para de crecer, mentres que a crítica cinematográfica -si, cinematográfica- destina cada vez máis ensaios a enxalzar a calidade destes produtos. Semella que a "caixa parva" decantouse por este xénero para acicalar o seu prestixio e converterse nunha tribuna de ficción intelixente e de calidade. Actores de prestixio en Hollywood aceptan papeis para estas series sen temor a que o seu caché perda lustre. Non hai dúbida de que estamos ante a idade de ouro da ficción televisiva. A que se debe este salto de calidade?

Se botamos unha ollada á televisión actual, de seguido comprobamos que o outro produto emerxente nos últimos tempos é o reality-show, un formato baseado na primacía da montaxe: anacos da realidade que son editados na procura dun resultado final que faría as delicias dos mestres soviéticos se non fora porque acaban ofrecendo un produto máis preto do show que do reality. No caso das series, sen embargo, o guión representa o núcleo da creación audiovisual, como acontece, por outra parte tamén, na arte cinematográfica. Os guionistas das series pasaron de ser escritores anónimos a converterse en autores imprescindibles. A continuidade de Mad Men non estivo confirmada ata que os produtores aceptaron os 20 millóns de dólares que o guionista Matthew Weiner reclamou por renovar o seu contrato. Do mesmo modo, as interpretacións de Matthew McConaughey e Woody Harrelson en True Detective -actores consagrados en Hollywood- non foron quen de eclipsar a figura do seu creador-escritor Nic Pizzolatto.

En definitiva, todo comeza na raíz, na elaboración dun guión que integra unha historia completa, concibida como un todo unitario no que o guionista principal se libera dos esquemas preestablecidos das series de capítulos individuais e inicia un itinerario pola experimentación narrativa, cunha historia de largo percorrido que lle permite construír unha trama moito máis complexa e profunda. A presentación psicolóxica do personaxe xa non se delimita ao primeiro capítulo, senón que se constrúe progresivamente ao largo de toda a serie, algo que non sucede nos produtos con capítulos autónomos. Castle é sempre Castle, non pode variar respecto da súa primeira aparición, o cal esixe unha caracterización inmediata, superficial e marcada polos estereotipos.

Unha característica xeneralizada destes produtos é a adopción dunha estrutura modernista que quebranta a linealidade da narración, da que temos como exemplo antolóxico a utilización de flashbacks en Perdidos.Perdidos Certo que estes formatos contan con grupos de guionistas ao servizo do guionista principal, pero a importancia da unidade queda de releve cando o primeiro capítulo máis o final quedan reservados ao autor. Son historias pechadas desde o inicio, cuxa evolución depende exclusivamente da imaxinación do escritor e non de factores externos ao proceso creativo. Por primeira vez, e aquí radica o feito revolucionario, a televisión confía na intelixencia do televidente. Supón unha vitoria da calidade, daqueles postulados estéticos e narrativos aplicados durante anos no cine, na literatura ou no teatro e que agora semellan dar o salto á televisión, ante entusiasmo dun sector da poboación que, farto da mediocridade e da obscenidade que transita con impunidade polas cadeas, agarda que unha nova mirada, máis crítica, lúcida e selecta, se apousente no espectador televisivo. Chegará algún día esa excelencia aos telefilmes? Os espectadores da sobremesa dos fins de semana abofé estarán agradecidos.

Series españolas

  • A idade de ouro das series españolas está aínda por chegar. Por moito que as producións autóctonas acaden excelentes resultados de audiencia, o favor do público non vai ligado, de momento, a un salto de calidade. A día de hoxe, as series españolas emulan, narrativa e esteticamente, as series estadounidenses dos anos oitenta, mentres as series galegas, á súa vez, emulan as series españolas de hai tres décadas.Se facemos un breve percorrido por algúns produtos nacionais emitidos nos últimos tempos, probablemente atoparemos outro produto análogo que décadas atrás chegaron desde o mercado norteamericano. Unha serie como El Ministerio del Tiempo de TVE, que xoga un importante papel como formato divulgativo-popular propio dunha canle pública, conta, a pesar da súa eloxiada orixinalidade, cun referente na serie Voyagers da NBC que, a finais dos anos oitenta, foi emitida pola Televisión de Galicia co título de Viaxeiros, serie que algúns dos lectores recordarán polo seu actor protagonista, Jon-Erik Hexum, falecido en tráxicas circunstancias durante unha rodaxe. Porén, o éxito de audiencia destas series españolas pode levarnos a considerar, pero este é xa outro debate, sobre a importancia de fomentar, desde as televisións, a promoción e non só a produción do audiovisual nacional.

Compartir el artículo

stats