Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Pequenas alfaias narrativas

Precisión na linguaxe e acaído ritmo

Pequenas alfaias narrativas

Na entrevista publicada hai poucos días nestas páxinas, comentaba o autor certos aspectos fundamentais destes contos, nomeadamente a importancia da atmosfera e o tempo onde se desenvolven, e mais o carácter cotián que comparten, xa que todas as historias -agás unha: ese caso da moza desaparecida que Lew Archer xamais chegou a resolver- se inspiran en sucesos reais; o que non deixa de resultar inquietante, pois os seus contraditorios personaxes -definitivo, a este respecto, o relato inicial, cun narrador difícil de esquecer- protagonizan unha traxicomedia de consunción e consumo tan absurda coma verosímil, tan recoñecible coma distópica: a vida mesma unha grande superficie comercial, e o gando a darse dentadas camiño do matadoiro.

Un tal polígono Outlet -xeometría de refugallos- actúa como nexo, erixido en metáfora dun universo artificial de homoxeneidade controlada, un espazo desconectado por completo da realidade exterior, da natureza, das peculiaridades culturais e as tradicións diferenciadoras, ás que parasita e suplanta coa súa predicible globalidade: aire acondicionado, música ambiental, elementos suxestivos de estabilidade e felicidade -iso si, todo por un prezo- a conformar o hábitat propicio do novo feudalismo, se cadra cos amos de sempre -xa se sabe que "A man invisible e sabia do mercado goberna o mundo"- mais, por primeira vez, ocupado por unha caste de escravitude tan desexada coma voluntaria, seducida polas consignas dun ilusorio estado de benestar que ofrece de luxos a baixo custe, e onde a apariencia e a satisfacción individual triunfan sobre a conciencia ética, coa connivencia dos oprimidos.

Sobrias tarxetas de empresas radicadas no polígono preludian os contos, acompañadas por citas ao pé que inciden no concepto de deshumanización, subliñado este polo esvaradío simbolismo que suxire a desorde dos nomes dos citados. Tampouco semella inocente a elección dos nomes das vías, que fan lembrar o insólito santoral científico das do polígono do Tambre e inclúen a Darío Gancedo -personaxe de "Todos os camiños"- ou a Guy Débord, aquí moi oportuno na súa revisión da historia coma espectáculo e a reconsideración do valor dos desperdicios. Os frecuentes xogos de palabras revelan, por outra banda, inesperadas relacións e novos sentidos, que derivan ás veces cara ao humor -de certo, cousa seria- e outras provocan un calafrío de desesperanza: o propio título apunta a esa dobre lectura, pois converte esa expresión común, en apariencia inofensiva e que mesmo promete ventaxosas ofertas, nun estarrecedor anuncio de vidas estragadas a deixarse escorrer polo sumidoiro abaixo, cara a un remate irreparable; e o mesmo pode dicirse do que nomea o relato máis longo, peripecia en catro entregas, á maneira dunha peli de colegas na estrada: "Dous de copas", literalmente, e cun sangue máis quente ca frío.

Coma nos vellos romances -e tamén nas novas do xornal-, as historias inícianse in media res e presentan final trunco, a relatar o momento culminante; xustiza sen honor, sexo sen amor, ás veces é o estourido da violencia contida na forza dunha vinganza; outras, a constatación de que algo cheira a podre baixo o aroma corporativo. Mesmo os "ismos" políticos que determinaron os grandes conflitos do pasado semellan cousas de dinosaurios a a topenear na verbena ou entregados a ridículas pugnas. Así é a realidade por detrás do espellismo publicitario: con colorantes e conservantes e unha resaca que durará máis ca festa; mais aquí, xenuinamente, atoparán diversión e reflexión resumidas nestas pequenas alfaias narrativas, cun admirable sentido da medida, precisión na linguaxe e acaído ritmo.

CARIDE, Ramón, Liquidación de existencias, Ed. Xerais, Vigo, 2016, PVP. 16, 65 ?

Compartir el artículo

stats