Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Coa calidez do sorriso

Retratos do intanxíbel

Coa calidez do sorriso

Se non abondosa, si é suficientemente fecunda a nosa bibliografía acerca do humor ou sobre a súa manifestación serodia, o riso, ou sobre a máis estrondosa, a gargallada. Vénme á mente o traballo de Celestino Fernández de la Vega quen n'O segredo do humor, co seu pudoroso saber carregado de fondura heideggeriana, analizou grandes humoristas occidentais e algún de noso. Tamén teórico, mais nunha dimensión máis pragmática, o xenial Castelao, alén de reflexionar sobre o humorismo, exerceuno en todas e cada unha das súas producións artísticas con agudeza impar. O volume que agora comento, Teoría do riso, de Antón Patiño (Monforte, 1957), segue esta esteira, sen obviar Erasmo de Rotterdam ou o recentemente falecido Umberto Eco coa celebérrima Il nome della rosa que resume decerto esta vindicación do bonhumor.

Para quen só coñeza a súa faceta primordial, a do pintor, integrante do grupo Atlántida que revoltou as até entón calmas augas da arte galega, saiba que Antón Patiño publicou excelentes ensaios acerca de Lois Pereiro (Lois Pereiro. Radiografía do abismo, comentado por min mesmo neste suplemento) ou Uxío Novoneyra (Uxío Novoneyra: a poética do intre) sen esquecer asisadas páxinas acerca de Urbano Lugrís (Urbano Lugrís: viaxe ao corazón do océano) ou da figura de Reimundo Patiño (Reimundo Patiño en edicións A Nosa Terra).

Na presentación do libro que comentamos, o crítico de arte Alberto González Alegre sinalou a dimensión pictórica do noso autor informándoa no máis amplo contexto das actividades electivas. De entre elas, o achegamento á poesía non é a menor. O monfortino visita a poesía desvelando, desde o título, o seu carácter irónico, ou paradoxal.

O acto de rir, por espontáneo, parece omitir a reflexión, a sensatez ou a prudencia. Rir sería, entón, un acto de subversión para romper as regras do establecido.

O poder arróupase na seriedade e o riso sería a arma dos esmagados pola historia para subverter o mundo e abolir as súas mesquindades. O bisturí so riso acabaría anulando o espazo vacío, o espazo que non sofre, a indiferenza. Por iso o presente tomo está ateigado de aforismos: "A memoria do humor/respira no corpo/aberta faciana sorrinte"; citacións subversivas: "Xogar coa seriedade/coa que o fai o neno: (dicía Nietzsche)"; mais tamén composicións onde o pincel pinta retratos dunha realidade intanxíbel, con rara sensibilidade: "Treboada escura./Veu despois o pacto polícromo/a transparencia chama o cristal/cando a lúa acada a luz"; pezas como haikús brevísimos, epigramas xocosos: "Home invisíbel busca/muller transparente/ para facer cousas/nunca vistas". Entón fica nos beizos a calidez indelébel do sorriso.

PATIÑO, Antón, Teoría do riso, Ed. Xerais, Vigo, 2016, PVP. 13, 50 ?

Compartir el artículo

stats