Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Pacífica bravura

Alegoría da non violencia

Pacífica bravura

Munro Leaf presenta xunto a Robert Lawson A historia do touro Ferdinando, volume que Kalandraka Editora vén de publicar na colección "Tras os Montes" e no que o lector mozo percibirá como o tema do pacifismo e a non violencia se personifica, curiosamente, na figura dun animal bravo por natureza como é o touro. Trátase ao mesmo tempo dunha sorte de alegato contra unha das manifestacións das tradicionais festas nacionais, como son as corridas de touros, onde despois de cravar o animal en repetidas ocasións aséstaselle, no mellor dos casos, un estoque final que remata coa morte do rumiante.

Mentres outros turraban, Ferdinando prefería o recendo das flores, actitude que mantivo ao longo da súa vida e que lle valeu o indulto na praza de touros pola súa docilidade.

Esta alegoría do pacifismo, que se ten convertido nun clásico da literatura infantil en todo o mundo, foi traducido a máis de sesenta linguas e nalgún momento prohibido en países como Alemaña ou España polas connotacións antibeliscistas que amosa. Superadas as barreiras puntuais que a obra do norteamericano atopou, a editorial galega recupera a primeira versión en branco e negro que data do 1936 para amosar a súa actualidade e sorprender cun comportamneto antinatural do touro, manifestando a oposición á guerra e a calquera forma de violencia, nunha especie de obxección de conciencia na que o individuo se instala co fin de negarse a acatar ordes ou leis que van en contra do dereito a elixir libremente o destino.

Ademais do trazo preciso e minucioso que nos transporta a un mundo de ensoñación no que cobran vida símbolos como as flores ou os paxaros, o lirismo que impregna a prosa, aderezado cunhas pingas de humor sutil en ocasións naïf, fai que a historia circule polas vías da tolerancia e da cordialidade nun mundo de enfrontamentos feroces que, no caso destes animais, camiñan cara á destrución.

Trátase dun volume que engaiola pola tenrura que desprende o protagonista, polo embeleso da narración, pola filosofía que respira e polo didactismo que zumegan cada unha das páxinas e que se fai visible tamén en cada un dos detalles das ilustracións.

FEAF, Munro, A h istoria do touro Ferdinando (Ilustr. R. Lawson), Ed. Kalandraka, Pontevedra, 2016, PVP. 14 ?

Compartir el artículo

stats